Nova York: a inspiración da UE que debe espertar ante o illamento de Trump

Rañaceos en Nova York CC-BY Pix4free

Nova York non é unha cidade calquera. É un símbolo. É historia, diversidade e diálogo. E, sobre todo, é un ensaio do que despois quixo ser a Unión Europea: un espazo construído desde as achegas de centos de comunidades diferentes, con raíces diversas e culturas entrelazadas, creando algo novo sen renunciar á alma de cada quen, un verdadeiro valor diferencial, que atrae a todo o mundo

Nova York non é unha cidade calquera. É un símbolo. É historia, diversidade e diálogo. E, sobre todo, é un ensaio —quizais o máis exitoso— do que despois quixo ser a Unión Europea: un espazo construído desde as achegas de centos de comunidades diferentes, con raíces diversas e culturas entrelazadas, creando algo novo sen renunciar á alma de cada quen, un verdadeiro valor diferencial, que atrae a todo o mundo.

Desde as súas orixes, Nova York medrou da man de europeos que cruzaron o Atlántico buscando un futuro. Italianos, irlandeses, galegos, polacos, alemáns, franceses… todos deixaron a súa pegada nas rúas e posteriormente no asfalto neoiorquino. Desde as tabernas irlandesas do Bronx ata os galegos que levantaron restaurantes, tendas e asociacións culturais, pasando polos italianos que fixeron da gastronomía un emblema da cidade. Nova York é unha especie de Europa trasplantada, reinventada, transformada cunha identidade propia.

Por iso, resulta tan incoherente e doloroso que sexa precisamente un neoiorquino —Donald Trump— quen encarne o discurso máis perigoso para esa herdanza: o illamento e o desprezo á cooperación con Europa. Un ataque directo á propia historia da súa cidade e á súa identidade.

Nova York nunca foi unha cidade de muros nin de fronteiras pechadas. É a cidade da Estatua da Liberdade, a cidade onde os barcos chegaban cargados de soños europeos. É a cidade de Ellis Island, o primeiro porto de entrada para millóns de cidadáns que construíron non só un anaco de América, senón tamén un anaco de Europa ao outro lado do océano

Como demócrata europeo, desde Galicia, desde esa Europa periférica que tamén construíu Nova York, quero alzar a voz e lanzar unha interpelación directa á sociedade neoiorquina: vós sodes a ponte natural entre Europa e Estados Unidos. Sodes a memoria viva do que conseguimos xuntos. Non podedes permitir que Trump destrúa ese legado desde dentro.

Se hai unha cidade que debe liderar a contestación ao illamento, esa cidade é Nova York. Por historia, por identidade e por responsabilidade. E esa chamada non é só para os cidadáns de orixe europea, tamén é para toda a comunidade latina, que sabe ben o que significa loitar por un lugar nunha sociedade aberta e plural.

Nova York nunca foi unha cidade de muros nin de fronteiras pechadas. É a cidade da Estatua da Liberdade, a cidade onde os barcos chegaban cargados de soños europeos. É a cidade de Ellis Island, o primeiro porto de entrada para millóns de cidadáns que construíron non só un anaco de América, senón tamén un anaco de Europa ao outro lado do océano.

Nun momento no que a Administración Trump decidiu atacar os valores europeos —a cooperación, a apertura, o multilateralismo—, cidades como Nova York, Chicago, San Francisco, Boston ou Nova Orleáns, todas elas cunha pegada cultural europea fortísima, deben ser faros de resistencia e de crítica social. Deben lembrar a Estados Unidos que a súa grandeza non vén do illamento, senón da mestura, da apertura, da súa capacidade de ser moitas cousas ao mesmo tempo e da multilateralidade das súas relacións.

Desde Galicia, desde o Partido Demócrata Europeo, desde ese recuncho atlántico que tamén axudou a levantar Nova York, convido á cidadanía neoiorquina a mirarse ao espello e recoñecer o que son: unha cidade cun anaco de Europa no seu ADN, un laboratorio de mestizaxe e creatividade que encarna o mellor da historia compartida entre os nosos dous continentes. Un ensaio para enterrar rancores europeos e construír a UE cos mesmos valores que Nova York.

Hoxe, defender Europa é tamén defender Nova York. E defender Nova York é plantar cara ao illamento de Trump.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.