Na semana do 8 ao 15 de outubro celebrouse, como acontece a nivel planetario dende hai anos, a Semana de Acción Global contra a Débeda e as Institucións Financeiras Internacionais. Contra esas institucións que, como o FMI, o Banco Mundial ou a OMC, constitúen gobernos non democráticos aínda lexitimados por presuntas democracias. Os esforzos de visualización desta problemática, que este ano na Galiza se centraron nas actividades da Plataforma para a Auditoría Cidadá da Débeda (PACD), non adoitan acadar a importancia que deberan. En parte polo apagón informativo inducido a este respecto -certo é-, mais tamén -na parte que nos toca- pola claudicación ou febleza da esquerda (política e social). Que aceptamos, ou cando menos obviamos, os pagamentos dunha débeda maiormente ilexítima. “Non debemos, non pagamos”, apréndennos nas rúas.
O pagamento da débeda –que medra exponencialmente malia os recortes en políticas como a educativa ou a sanitaria– e a máis que necesaria auditoría pública da mesma deberían constituír o primeiro punto da orde do día
En tempada de debates sobre os Orzamentos da Xunta para 2014, o pagamento da débeda –que medra exponencialmente malia os recortes en políticas como a educativa ou a sanitaria– e a máis que necesaria auditoría pública da mesma deberían constituír o primeiro punto da orde do día. E digo o primeiro porque a clave do que está a acontecer atópase aí, nunha débeda xerada á mantenta por un sistema que leva anos transferindo cartos públicos para aliviar as débedas privadas. E que, ao mesmo tempo, traslada recursos do Sur cara ao Norte, de todos os sures cara a todos os nortes, dos pobres aos ricos, dos de embaixo aos do cumio da pirámide de poder, do 99% ao 1%. Se algo xera pobreza no mundo de hoxe é esa débeda. Que de ningún xeito é nosa.
O presidente Núñez está a mentir aos galegos e ás galegas cando fala dos cartos do común
Unha ollada polo miúdo a eses Orzamentos da Xunta abonda para concluír que o presidente Núñez está a mentir aos galegos e ás galegas cando fala dos cartos do común. El e os seus secuaces do PP falan de que o gasto social pasa de representar o 77,1% no 2013 ao 78,3% no 2014. Con independencia de que os datos non van acompañados de cadro explicativo, silencian á mantenta que as porcentaxes son sobre a capacidade de gasto –isto é, deducido o servizo da débeda– e non sobre o total do orzamento. De facermos os cálculos sobre este último, o gasto social descende. De feito, a práctica totalidade dos eixos estratéxicos e de gasto social (cohesión social, benestar e calidade de vida; dinamización económica e emprego; economía do coñecemento; sustentabilidade ambiental e equilibrio territorial) mingua o seu importe respecto do 2013. Especialmente significativo é o destinado ao emprego: un 9,33% menos.
O pago dos servizos da débeda chucha de nós a escandalosa cifra de 2.072 millóns de euros, o dobre que en 2013 (960 millóns de euros máis). Vaia, que un de cada cinco euros que vai gastar a Xunta destinarase a unha débeda que nós non xeramos. Este único feito abondaría para demostrar a falacia propagandística da austeridade e da eficiencia de Núñez Feijóo. Cada vez a débeda come máis parte da torta e faino dun xeito exponencial, coma un cancro que avanza imparábel polo organismo público. Cada galega debe pola débeda xerada só pola Xunta de Galiza 3.600 euros. E deses 3.600 euros, a maiores, uns 2400 corresponden só ao período de Núñez.
Os galegos e mais as galegas deberían saber que os recortes que tanto lles complican a vida destínanse, principalmente, ao pagamento dunha débeda pública que non é tal
En definitiva, os galegos e mais as galegas deberían saber que os recortes que tanto lles complican a vida destínanse, principalmente, ao pagamento dunha débeda pública que non é tal. Porque a xera un sector financeiro que, coma sempre, aplica por medio dos nosos malgobernantes a mortífera máxima da socialización do gasto e a privatización do beneficio. Auditarmos publicamente a débeda e repudiar o pagamento da que é ilexítima, xerada só polas clases dominantes e só para o seu beneficio, é un dos primeiros chanzos que deberiamos pisar para darmos escapado da miseria social na que nos teñen mergullados.