Notas para unha hipótese desacougante

O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg © OTAN

1, Partimos de que as decisións dos gobernos réxense pola Razón de Estado. Razón que non responde a outra cousa que aos intereses das súas clases dirixentes e que vehiculan as elites políticas. Segundo a súa capacidade de racionalización deses intereses será a súa valoración política (pero non esquezamos que, ao final, quen paga o fracaso son esas elites políticas, mentres que as económicas sempre saen a flote: véxase a IIª Guerra mundial e o proceso de Nüremberg).

2, O contexto actual, polo que ten que ver co que nos interesa, manifesta dúas caras, que o son da mesma realidade: a incapacidade para aumentar a taxa de beneficio (desde a crise dos inicios dos setenta, con flutuacións irrelevantes esencialmente), e a perda de centralidade dos Estados Unidos; é dicer das súas elites económicas.

3, A incapacidade das elites económicas norteamericanas para reverter a situación de decadencia: reconfiguración do sistema-mundo, que xira cara Oriente (e, en particular, cara China). 

4, Os intentos habidos (globalización neoliberal, deslocalización da produción para mellorar a taxa de beneficios, incorporación dos países do antigo “socialismo real”, as “novas tecnoloxías” TIC, guerras para facerse co control de fontes de materias primas, ...) só conseguiron melloras puntuais, que se reverteron rapidamente volvendo á situación de crise estrutural.

5, Ademais, a procura de recuperación da taxa de beneficios coa deslocalización industrial implicou, necesariamente (unha contradición máis do capitalismo) a emerxencia do novo gran rival económico (China) e que a economía-mundo desprazase o seu centro cara oriente, acentuando o declive da anterior centralidade americana no sistema-mundo.

6, Como nos ten explicado Giovanni Arrighi coa súa historia dos sistemas-mundo (“o logo século vinte”), cada fracaso e nova reconfiguración do sistema-mundo, centrado nunha nova economía, vai acompañado dunha financiarización da mesma, na procura duns beneficios baseados no “capital ficticio”, toda vez que se esgotou a capacidade de facelo en base ao capital industrial. O que está a pasar nestes momentos.

Envío de armas a Ucraína dende os EUA CC-BY-SA Mauricio Campino

7, As únicas armas de que dispoñen, e que están a utilizar (Afganistán, Iraq, ...), esas elites económicas norteamericanos, son as armas militares. Levan algún tempo intervindo militarmente coa fin de impedir (inxenuidade) ou de atrasar (realismo) a perda de centralidade. Até onde están dispostos a utilizar esas únicas “armas” que lle quedan debe ser o que se converta no gran motivo de preocupación; especialmente cando sabemos que interesa (os beneficios) e que é irrelevante (as vidas humanas) para o capital.

8, Logo, a orientación do sistema-mundo xira cara China. E China convértese no gran, e real, inimigo desas elites. As elites políticas teñen a función de actuar conforme a eses intereses e esa racionalidade. Mais o eixo oriental inclúe a Rusia, en canto gran potencia militar; polo tanto, podemos falar dun eixe Rusia-China. Iso significa que as accións, políticas e militares, entenderanse nese sentido: atacar a un é atacar a outro; e atacar a un faise se iso significa enfrontar a perda de centralidade (por parte das elites políticas e económicas norteamericanas).

9, Neste sentido é no que hai quer ler a “guerra” Rusia-Ucraína. Como guerra por delegación. A guerra é Estados Unidos-Rusia; polo tanto, Estados Unidos-China. O nacionalismo etnocida ucraíno espera obter vantaxes con esta política de monicreque. Iso tamén significa que calquera pretensión de derrotar ao inimigo significa derrotar un eixe determinado. Tanto os gobernos ruso como chinés saben perfectamente o que se está a xogar.

10, O actual conflito armado e económico puxo en evidencia a inanidade da política da UE e como esta segue a estar en dependencia da política dos Estados Unidos. A opción era buscar unha opción autónoma (aí o “xogo da diplomacia” francesa e alemaña; os demais non contan) ou aceptar o seu carácter de países satélites. Está clara cal foi a opción das elites políticas e económicas europeas (o cuarto reich era unha filfa): asumir a alternativa amigo/inimigo.

11, Lembremos: a crise do ‘29 non a resolveu o New Deal. Foi a guerra, a IIª Guerra Mundial. Pero non a resolveu en Europa. Resolveuna nos Estados Unidos. A reconstrución europea realizouse coa “axuda” dos Estados Unidos: aumento da taxa de beneficios (os “trinta gloriosos” do capital).

12, Lembremos: nos anos ‘80 a “intelixencia militar” norteamericana desenvolveu a doutrina da guerra nuclear limitada (limitada a Europa). Era a época do rearme cos mísiles de cruceiro, de curto e medio alcance en Europa; ou sexa, co escenario nuclear limitado a Europa. As dúas “superpotencias” tiñan os seus “colchóns” para non sufrir a guerra: Europa occidental e Europa oriental (para evitar unha guerra nuclear total).

