Nothing else. A propósito da post-política do PP

Bieito Rubido, que ten caracterizado ao ABC como "el único medio monárquico que queda" celebrou o reinado do bourbón como "uno de los mejores momentos de la Historia de España". Presentando na FAES o libro de Edurne Uriarte Desmontando el Progresismo. La izquierda en sus cavernas completou a visión achegando unha nova dose de abeceína nacional: "La derecha és la que ahora mismo  está intentando garantizar que sigamos por la senda del progreso, especialmente en España"; "hoy progresar en España es justamente hacer lo que tiene que hacer la derecha a pesar de la lamentable herencia que ha heredado el actual gobierno ...". En Venezuela ao director do ABC, responsábel de redacción da capa que tendes aquí,  chámanlle gachupín:  "personajillo, fiel representante del periodismo ultraderechista y monárquico".

Achegaremos algúns argumentos parciais,  a modo de padróns interpretativos, seguindo o pensamento de Zizek: "As ideas dominantes non son NUNCA directamente as ideas da clase dominante". Por exemplo, a idea de progreso

Que Rubido non é un xornalista incómodo para a súa empresa é unha evidencia alén mar,  mais o que aquí nos  interesa non é o percurso de empoderamento dun galego na Villa y Corte, nin recrearnos  na exótica dos epítetos que lle adican á figura do xornalista-empresario-do-mercado  alén mar, senón que para entendermos o alcance da reflexión dun voceiro do poder español, xornalista de cabeceira da dereita española, cumpriría inserila no marco das diferentes estratexias  do triangulo de poderes  (político, mediático e financeiro) que deseñou a dereita  xunto coa socialdemocracia empresarial (Cebrián e Prisa)  na Transición na procura do que Slavoj Zizek chamaría a  "apropiación da universalidade da noción de honestidade". Como non temos espazo de abondo para debullar esa reflexión xeral, nin tan pouco como para caermos no erro pouco refinado de  identificar sen máis as arelas de Rubido coas "ideas dominantes",  achegaremos algúns argumentos parciais,  a modo de padróns interpretativos, seguindo o pensamento de Zizek: "As ideas dominantes non son NUNCA directamente as ideas da clase dominante". Por exemplo, a idea de progreso.

O que nos interesa é debullar, tirando da capa do ABC, o pensamento que aniña nas palabras de Rubido á presentación do libro de Uriarte, a articulación que o convirte en ideolóxico ao instrumentalizar a arela progresista para compatibilizala coas relacións de poder existentes, quer dicir, para organizar a realidade. Cómpre, porén, fitarmos a fotografía do presidente da Xunta  de Galicia e candidato do PP  Núñez Feijoó, acaparando a capa do ABC.  Fitando a vista no observador, o cidadán Feijoó aparece de pé en mangas de camisa e gravata, americana ao ombro e pose lanzal como se estiver a alzar o tridente da catedral de Santiago que se albisca ao fondo espetándose no titular: Artur Mas se ha rendido.

O populismo de dereitas adoita falar en nome  das "maiorías silenciosas" ou da "suma de 47 millóns", cando  só está a promover os intereses do poder que representa

A contradición ideolóxica da mise en scène fornécea o propio Rubido ao formular a ideoloxía da maioría moral propia da dereita populista: "España no es la suma de 17 Autonomías, sino la suma de 47 millones de personas". Non é iso a ideoloxía presentándose sob a forma aparente de non-ideoloxía? España non é Estado ( as 17 autonomías son Estado) senón a suma de persoas. Mais cómpre non precipitarse no xuízo, se ben o fascismo nothing else sería precisamente iso, segundo Zizek, unha "deformación do antagonismo social" que devén agora en simples problemática. O populismo de dereitas adoita falar en nome  das "maiorías silenciosas" ou da "suma de 47 millóns", cando só está a promover os intereses do poder que representa (di o director do ABC: "'En España sobran la mitad de los medios. Sobran más de la mitad de los diarios regionales y locales"). Mais como recoñecer a voz dun interlocutor lexítimo e recoñecido como igual de entre os 47 millóns se todos teñen xa o seu lugar asignado? Todos os suxeitos e nengún suxeito. A isto Foucault chamábao "estratexias sen suxeito" das que tira o Poder para reproducirse.

O populismo de dereitas adoita falar en nome  das "maiorías silenciosas" ou da "suma de 47 millóns", cando só está a promover os intereses do poder que representa

Antes de avanzarmos, porén, cómpre sinalar que en España nunca houbo pensamento nin tradición liberal. Portanto, do que aquí se fala é dunha dereita tout court. O que pode semellar simplificador non elimina o seu impacto práctico, xa que esa imaxe de  dereita liberal ("dereita progresista") estase a forxar hogano sobre a marcha e conforme van xurdindo as necesidades de nomear as posicións no barullo do combate social, económico e político. Neste escenario, e para liberar á dereita  dun apego excesivo a "o que hai" que se enxerga como vergoñenta lexitimación do establishment político-financieiro, a dereita mediática tira man da imaxe para procurar ese necesario "distanciamento" respecto do "fáctico", acadando con esa estratexia éxitos notábeis.

