Notas rápidas encol dos incendios forestais

Un ano máis toca falar dos incendios forestais. Contodo, este ano, a incidencia deles a estas alturas de verán parece un chisco menor. Ocultos ou non os datos de sinistros incendiarios semellan máis reducidos do que o foron nos últimos anos. Porén o promedio das 26.000 hectáreas queimadas anuais que se veñen rexistrando desde fins da década de 1980, non deixan lugar a moita esperanza e co que resta de verán non estamos libres de que se podan ocasionar aínda elevadísimos danos. Non debemos, así e todo, baixar a garda; o mes máis perigoso segundo transmiten os rexistros é setembro.

Cada vez que hai lume durante días lemos e escoitamos palabras grandilocuentes como “terrorismo incendiario” ou “pirómanos”, referíndose a persoas que teñen unha caste de fixación por queimar os recursos naturais, de xeito premeditado; mesmo en ocasións transmítese á sociedade a sensación de que existe un colectivo organizado, coa clara vontade de botarlle un tento ao Goberno Galego empregando o lume como arma de acoso e derrubo das Institucións. Pero outra volta a realidade é teimuda e seguimos sen atallar as verdadeiras causas dos incendios forestais.

Se en realidade houber unha trama “incendiaria”, “terrorismo”, como tan apresuradamente o teñen calificado o presidente da Xunta e o Delegado do Goberno en Galiza, u-los protocolos de loita contra este?

Porque se en realidade houber unha trama “incendiaria”, “terrorismo”, como tan apresuradamente o teñen calificado o presidente da Xunta e o Delegado do Goberno en Galiza (antes conselleiro do Medio Rural), u-los protocolos de loita contra este? U-las unidades especiais das forzas de seguridade para combatelos? Houbo xuízos na Audiencia Nacional contra algún “presunto terrorista” incendiario? Non houbo nin hai, porque fóra dos discursos máis ou menos intencionados, o que en realidade se revela é unha enorme cegueira e a constante renuncia a aplicar solucións políticas a un problema de profunda raiz histórica e social.

O territorio galego durante séculos contou cun sistema de aproveitamento que nunca foi “forestal”1: O denominado Sistema Agrario Tradicional, que até o último terzo do século XX incluía as áreas do monte como unha parte máis da explotación agraria. A escaseza de terra en Galiza condicionaba o mundo labrego obrigándoo a reservar as mellores parcelas para cultivos máis esixentes en calidade e fertilidade do solo coma o trigo, as patacas, o millo,... O monte destinábase a usos complementarios. As funcións deste eran principalmente extraer del o toxo e outras especies vexetais que, combinadas coas dexeccións animais, constituían o esterco co que se fertilizaba, servir como zona de pastoreo e tamén dotarse dunha superficie extra onde sementar certos cereais para a manutención da cabana gandeira. Unha parte moi importante dese monte era mancomunado, xestionado de modo conxunto por parte da veciñanza dun lugar, dunha aldea ou dunha parroquia.

Dentro do sistema agrario tradicional o lume empregábase coma unha ferramenta de traballo. Limpaba as terras e ao tempo, achegaba a fertilización para implantar e renovar as superficies de cultivo e pastoreo

Dentro do sistema agrario tradicional o lume empregábase coma unha ferramenta de traballo. Limpaba as terras e ao tempo, grazas a que as cinsas teñen alto contido potásico (nitratos e cloruros, basicamente), aportaba a fertilización para implantar e renovar as superficies de cultivo e pastoreo.

Por volta do século XX, decretado pola ditadura de Primo de Rivera primeiro e pola de Franco posteriormente, o monte veciñal exprópiase á veciñanza e integra, deste xeito, o patrimonio do Estado. O que eran actividades cotiáns, de súpeto, deveñen en proscritas: O Estado decide repoboar esas superficies con especies forestais (piñeiros maiormente) proibindo de contado o uso do monte para cultivo e pastoreo. O lume, que era unha ferramenta de traballo, califícase por parte das autoridades como un instrumento de agresión. E o que queima, en delincuente. A veciñanza, desprazada desa superficie que empregara toda a vida, convértese en allea da súa propia terra. O lume, nese momento, vira de ferramenta de traballo a arma de rebelión contra o Poder.

Coa evolución social e económica dos anos 1960 dous fenómenos dan o golpe definitivo ao Sistema Agrario Tradicional e transforman de xeito brutal a agricultura de Galiza: O éxodo masivo do rural cara a cidade e a chegada de insumos procedentes do sector secundario. O éxodo, por unha banda, recorta significativamente a man de obra disponible nas casas labregas e por outra contribúe ao abandono da superficie. Esta situación opera, paralelamente, co segundo fenómeno: Emprégase a maquinaria onde pouco antes había brazos para traballar. Ao mesmo tempo muda a estrutura e adicación principal das explotacións. A especialización leiteira de Galiza medra parella á incorporación de bens procedentes do sector secundario, maquinaria e instalacións, fertilizantes e sementes que acurtan os ciclos e elevan a produtividade forraxeira na escasa superficie da que dispoñen unhas granxas cada vez máis grandes.

