Noxo news

Hai algo na actualidade peor que as fake news, e son as noticias reais que nos chegan, e son noxentas. Nas bocas de autoridades, resultan ser dunha indignante misoxinia, grosería e provocación.

O Presidente de Filipinas, antiga colonia española durante máis de tres séculos, da que conserva o idioma e a relixión da maioría da poboación, é tamén Xefe de Estado, Xefe do Goberno e das Forzas Armadas da República.

Mesmo así, non é un ditador como o foi Ferdinand Marcos, que tivo que fuxir do país pola Revolución Popular. Despois, entre outros, en Filipinas gobernaron dúas mulleres: Corazón Aquino, líder da Revolución Popular que debeu enfrontarse a dous Golpes de Estado e á terrible erupción do volcán Monte Pinatubo, do ano 1991, e anos despois, Gloria Macapagal-Arroyo, que elevou o nivel do país cultural e economicamente.

Coma se non existisen eses precedentes femininos, no ano 2016 foi nomeado Presidente Rodrigo Duterte, un individuo que odia as mulleres e declárao sen prudencia. É un falabarato e sábeo. Segundo el mesmo di, se lle apareceu Deus (que afección a de certos mandatarios polas aparicións!) e ameazouno con esnafrar o avión presidencial se dicía groserías. Daquela, segundo confesa, volveuse cristianísimo, máis papista ca o Papa, e estableceu o mes da Biblia en Filipinas.

Ao parecer nin Deus conseguiu refrearlle a lingua, pois chamou fillo de puta a Obama e ao Papa, nin tampouco diminuír a súa violencia sexual e a súa brutal misoxinia. Así, neste momento, ordena aos soldados que loitan contra as insurxentes, que deben dispararlles á vaxina, que apunten directamente no lugar do sexo, e non á cabeza. Para que matalas? Elas, sen vaxina serán inservibles. Así son as ordes dun machista-fascista que é presidente e xefe máximo dun Estado. Escandaloso!

A outra autoridade, alcalde da cidade de Santiago de Compostela, sede dunha catedral románica onde se encontra, din, o corpo do apóstolo e lugar de peregrinación mundial, cunha longa tradición que orixinou un negocio coñecido como Camiño de Santiago, non se lle ocorreu nada mellor que encargar a redacción e lectura do Pregón de entroido ao dramaturgo Carlos Santiago, que se despachou ante a infancia, acompañada polos proxenitores, e a xuventude convocada a gozar do carnaval, cun texto groseiro aludindo aos testículos do Apóstolo Santiago, e  virxe do Pilar facéndolle unha felación ao santo. Ordinario e irreverente, si, pero misóxino e dunha  pobre imaxinación vulgar e machista: un santo cojonudo e unha virxe, muller puta humillada ante o pene do santo. Anda que, quedouche a cabeza descansada! Ademais, a utilización dos cartos públicos para ofender dunha tacada as mulleres, a igrexa e os crentes.

O peor é que esas indecencias son sacrílegas para unha boa parte da poboación e diríase que teñen por obxectivo incrementar as  crenzas,  exacerbar os criterios relixiosos e o fanatismo na poboación. Resultado: misas e manifestacións multitudinarias dunha cidadanía alporizada, aquí, en Aragón, en toda España.

Protesto no meu nome e no das feministas, que sabemos o nocivas que son as ideas da relixión para o desprezo, a opresión e o maltrato das mulleres.    

Ademais, o alcalde e o partido político ao que pertence, coñecen a reacción. Acusaron o goberno de motivar o aumento do independentismo en Cataluña por menosprezar o nacionalismo. Sabían que outro tanto pasaría coa relixión.

En España está tan introducida a consideración da relixión como crenza común, que confunden a liberdade de pensamento con liberdade relixiosa. Moitas e moitos loitamos por un Estado Laico. Estas barrabasadas dificultan unha sociedade democrática e laica.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.