13, A extensión da guerra en Ucraína pode cumprir a función que cumpriu a IIª Guerra Mundial na crise na que estamos (na que entramos ao esgotar o crecemento asociado á reconstrución post IIª G.M.). Unha nova guerra (máis ben europea que mundial) é a hipótese desacougante para os pobos europeos, pero nada desacougante para as elites capitalistas, senón todo o contrario.

14, Hoxe pode pensarse neste escenario: recuperar a taxa de beneficio cunha “destrución creativa”, cunha guerra (que sería nuclear, ou non, convencional, pero, en todo caso, “limitada”). Tamén supoñería para as elites norteamericanas a recuperación da taxa de beneficio, asociada á reconstrución europea. Isto é, unha guerra limitada a Europa resolvería dous problemas: a acumulación de beneficios para as elites económicas norteamericanas e o seu mantemento sen desfeita (o que non significa necesariamente manter o seu predominio mundial, pero si, polo menos, en boa parte do mundo).

15, De feito, as sancións económicas van neste sentido: de establecer unha maior dependencia da U.E. respecto dos EEUU e de rachar as vinculacións económicas co inimigo. Naturalmente se se conseguise crear dificultades económicas a este, mellor que mellor; e, ao mesmo tempo, mellorar a recadación por parte do centro do imperio. Pero ningún dominio se pode asentar a partir da exportación de materias primas, senón que os obxectivos fundamentais non poden ser outros que os anteditos.

16, Obviamente, hai dous problemas: como limitar a Europa a guerra; e as consecuencias climáticas. Porque está claro, ademais, que non é pensábel unha derrota de Rusia. Non sería limitada a guerra; ninguén se “deixaría derrotar” sen usar todas as armas dispoñíbeis; ademais de que China tampouco o aceptaría. E menos realista sería pensar na derrota de Rusia e China e a recuperación dos Estados Unidos como única “superpotencia” (a diferenza entre poder destruír o planeta vinte veces e podelo facer cen é irrelevante). Mais seguro que as elites norteamericanas están procurando as solucións; e quizais o aumento do patio traseiro europeo (léase integración na OTAN de países neutrais, que moito xa non o eran, senón isto non se suscitaría), vai por aí.

17, Tampouco é motivo de preocupación para as elites económicas do capital o deterioro ecolóxico. Se alguén pensa que as intervencións de calquera tipo terán en conta os seus efectos mediaoambientais está nun erro absoluto. Non só a historia, senón, por se fixese falta, o excelente libro de Naomi Klein (“a doutrina do schock”) deixa meridianamente claro o ben que se moven ditas elites en situacións catastróficas; é máis, como as provocan para aproveitar ditas situacións para impoñer os seus intereses; e moito máis se esas situacións van acompañadas do exército nas rúas; ou sexa do control militar. Isto é, as elites norteamericanas contan con estudos ao respecto; e se non houbese colapso planetario (non esperábel), por moitas consecuencias negativas que houbese non serían relevantes, para elas. Non só contan co mantemento do seu poder en circunstancias “normais” de deterioro ecolóxico irreversíbel, senón que máis aínda contan co mantemento do seu dominio nunha situación de guerra, pois daríase, o deterioro ecolóxico, baixo un control político, ideolóxico e militar por parte desas elites.

18, No mellor dos casos, o aseguramento do patio traseiro europeo, e xa non só países satélites, pode restrinxir o ámbito económico chinés, ao quedar exclusivamente baixo a dependencia norteamericana o continente europeo. Iso pode fortalecer ao capital norteamericano, ao depender exclusivamente del a reconstrución europea e estarlle vetado este espazo económico ao capital chinés. Unido aos varios países satélites, senón xa meros patios traseiros, en ámbitos xeográficos próximos ao chinés (léase Corea do Sur, Taiwan, Xapón, Australia, Nova Zelanda, por exemplo) permitirán manter o predominio do capital norteamericano (polo menos mentres dure a “nova” reconstrución europea).

19, No peor dos casos, aínda reducindo o ámbito de intervención do capital chinés, as interdependencias económicas probabelmente impedirían un peche total das relacións económicas; mais iso ao que levaría sería ao establecemento de dous grandes bloques económicos, con dous grandes ámbitos de influencia, o que non impediría a existencia de países díscolos, que poderían ser posíbeis espazos de guerras por delegación; o que non vén nada mal para a conta de resultados dos complexos militares-industriais; ademais do estrutural crecemento de investimentos militares, necesarios para a seguridade de cada bloque. Os bloques da nova guerra fría xa non serían ideolóxicos (capitalismo-liberdade/comunismo-despotismo oriental), senón económicos; mais iso non quita que se puidese xogar tamén con propaganda ideolóxica (China como país comunista: de novo despotismo oriental contra os valores democráticos e liberais occidentais).

20, Se as elites europeos aceptaron e están a aceptar o seu “suicidio” iso non é nin debe ser o caso para os pobos, que serían, como sempre, os que poñerían as mortes e o sufrimento. A consigna para a cidadanía europea está moi clara: OTAN NON. BASES FÓRA.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.