Como pode intuírse é doado moverse no eido das xeneralidades se o interlocutor óbvia a definición de " progresista" ou de "conservador", mais a situación pode mesmo complicarse cando a defensa se instala no eido do fetichismo e do marquetin,  na total identificación do españolismo  co corporativismo  herdeiro da imprensa franquista e a socialdemocracia mediática xurdida dos anos da Transición. Esa enxurrada sociopsicolóxica acabou por non entender  que só pode haber un centro entre dereita e esquerda. Acontece que a falla de un pensamento liberal de dereitas, o centro adoita estar moito á dereita.

O oximorón "dereita progresista" non é senón unha formulación tan radical como absurda do intento de despolitización do político dende a acomodación ou volta ao corpo social pre-político

O oximorón "dereita progresista" non é senón unha formulación tan radical como absurda do intento de despolitización do político dende a acomodación ou volta ao corpo social pre-político. Unha dereita, por definición, conservadora, conforme á torsión “de progreso” reclamada polo tandem Rubido-Uriarte, é mesmo unha redución ao absurdo. O proceder da dereita que reivindica enfaticamente - a falta de tradición liberal- valores propios da esquerda, pode identificarse cos que non teñen "lugar de seu" na noción universal abstracta que refiren? Non é todo isto unha deturpación do universal neutro identificado de xeito unívoco coa noción de "España"  para estañar asín o privilexio de uns e a exclusión de outros? 

Se non hai diferencia entre esquerda e dereita, entón tanto ten o que se diga, calquera discurso pode converterse en verdade sen importar cales son os feitos, entón será difícil saber onde iremos parar, madía leva, si que o sei, ao fundamentalismo (fundamentalista do dereito positivo). Hai un esquecemento seminal que alimenta esa visión do estado de dereito identificado coa “nación española”: que o dereito é sempre secundario, procedendo sempre dunha idea que o precede e supón unha condición previa de humanidade, de moralidade, de equidade e igualdade. Se o dereito positivo que resulta das leis escritas e dos acordos entre as partes contratantes deriva nunha veneración da lei, da orde e o dereito en detrimento de calquera outra consideración, podendo plantexarse lexitimamente un desacato, unha secesión ou unha revolta.

Se as fronteiras inmutábeis veñen definidas por unha política española ben nacionalista, as nacións "internas" deveñen categorizadas cos atributos da nación esencial, entanto a “nación española” sería a da cidadanía, a da liberdade e a da Constitución

Para así continuar a axir, este pensamento vai precisar, primeiro, apropiarse das nocións de "cidadanía", da interpretación da Constitución, seguindo agora na quenda de apropiación a idea de "progreso", arrombando ao estigma do inactual-esencial calquera acto de politización. Así, se as fronteiras inmutábeis veñen definidas por unha política española ben nacionalista, as nacións "internas" deveñen categorizadas cos atributos da nación esencial, herderiana, da identidade romántica e vernácula, entanto a “nación española” sería a da cidadanía, a da liberdade e a da Constitución.

Un paradoxo, xa que as supostas fronteiras inmóbeis (deseñadas en expresión de Rubert de Ventós, “co sangue dos soldados e o seme dos emperadores”) farían parte precisa do artificio do estado-nación e non da plasticidade que se lle supón á posibilidade democrática de reescribir a lei e o dereito segundo o principio de renuncia equitativa. Cumpriría facer algunha consideración verbo desa visión limitada do político ao dereito positivo, só en base ao exercicio das leis. O paradoxo desta estratexia de apropiación é que exclúe o elementos de lexitimación do poder político xa que non se identifica co síntoma que denuncia a falsa universalización neutra. Stuart Mill (en Consideracións sobre o goberno representativo) alicerza a lexitimidade na cidadanía e o poder que dela emana para facer posíbeis  mudanzas políticas. "A política - di Mill- igual que na mecánica, o poder que mantén o motor en funcionamento terase de achar fóra da propia máquina, e se este poder non está dispoñíbel ou é insuficiente para superar os atrancos que razoabelmente se poidan albiscar, o mecanismo fallará".

O apelo á totalidade indiferenciada da poboación do estado español é a constatación de que "este poder non está dispoñíbel", xa que de entre os 47 millóns só o cidadán español de "dereitos plenos" sería o varón branco, propietario e monolingüe español...

