Noticias para rir

Comezo o xornal polas novas locais. Son aquelas nas que confío máis, entre outras cousas porque ó coñecer mellor o terreo, podo discernir tamén mellor a súa adecuación á realidade. Coido que é comprensible. En cambio, hai outras novas que as tomo como unha especie de adiviñanza do que está a pasar, noticias de oportunidade interesada, nesgada ou de ocultación doutros feitos, ou sinxelamente, como motivo de sorriso. Mesmo, ás veces, de gargallada

Comezo o xornal polas novas locais. Son aquelas nas que confío máis, entre outras cousas porque ó coñecer mellor o terreo, podo discernir tamén mellor a súa adecuación á realidade. Coido que é comprensible.

En cambio, hai outras novas que as tomo como unha especie de adiviñanza do que está a pasar, noticias de oportunidade interesada, nesgada ou de ocultación doutros feitos, ou sinxelamente, como motivo de sorriso. Mesmo, ás veces, de gargallada. Calquera das opcións mencionadas é mellor que montar en cólera pola desinformación procurada de múltiples xeitos, abranguendo dende elaboradas mentiras a suaves nesgos, por suposto, pasando por informacións sen comprobar, ás que, polo mero feito de ser publicadas, se lles dá carta de veracidade.

Esta mesma mañá que escribo, unha ollada a un xornal (da mesma cabeceira que outro que hai un par de días xa me tiña chamado poderosamente a atención), fixo que me dispuxera a gastar algo de tempo en comentar. Iso, aínda que non aportaran nada novo en relación ó que titulares semellantes me fixeron pensar outras veces. Só para desafogar. Aquí quedan.

"Os relevos nas principais casas reais europeas realízanse sen grandes polémicas". A máis de ser notición de portada nun diario aparentemente xeralista, non semanario do corazón nin cousa polo estilo, a lección está clara: non imos ser nós menos, non? Lección aprendida?

O anterior titular está conectado con outro de poucos días atrás: "Análise de xestos da Princesa e a Casa Real". Ou con esta outra do mesmo xornal e día: "A princesa xura a Constitución e cumpre 18 anos". Descarto o comentar a primeira destas dúas, sobre os supostos xestos familiares unha cerimonia pública, que como moito darían para cotilleos dunha revista do corazón antes de pasar a elucubrar sobre quen pode ser 'M. Rajoy'. Penso na segunda: tecnicamente, a princesa primeiro ten que cumprir os 18 anos, e logo, xurar. É dicir, a Constitución non a fai maior de idade por xurala. Pero que un titular calquera ou a súa falta de exactitude non nos estrague unha boa noticia, o primeiro é o primeiro.

Antes de saír de España, outro titular que pode resultar algo máis controvertido: "A metade do Poder Xudicial considera que a amnistía é a abolición do estado de dereito". Creo lembrar, a conta disto, que segundo esa opinión, algún día deste século debeuse abolir dito estado máis de mil veces. Pero, volvendo ó titular, significaría que a metade dos xuíces de España consideran iso. Menos mal que en subtítulo aclara: "Oito vocais conservadores do Consello Xeral do Poder Xudicial (...)", que son algo menos que a metade dos xuíces españois. En realidade, tamén algo menos da metade dos 17 membros do consello. Asemade, ‘non sae’ na noticia que son un grupo de xuíces conservadores, axudados no seu nomeamento polas mesmas forzas políticas que están a loitar por terra, mar e aire contra esa mesma amnistía (non contra outras) ou mesmo contra conversas políticas con ‘esa xente’ a amnistiar. Tampouco se aclara como é que se manifesta unha oposición (política dun poder que non é lexislativo, teoricamente independentes ambos entre si) antes de coñecer a lei. [Nota posterior: Un par de días despois, sen publicar este texto, coa declaración aprobada polo CXPX e algún apuntamento máis, a realidade posterior evidentemente foi cambiando, pero non a manifestada daquela.]

Como se di, nunha versión diferente de algo que citei antes, non deixes que a realidade te fastidie un bo titular...

Sen saír da sección ‘España’ do mesmo exemplar do xornal, teriamos máis casos a citar. E na sección internacional, poderiamos atopar máis atención e credibilidade a un gran que poda ter Netanyahu que a morte dunha decena de palestinos, irrelevante ante os centenares de mortos diarios en Gaza. Pero coa desculpa de que isto se alonga moito, queda polo momento.

Por certo, non estou moi seguro de que a raíz desta nota que estás a ler (permite que te fale de ti, ó fin levamos xa un rato xuntos) algunha intelixencia artificial colla as afirmacións dos titulares que usei e vexa nestas liñas, pola súa cita, outra confirmación máis do que din... c'est la vie!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.