Un vello desexo do colectivo de amputados e as súas asociacións, a actualización do catálogo de próteses por parte dos servizos públicos de saúde, foi satisfeito polo Ministerio de Sanidade do goberno de España. A día de hoxe, e cun ano de atraso, a única comunidade autónoma que non adoptou o novo catálogo é Galiza
Ata agora non! Un vello desexo do colectivo de amputados e as súas asociacións, a actualización do catálogo de próteses por parte dos servizos públicos de saúde, foi satisfeito polo Ministerio de Sanidade do goberno de España. En xaneiro de 2022 publicouse a actualización, e se deu un prazo de seis meses ás comunidades autónomas con transferencias sanitarias e ás mutuas (MUFACE, ISFAS, MUGEJU,...) para incorporala aos seus respectivos catálogos. A día de hoxe, e cun ano de atraso, a única comunidade autónoma que non adoptou o novo catálogo é Galiza. Os especialistas dos servizos de rehabilitación non poden prescribir novas próteses porque o sistema informático non incorpora os seus códigos, aínda que as consideran adecuadas para un paciente. O SERGAS está a aforrar varios millóns de euros: coa rebaixa no imposto do patrimonio da Xunta para o 2023, cada declarante de máis de dez millóns de euros está sustraendo tres próteses de xeonllo do novo catálogo.
Falemos de prezos. Co catálogo vixente actualmente no SERGAS, a prótese de xeonllo de maior custo rolda os cinco mil euros, mentres que o prezo máximo autorizado para un xeonllo controlado por microprocesador multiplica por cinco esa cantidade
Falemos de prezos. Co catálogo vixente actualmente no SERGAS, a prótese de xeonllo de maior custo rolda os cinco mil euros, mentres que o prezo máximo autorizado para un xeonllo controlado por microprocesador multiplica por cinco esa cantidade. Os primeiros poden ser prescritos por calquera facultativo rehabilitador, mentres que os controlados por microprocesador precisan tamén da autorización dun órgano administrativo da Consellería de Sanidade. Pode parecer razoable, pero nega a capacidade do especialista. Supoño que un transplante de corazón, que rolda os cen mil euros, non precisaría do visto e prace da Consellería, senón só da opinión do equipo de transplantes. E, salvando a distancia, lembro os criterios restritivos da administración sanitaria no tratamento da hepatite C, aludindo ao seu custo, ata que a presión social logrou a universalización do tratamento.
Falemos de valor, porque, como dicía Antonio Machado, só o necio confunde valor e prezo. Manteño que, a pesar do seu prezo, as próteses controladas por microprocesador son valiosas socialmente. Permítenlle ao amputado millorar a súa calidade de vida, continuar a actividade laboral e previr en gran medida as caídas.
Remato animando a amputados e especialistas en rehabilitación, entre outros, a reclamar a posta en marcha inmediata do catálogo de prestación ortoprótesica en Galiza
Ambas cuestións son apreciables incluso dende un punto de vista economicista a curto prazo. Un informe da RAND Corporation, Economic Value of Advanced Transfemoral Prosthetics, mostra que as caídas, cos seus custos sanitarios asociados por danos e osteoartritis, xustifican a práctica universalización das próteses de xeonllo controlados por microprocesador. Este estudo tamén cifrou a ganancia en anos con boa calidade de vida, chegando á conclusión de que os usuarios de próteses controladas por microprocesador viven, de media, un ano máis por década en comparación cos das próteses tradicionais.
Remato animando a amputados e especialistas en rehabilitación, entre outros, a reclamar a posta en marcha inmediata do catálogo de prestación ortoprótesica en Galiza. E se tes a desgraza de ter de ser funcionarioa a haber optado pola sanidade pública (o que recomendo moitísimo) nunha mutua, vai ata onde sexa necesario par que o SERGAS e a mutua non se pasen a pelota no financiamento da túa prótese, como está a pasar agora.