Sería doado, porén, amosar como no mapa topolóxico  da dereita española segundo a cal "cada un no seu sitio",  pouco ou nada fica fóra da propia máquina. Así, o apelo á totalidade indiferenciada da poboación do estado español é a constatación de que "este poder non está dispoñíbel", xa que de entre os 47 millóns só o cidadán español de "dereitos plenos" sería o varón branco, propietario e monolingüe español... Ficando excluídos do "pleno dereito"  seguindo, por unha banda, a división prototípica dos habitantes do país por  identitificación de orixe, procedencias territoriais, idiomas "vernáculos" de uso  e o xénero do suxeito desas atribucións, e por outra, a novísima  división derivada da entrada de traballadores inmigrantes con permisos temporais, e o xénero desa atribución. Nesta xerarquía, o proceder da dereita non está a dicir-  todos os españois falamos galego!,  perante un cotiá acto de marxinación e de exclusión lingüística na administración do estado ou nun xulgado, como tamén non identifica a universalidade, poñamos por caso, ao dicirmos "todos os españois somos inmigrantes ilegais!".

A revisión do concepto  de progreso no libro de Uriarte fai parte dese mesmo intento post-político de apropiación da vellas divisións ideolóxicas a cambio da xestión do posíbel para que nada se mova

A revisión do concepto  de progreso no libro de Uriarte fai parte dese mesmo intento post-político de apropiación da vellas divisións ideolóxicas a cambio da xestión do posíbel para que nada se mova. Emmanuel Terray  ten deseñado a grella de atributos dun antagonismo que se pretende invisibilizar : mobilidade /estabilidade, innovación/continuidade, nomadismo/enraizamento, hedonismo/austeridade, cosmopolitismo/estado-nación... A capa de ABC esquematiza ben esa grella de valores ao amosarnos ao tecnócrata Feijoó como modelo de negociador empresarial ( experto liberal,...)  ao tempo que se escenifica, ao fondo, o retorno do Medievo e do "eterno hispano" agochado tras das mangas da camisa do "home medio" e do guerreiro, dunha extensa cadea de significantes binarizábeis ao servizo da comunicación transparente esixida pola democracia-mercado (G.Chàtellet), do tecnócrata e do experto liberal desacomplexado.

Trátase, ao cabo, de meter no mesmo saco o que son formas de resistencia imposíbeis para a  lóxica da dereita post-ideo-lóxica española perante a enxurrada da globalización ou capitalismo planetario, as protestas dos indignados e dos traballadores, a proposta soberanista de Cataluña, e o apego da dereita española á herdanza cultural do franquismo, o pretenso universal xacobeo (ethnos), en nome do cal se lexitiman  as ameazas ao dereito a decidir,  as cargas policiais e os recortes sociais. E a violencia, xa que non existe universal sen conflito, sen o outro arrombado e deslocado como representante do universal. O que neste intre incomoda no curto-circuito da dereita española aparece sublimado  no trofeo ou na peza cobrada, na declaración heroica do valedor do "eterno hispano", "Artur Mas se ha rendido", dando  conta  asín da suposta claudicación da "revolta" soberanista en Cataluña. Neste punto, e a falla dunha tradición liberal - a ninguén lle agrada desempeñar o papel de reaccionario- óptase por deitar cara fóra o cinismo señorial (Sloterdijk).

As mobilizacións do 25S ou o millón e medio de cataláns reclamando o dereito a decidir van ser acontecementos políticos de primeira magnitude teimosamente negados dende estas instancias porque son de seu verdadeira política

Importa aquí subliñar esa violencia obscena que restrinxe efectivamente a manifestación de conflito a través dunha presenza elidida cando non directamente ocultada: evidente no recoñecemento meramente cultural de Galiza malia tratarse do seu presidente e da capital. O xesto desacomplexado e baril, un bocado chulesco, de levar a americana pendurada do hombro ten a densidade metafórica das torres da Catedral, condensan  o peche do particular investido de universal  "guerreiro matamouros", a post-política formulada como croisade ou Nova Reconquista.

A Dereita, ao non aceptar o antagonismo constitutivo da sociedade acaba por priorizar unha nova versión de esencialismo revestido de tolerancia post-política cuxa eficacia alicerza na despolitización da economía

Non debería marabillar, portanto, a liberación de todo o que o excede. Neste sentido, as mobilizacións do 25S ou o millón e medio de cataláns reclamando o dereito a decidir van ser acontecementos políticos de primeira magnitude teimosamente negados dende estas instancias porque son de seu verdadeira política, o que Zizek chama, máis unha vez, a política coma arte do imposíbel. A Dereita, ao non aceptar o antagonismo constitutivo da sociedade acaba por priorizar unha nova versión de esencialismo revestido de tolerancia post-política cuxa eficacia alicerza na despolitización da economía. Eis o principal atranco ao dereito de autodeterminación e a calquera reivindicación lingüística, ecolóxica, feminista, soberanista... Para dicilo ao xeito lacaniano, no estado español sodes libres de escoller sempre que escollades correctamente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.