Nova orde narrativa e guerra semántica contra a democracia

Alberto Núñez Feijóo, no peche do XXI Congreso do PP, o pasado mes de xullo © PP

O debate sobre a emerxencia dunha nova orde internacional domina as análises xeopolíticas contemporáneas, centrándose no ascenso de China, a resiliencia rusa ou o esgotamento do sistema de Bretton Woods. Poucos reparan nunha transformación paralela e igualmente decisiva que pasa pola paulatina instalación dunha nova orde narrativa que está a redefinir os fundamentos discursivos das democracias occidentais

O debate sobre a emerxencia dunha nova orde internacional domina as análises xeopolíticas contemporáneas, centrándose no ascenso de China, a resiliencia rusa ou o esgotamento do sistema de Bretton Woods. Poucos reparan nunha transformación paralela e igualmente decisiva que pasa pola paulatina instalación dunha nova orde narrativa que está a redefinir os fundamentos discursivos das democracias occidentais. Non se trata dunha deriva casual, senón dunha estratexia coordinada que busca alterar os marcos interpretativos básicos da nosa realidade política. Unha revolución conceptual que opera a través da resignificación deliberada de conceptos fundamentais como democracia, liberdade, terrorismo ou autodefensa, converténdoos en significantes baleiros que poden ser enchidos con contidos autoritarios. O illiberalismo global desenvolveu unha sorte de enxeñaría semántica que normaliza o inadmisible a través da manipulación da linguaxe. O Estado español constitúe un exemplo paradigmático desta deriva, onde a normalización da violencia retórica contra o goberno anticipa transmutacións políticas máis fondas. 

A resignificación do vocabulario constitúe o primeiro eixo desta operación de reconfiguración narrativa. En España, a dereita "moderada" hai tempo que está a adoptar técnicas da ultradereita para deslexitimar ao goberno constitucional. Feijóo e Ayuso imítanse acusando a Sánchez de "ditador", normalizando a caracterización dun executivo democraticamente elixido sometido á lexislación en vigor como "autoritario". O paroxismo da lexitimación do insulto contra o presidente do goberno acabamos de velo no "cuando alguien grita Pedro Sánchez, ya hay tres palabras que resuenan en todas nuestras cabezas" proferido polo voceiro do PP na Asemblea de Madrid, facendo da violencia verbal unha ferramenta lexítima de oposición. Explica George Lakoff en Don't Think of an Elephant! (Chelsea Green Publishing, 2004) como os marcos conceptuais determinan a interpretación da realidade política, polo que alteralos implica transformar a percepción cidadá. "Corrupción" xa non designa malversación ou prevaricación, senón calquera decisión que contraríe os intereses da oposición. Esta operación require coordinación entre actores políticos e mediáticos que tipifican progresivamente estas redefinicións até facelas parecer naturais. 

En España, a dereita "moderada" hai tempo que está a adoptar técnicas da ultradereita para deslexitimar ao goberno constitucional

A normalización retórica do inadmisible representa a segunda dimensión desta estratexia, operando mediante a repetición sistemática de marcos que tornan aceptable o que antes resultaba impensable. Miguel Tellado, secretario xeral do PP, chegou a facer referencias ás fosas da guerra civil "ciscándose na memoria democrática", segundo denuncia a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, que acusa ao dirixente de "xogar co sufrimento de miles de familias que buscan nas fosas comúns aos seus seres queridos". Esta degradación discursiva traspasa liñas vermellas que protexían a convivencia política española. Internacionalmente, Gaza funciona como laboratorio onde "combatentes" inclúe nenos de cinco anos e "escudos humanos" xustifica bombardear hospitais. Ruth Wodak documenta en The Politics of Fear (SAGE Publications, 2015) como esta normalización opera a través da repetición mediática de marcos que presentan a violencia como resposta lexítima ante ameazas existenciais fabricadas. A linguaxe administrativa aséptica oculta a brutalidade das accións baixo unha pátina de racionalidade técnica que anestesia a sensibilidade moral cidadá.

España, coa súa deriva retórica autoritaria, exemplifica como esta nova orde narrativa penetra mesmo nas democracias máis consolidadas de Europa

A construción dunha realidade alternativa coherente completa esta arquitectura narrativa, forxando un sistema interpretativo autorreferencial que substitúe a evidencia empírica pola coherencia ideolóxica interna. Steven Levitsky e Daniel Ziblatt explican en How Democracies Die (Crown Publishing, 2018) como os autoritarismos contemporáneos non suprimen brutalmente a información, senón que crean ecosistemas informativos paralelos onde os seus discursos adquiren verosimilitude. Netanyahu presenta a Palestina como ameaza existencial para Israel mentres anuncia plans inmobiliarios de grande envergadura dirixidos a turistas para Gaza, creando unha ficción onde exterminio étnico e desenvolvemento económico conviven sen contradición aparente. Viktor Orbán en Hungría combina formalmente eleccións con erosión sistemática do estado de dereito, presentando esta hibridación como "democracia iliberal" superior ao modelo occidental. Putin redefine "desnazificación" para xustificar a invasión ucraína, convertendo a agresión en "operación especial" defensiva. Esta realidade alternativa non busca credibilidade externa, senón cohesión interna ante os ollos dun electorado disposto a aceptar ficcións que confirmen prexuízos preexistentes.

A nova orde narrativa representa un desafío existencial para as democracias liberais porque erosiona os fundamentos conceptuais que sustentan a deliberación pública racional. Cando os significados básicos da política se tornan disputables e os marcos interpretativos se fragmentan, o espazo público democrático desaparece substituído por trincheiras discursivas impermeables. Esta reconfiguración semántica prepara o terreo para transformacións institucionais posteriores, xa que unha cidadanía que acepta redefinicións autoritarias do vocabulario democrático dificilmente resistirá a erosión das institucións correspondentes. Como advertiu Hannah Arendt, cando a linguaxe perde a súa capacidade de describir a realidade compartida, a política devén pura violencia. Nos nosos días a batalla pola democracia é, fundamentalmente, unha loita polos significados que definen o noso mundo común. España, coa súa deriva retórica autoritaria, exemplifica como esta nova orde narrativa penetra mesmo nas democracias máis consolidadas de Europa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.