Notas sobre a posverdade, o esquecemento e o 'populismo luminotécnico'

Mobilización polos dereitos do pobo saharauí durante unha anterior edición do programa 'Vacacións en paz' CC-BY-SA SOGAPS

Cómpre advertir sobre a natureza ‘bipartita’ deste escrito, que naceu un 30 de novembro e que adquiriu a súa forma definitiva este venres 6 de decembro. E nace da teima de pensar os tempos que vivimos a través do seguimento de certos acontecementos ‘mediatizados’ que nos levan do desacougo á aldraxe. Son dúas partes, en apariencia diferentes, mais interrelacionadas no fondo, a primeira sobre un aspecto moi concreto dun novo intento de desestabilización da resistencia do pobo saharauí; a segunda, en chave irónica e mesmo sarcástica trata do novo ‘populismo luminotécnico’ de Galicia e de certas derivacións moi actuais en materia ecolóxica. 

1. En efecto, estas liñas nacen sobre as ruínas do pensamento crítico e argumentativo que son, as que permiten, aínda e a pesar de todo, a resistencia fronte á imposición da falacia nesta era da posverdade, da mentira como estratexia de dominación política, como demostración de poder, tal como ilustran os gobernos Trump e Bolsonaro, ou tal como reflicte -segundo se xactan algúns medios de desinformación masiva- a vaga da restauración racista e conservadora da ‘branquitude’ que protagoniza a dereita en América do Sur. Algúns deses medios non dubidan en amosar o seu apoio aos golpistas, elevándoos nas súas tribunas mediáticas a presidentas, ou presidentes interinos. 

2. A primeira parte falará do apagón, da falta de luz sobre a causa do pobo saharauí. A verdade é que, como é habitual nestes tempos de aceleración e voracidade informativa, a nova durou apenas dous días, en dúas notas, sen que se afondara na cuestión nin se ofrecera unha explicación cando menos reparadora. Por iso, prolongamos o tempo de redacción, para ver se os medios se preocupaban de conseguir esa información. Pero nada, unha semana despois do estourido inicial, o silencio foi a tónica xeral. 

3. Referímonos ao aviso de que non se podía ir aos campamentos de refuxiados de Tinduf porque existía ameaza de atentado terrorista. Así...sen máis...O anoxo nos colectivos de solidariedade co pobo saharauí non se fixo agardar. Pero todo quedou rapidamente silenciado. 

4. Quen ten o poder de mentir? Quen domina as canles informativas para lanzar falsidades que atacan, mais unha vez, ao pobo saharauí, digno entre os dignos, na súa resistencia fronte á usurpación e depredación do invasor colonial, o Reino de Marrocos? Loxicamente, deixamos que o lector ou lectora responda por si mesmo. É moi doado. 

5. Dicimos mentira porque, curiosamente, os habituais ideólogos e artífices das mentiras mundiais en materia de terrorismo declararon ignorar os supostos ataques terroristas que porían en risco a integridade de quen decida axudar e cooperar coa supervivencia do pobo saharauí, fragmentado de forma forzosa en tres grandes colectividades: a libre, a ocupada e a refuxiada. E se resulta que baixo a xustificación a un terrorismo inexistente o usurpador se outorga o dereito a ‘arrasar’ militarmente ao pobo saharauí? 

6. A paciencia ten límites insondables. O pobo saharauí demóstrao cunha firmeza abraiante. Tivemos a posibilidade de coñecer in situ como resisten, como sobreviven ás diversas estratexias que executa o ocupante marroquí, que busca desposuílos de todo para sometelos a marxinalidade, para ir reducíndoos como pobo. Puidemos ver como os seus dereitos era violados a cotío, pero tamén vimos como se reafirmaba a súa loita pola dignidade, a súa solidariedade e o seu firme compromiso por acadar a liberdade e a independencia para o Sahara Occidental. 

7. Por iso, ollando quen sae perxudicado e quen sae beneficiado, afirmamos que hai moitos indicios para pensar en que é unha mentira interesada para desincentivar e desactivar a cooperación que a solidariedade internacional tece co goberno saharauí. A simple palabra ‘terrorismo’ despois do 11S serve para impregnar de medo o imaxinario e para limitar as accións de axuda internacional. Disto advirte a activista Aminetu Haidar. Por iso, fronte á parálise que pide o ‘pensamento politicamente correcto’ [unha ‘perversión colectiva’, como a describe no seu máis recente libro Valentí Puig], eloxiamos a firmeza das persoas que manteñen o seu compromiso. Non así o comportamento, mediador coa mentira e interesado -economía manda-, do goberno en funcións. 

8. Todo isto obríganos, como persoa radicalmente de esquerdas, solidaria coa causa do pobo saharauí, a esixir e reclamar que determinados desexos de sentarse en asentos de coiro institucionais ben quentes non permitan que a posverdade conduza ao esquecemento do pobo saharauí nas políticas que debe deseñar un goberno que se autodefine de esquerdas para un Estado que é, aínda, responsable como potencia administrativa do Sahara Occidental. 

9. Da falta de luz pasaremos ao exceso de luz, de tal forma que diremos que asistimos a un verdadeiro ‘populismo luminotécnico’ en Galicia. A enfermidade inflacionista comezou nun Vigo napoleónico e ameaza con estenderse ás grandes cidades galegas; hoxe, algún medio galego abre a súa portada co feito de que Santiago inaugurou as súas luces de Nadal. Isto é o que necesita ler a sociedade galega? É máis importante isto que o feito de que se despida a traballadores que están de baixa médica xustificada? A xulgar polo tamaño das novas semella que si. Así nos vai. 

10. Resultaría, en función, dos propios medios, que as luces de Nadal disparan a ocupación nos restaurantes e hoteis nestes días de ponte e que hai saturación en Vigo. Todo apunta a que as luces serán a competidora artificial do Camiño de Santiago, o outro (suposto) gran maná económico de Galicia. 

11. Realmente, son as luces de Nadal un motivo para coller o coche, ou calquera medio de transporte colectivo e desprazarse unhas boas ducias de quilómetros? De verdade é así? Se a resposta é afirmativa, a min fáltanme argumentos racionais para entendelo, recoñézoo. De feito, nesta era da mentira e da emocionalidade, non sinto comodidade, todo o contrario, prodúceme desacougo e anoxo a enorme capacidade de autoengano e alienación existente, que xustifica comportamentos totalmente contraditorios entre o que se di e o que se fai. 

12. Badalada final. O populismo luminotécnico é celebrado nos mesmos medios a carón das (supostas) heroicidades dunha nena que é erixida en guía espiritual da loita contra o cambio climático. Resúltame triste para todos os compañeiros e compañeiras de organizacións ecoloxistas e políticas que levan anos e anos traballando e loitando -desde antes de que nacera esta nena- contra as consecuencias do produtivismo irracional en todos os seus aspectos. A eles os silenciaron case sempre, porque eran un incordio e erosionaban os piares da rendibilidade capitalista neoliberal. Non só eran silenciados senón que eran perseguidos e asasinados, como lle aconteceu a moitos líderes indíxenas e sindicais en América do Sur por ir en contra dos intereses de imperios hidroeléctricos. Por iso, agora, non nos enganemos, todo vai en función das veleidades do capitalismo salvaxe, que sabe moi ben aproveitar os ruídos dos flashes e do espectáculo para ir introducindo a súa gadoupa recolectora e xeradora de beneficios. É a substancia do ecocapitalismo propio da onda posmodernista. De verdade somos tan ilusos? Alguén pode pensar que o sistema alimentaría a quen puidese destruílo?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.