A Organización de Consumidores e Usuarios publicou en maio unha análise de cremas faciais, con algunhas de supermercado, a tres euros e pico, cuxa calidade era superior a todas as demais de prezos máis altos. De paso solicitaba que se retirasen as dos laboratorios Isdin e Babaria, porque tiñan un factor de protección inferior ao que indicaban na etiqueta.
As marcas cuestionadas denunciaron o estudo e os organismos ministeriais déronlles a razón. Xosé María Torres, unha persoa do sector, escribiu un artigo moi crítico coa OCU en La Voz de Galicia, no que viña a dicir que ninguén dá pesos a catro pesetas e que a asociación quería comportarse como un Robin Hood xusticeiro. Un lixeireza intolerábel, dicía, porque se trata de cremas pediátricas, cuxos efectos negativos teñen tanta transcendencia para a saúde como os dos medicamentos.
Daquela escribín aquí mesmo unha columna titulada Eloxio da OCU onde alegaba que é posíbel o erro da análise, e non só iso: a presión das empresas sobre as asociacións de consumidores pode ser certa, concreta, pero que en xeral, testado coa propia experiencia, as análises da OCU son precisas e certamente, unha lavadora anunciada como de alta gama, e por tanto moi cara, pode ser mala, mentres que outras, baratas, figuran entre as mellores. Iso repítese con todos os produtos e en todas as análises. Sen excepción. Cavas de dous euros, ou de oito, superiores aos de vinte. Deficientes estufas de pellets a tres mil euros, fronte a outras de mil cincocentos que se comportan extraordinariamente. O mesmo acontece cos televisores,os teléfonos e as conservas.
A publicidade é engado, sedución para o engano. Aquela sociedade na que os cidadáns tiveren formación como consumidores e se asociasen como tales para coñecer con fundamento os produtos que queren comprar, subiría un chanzo na mellora colectiva. O corenta por cento do prezo final dun automóbil é o que lle custa á empresa convencer o comprador.
A Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios (AEMPS) ordenou a retirada das cremas de Isdin e Babaria despois de realizar análises propias.