Por outra parte, a devolución dos Montes Veciñais en Man Común, loitada e gañada por parte das comunidades rurais, por volta da década de 1970, deixa nunha situación moi precaria estas superficies: Cando os montes veciñais se retornan aos seus lexítimos propietarios faise mal: Falta de deslindes, conflitos coas parcelas, cultivos forestais arbóreos que inicialmente non estaban alí,... As consecuencias deste proceder son dúas: Por unha parte a inseguridade manifesta sobre a titularidade das superficies que fai que a xente non teña a mesma consideración sobre o monte e por outra un caldo de cultivo perfecto para incrementar a conflitividade ligada a aquel.

O cesamento na actividade rural, impulsado pola Unión Europea e os sucesivos gobernos españois e galegos, non leva aparellado ningún sistema de transferencia da terra (unha cuestión si resolta noutros estados europeos). A maioría das superficies procedentes das explotacións cesantes fican, polo tanto, en estado de abandono. A solución adoptada por parte institucional é o incentivo de plantacións masivas de especies de crecemento rápido e que, a priori, non se lle aplican coidados culturais. A opción máis recomendada é a repoboación con especies que en esencia son pirófitas, isto é, especies cuxa propagación require do lume. Contra a década de 1990 o abandono de superficies previamente agrícolas ven acompañado de plantacións masivas de eucalipto e piñeiro en parcelas agrícolas, mesmo naquelas que os procesos de concentración parcelaria agruparan e convertiran en apropiadas para o seu aproveitamento forraxeiro a mediana escala.

A taxa de abandono da superficie é maior ca no resto de Europa o que xunguido a unha elevado crecemento da biomasa dificulta en grande medida as labores control e extinción dos incendios

A situación á que conduciu este proceder arroxa con total dureza os seus resultados no momento presente. A taxa de abandono da superficie é maior ca no resto de Europa o que xunguido a unha elevado crecemento da biomasa dificulta en grande medida as labores control e extinción dos incendios. Por outra parte padecemos a vertente social dese abandono: A menor cantidade de poboación menores servizos, inferiores comunicacións e peores accesos. O incremento de biomasa combustible atoa camiños, buqueiras, fecha casas e mesmo aldeas enteiras. Proporcionalmente a virulencia e intensidade das lapas medra e a extinción vese seriamente comprometida.

A extinción dos incendios foi unha política habilmente controlada por parte do goberno Fraga durante máis de quince anos. Mediante procesos de selección de persoal e medios de dubidosa ética, retorcendo e empregando os datos de xeito que permitisen manter o dispositivo, créase toda unha industria asociada ao lume. Brigadas formadas por persoal eventual, con pouca ou nula formación, sen conciencia sobre o perigo que enfrontan, con escasos coñecementos do territorio e do medio no que operan,... Durante os anos 1990 as brigadas de extinción de incendios constituían para algúns estudantes un recurso económico capital para continuaren cos estudos. A dotación de seguridade foi de menos a máis pero é aínda claramente insuficiente e de cando en vez temos que lamentar desgrazas persoais ocasionadas por “erros” que nunca quedan suficientemente aclarados para non repetírense.

O monte, como parte do territorio que é, procura solucións políticas. Non é unha solución política atribuír ao “terrorismo incendiario” situacións que se repiten ano tras ano.

O monte, como parte do territorio que é, procura solucións políticas. Non é unha solución política atribuír ao “terrorismo incendiario” situacións que se repiten ano tras ano. Non é unha solución política investir unicamente en extinción. O territorio galego, sobre todo nos seus terzos oriental e central, fica nun estado de abandono lamentable. A investigación pública ten revelado a existencia dunha correlación entre abandono e incidencia dos lumes forestais. A mesma investigación pública que tamén desenvolveu metodoloxías alternativas para o control do lume mediante intervencións no medio: o emprego do gando como rozador natural, o establecemento de faixas e descontinuidades nas plantacións, a perigosidade dos monocultivos,... Porén o goberno Galego continúa na súa xordeira diante destas recomendacións, chegando mesmo a incumprir as súas propias medidas lexislativas: U-las distancias da Lei de Montes? U-las faixas de xestión da biomasa?. As políticas públicas sobre incendios siguen baseándose case exclusivamente na extinción e os investimentos en prevención non aparecen por ningures.

Unha vez máis, como cada ano, asistimos ás mesmas novas... un incendio forestal arrasa con incontables hectáreas en calquera comarca galega. E tamén ás mesmas análises oficiais que se propagan mediática e socialmente repetindo lugares comúns e dando paso a unha conceptualización simploide do lume. O máis grave risco ao que nos enfrontamos é o de converter un problema medioambiental e social nunha cuestión “normal” con cada vez menos relevancia, asumindo unha caste de fatalismo de destino que nos fai padecer catástrofes. É preciso saír deste impasse e demandar dos poderes públicos unha bataría de medidas definitivamente orientada non á extinción, senón a establecer os mecanismos oportunos para a prevención dos incendios. Para isto é preciso pensar no medio rural desde unha óptica menos curtopracista, concibíndoo como un espazo multifuncional e digno a nivel de emprego, economía, ambiente, esparexemento e cultura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.