Nova Galicia?

Bandeira galega nunha sede institucional da Xunta CC-BY-NC-SA Praza Pública

Case sen nos decatar pasou o verán, posíbelmente o último cunhas condicións tan excepcionais como as que vivimos dende hai un ano. O certo é que a Pandemia pola Covid-19 paralizouno todo: a economía, o mundo da cultura, o ocio, mesmo fixo que os tempos da política se ralentizaran, e pasaran a segundo plano os tradicionais debates que o fume mediático sitúa como prioritarios para unha sociedade cada vez máis dependente do ruxe ruxe da tertulia política.

Galicia, o noso país, esa cápsula do tempo contrachapada na que vivimos atravesou políticamente a pandemia sen pena nin gloria. O devalar demográfico dun país en vías de se converter nunha reserva da biosfera da especie homo gallaeci, facilitoulle ao “Goberno” da Xunta o “éxito” no proceso de vacinación, ou así nolo venderon os medios “oficiais”. A verdade reside en que a Ciencia e o coñecimento teñen un senso bastante máis humanista do que recollen os estatutos do novo PP de Casado e do que Feijóo é embaixador renegado na Galicia. Así logramos con ese humanismo científico chegar onde estamos, e eu aproveito estas liñas para agradecerllo a quen debo, aos científicos e sanitarios. 

Tendonos posto en contexto compre que analicemos agora cales son as materias e os recursos que este furacán pandémico nos deixou para enfrontarnos a Galicia que ven, se é que ven algo distinto ao que xa temos. 

Semella que cando un nacionalista, galeguista, chamadelle como queirades… fai un analise sobre o futuro do país, este sempre ten un halo grisento e saudoso que nos invita a depresión colectiva, mais quizais hoxe chegou o momento de desterrar o pesimismo do noso ollar e facer unha reflexión en positivo da Galicia nova, tratando de comprender cales son as teclas que temos que tocar para que a melodía final sone como queremos. Alá imos.

Dis que a Guerra Fría rematou coa disolución da Unión Soviética en 1991, este verán rematou coa famosa reflexión da Ana. E a verdade que nos deixou a todos unha pisca revirados, pois non estamos acostumados a ver pensar aos políticos. Porén a reflexión da Pontón non foi cousa singular se non plural e colectivamente motivada. Apresentábase unha Asemblea sen sobresaltos, demasiado previsible e posiblemente complacente para propios e alleos, e polo tanto riscosa de caer no triunfalismo que caracteriza a todas as organizacións políticas. A Ana quere ser presidenta dunha institución que a súa formación olla críticamente, un Goberno que leva en mans dos que nunca o pretenderon 40 anos. E que polo tanto incuba o vírus da súa propia destrucción dende hai xa demasiadas décadas para recoñecerse no seu fermento inicial que non é outro que o nacionalismo.

É pois a reflexión da Ana o primeiro acontecemento que ven inaugurar este proceso cara a Nova Galicia, pero que segue na casa de enfrente, no PSdeG-PSOE como ven sendo costume ouvense tambores de Guerra. Pero isto non é novo, como escribian hai uns días na prensa local algún senlleiro militante da diócese galega do Sanchismo, o PSOE en Galicia está en sinceira “lucha fraticida”, e sendo sinceros isto non lle aporta nada a filial de Pablo Iglesias, o bo, na Galicia. Ourense, perixel de todas cantos salseos políticos acontecen en Galicia, xa anunciou que sera o emprazamento da primeira batalla, quizais o lugar menos axeitado, onde a esquerda debería de afinar conxuntamente para atravesar o corazón da maquinaria electoral que aínda coloca ao Núñez Feijóo con maiorías absolutas no Hórreo cada catro anos. Indo ó positivo, aos socialistas en Galicia, quédanlle dous vieiros, ou seren socialistas galegos ou sendo Socialistas en Galicia deixar paso á reflexionante Ana que quere ser presidenta.

Xa por último e indo ao que se nos converteu no partido-institución do sistema político galego, temos a un PP en Galicia poderosísimo orgánicamente, pero cunha vida interna similar a existente na Fosa das Marianas a 10.984 metros baixo o nivel do mar. Criaturas que se moven na escuridade propia dun lider parco e opaco, con movementos lentos e case imperceptibles. Neste profundo biosistema entra calquera especie, sexa cal for a súa conformación biolóxica ou os seus hábitos alimenticios, só se esixe a cegueira precisa para non turbar ao resto de criaturas que se moven na comodidade das profundidades dun partido que carga as súas costas moitos votos como para perder algún niso que lle chaman “debate ideolóxico”. No entanto, até no mundo abisal do PP na Galicia existen movementos intestinos e todo parece apuntar que os congresos provinciais e locais deixarán un pequeno fío do que tirar se queremos comprender que pasará coa casa grande da política galega, o PP.

Novamente todo nos leva a Ourense, onde o exalcalde que non lle importou colocar a Jácome na alcaldía, presenta a súa dimisión como senador e concelleiro. Todo apunta a que Ourense será para as delegacións de PP e PSOE o epicentro dos tremores políticos desta Nova Galicia que ven.

Queda moito para que os galegos sexan convocados a decidir quen capitanea as institucións galegas. Galicia é un país no que todo está por facer. Onde o que se fixo ata 2009, non acada nin sequera a condición de cimento para o país que se podería construir con compromiso político e realismo. A Nova Galicia que podemos facer, debe vir das maiorías, dos procesos de consolidación e non de ruptura coa sociedade. De un proceso de identificación dinámico co que é e co que quere ser o país e non co que unha minoría quere que sexa o país. E iso esixe un exercico de xenerosidade e de humildade por parte daqueles que lles vai tocar o exercicio de representarnos e de reactivar unhas institucións que levan 40 anos ao servizo dun partido e non da sociedade galega.

O autogoberno fíxose polo compromiso primeiro dun feixe de galegos comprometidos co seu pobo, xa na altura de 1921 e que acabou dando na consolidación do Estatuto de 1936 tristemente fracasado. Corenta anos de sobredose anestésica a un pobo consciente da súa identidade e do seu caracter diferencial non serviron para que o conxunto da sociedade galega se implicase nun proceso necesario e medianamente exitoso como foi a consecución do Estatuto de 1981. Mais hoxe compren actores individuais e colectivos, políticos, económicos, sociais e culturais, que se comprometan en dúas tarefas ben sinxelas. Ilusionar e facer consciente a sociedade galega das súas capacidades, tal é como é, sen rexeitala nin pretender mutala nalgo que non quere ser. A Nova Galicia, faise a si mesma. Agora só precisa que os nosos políticos a estimen e a acepten como é.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.