Nunca máis escuridade

Non celebramos un día máis das letras galegas. Hoxe, día 17 de maio, cúmprense 150 anos do renacemento da nosa literatura. Tras un pasado glorioso, houbo tres séculos de escuridade. Tiveron que pasar trescentos anos ata que Rosalía de Castro volvera a utilizar o galego como instrumento de creación literaria.

Poucas veces a historia dá unha segunda oportunidade

Poucas veces a historia dá unha segunda oportunidade. O pobo galego, as xentes do común, mantiveron un tecido favorable para que se desen as condicións propicias ata iluminar unha escuridade cegante na nosa literatura. Unha ducia de xeracións mantiveron acesa a luz dun candil en cada casa de cada aldea ou vila do noso territorio, transmitindo de pais a fillos as verbas precisas para explicar a nosa realidade.

Hoxe, o vento da globalización é quen de apagar lumieiras febles. Precisamos manter unha chama rexa, que alumee no mundo, que se faga visible entre enormes lumieiras. Temos que facer un galego forte, espelido, vivo, que nomee a nova e cambiante realidade. Nós somos os portadores da lingua. Temos que ser merecentes do legado dos nosos ancestros, que gardaron o galego como o tesouro que representa para un pobo a lingua propia.

Aproveitemos esta data para comprometernos coa cultura, con Galicia, co galego. Mantendo a lingua viva.

Aproveitemos esta data para comprometernos coa cultura, con Galicia, co galego. Mantendo a lingua viva. Falando e escribindo. Na escola e na casa, cos amigos e coas autoridades, a cotío e nas festas, nas ciencias e na literatura, nas mensaxes, no correo electrónico. Creando. Alumeando o futuro. Mantendo acesas moitas lumieiras que fagan posible brillaren as letras de ouro que se escribiron e tantas outras que se escribirán relocentes na literatura universal.

Nunca máis escuridade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.