O 22 de outubro

“Aquí pasou o que pasou”, reza un dos proverbios máis coñecidos da política autóctona e que dá conta de como sen dicir nada se pode á vez dicir todo, sempre que o interlocutor queira entender, claro está. Tamén hai aquel outro dito máis popular e con claras connotacións sexuais que di “agora xa foi, Marica non chores”. Pois iso. Permítanme os lectores que a un servidor, que viviu algo de cerca determinados acontecementos políticos nos últimos días, só se lle ocorren estas dúas expresións para relatar o acontecido.

Semellaba a opción máis lóxica por moitas razóns, a primeira delas porque dese xeito poderiamos consolidar os proxectos xurdidos da famosa Asemblea de Amio, independentemente da súa confluencia orgánica posterior

Algúns que levabamos tempo matinando e traballando en artellar unha nova ferramenta política nas coordenadas do galeguismo e da socialdemocracia (perdoen o atrevemento conceptual pero cada un fala segundo lle peta), podemos sentir un punto de frustración ao ver fragmentada a desexada nova alternativa nacionalista de cara ao vindeiro 21 de outubro. Semellaba a opción máis lóxica por moitas razóns, a primeira delas porque dese xeito poderiamos consolidar os proxectos xurdidos da famosa Asemblea de Amio, independentemente da súa confluencia orgánica posterior. A segunda, porque estaba e sigue a estar en xogo a continuidade no goberno da Xunta dunha xente que non cre nin nas institucións propias nin nos servizos públicos que xestiona.

Reinaron as lóxicas de curto prazo sobre as de medio e longo prazo

Teño para min que na resultante final de todo o proceso reinaron as lóxicas de curto prazo sobre as de medio e longo prazo. Para sorpresa de moitos, aqueles que afirmaban vai uns meses que as eleccións carecían de importancia e que o único relevante era o proxecto de longo percorrido construído “dende a base”, amosaron nos últimos días que parlamentiño si, pero a vaquiña polo que vale. Tamén se percibiu que, máis alá da retórica das novas maneiras de facer política, hai cousas que se seguen a resolver pola vella, sen menoscabo dos cadáveres deixados polo camiño.

Mais a realidade imponse e toca facer da necesidade virtude, mirar para adiante e abandonar de vez ese malfado rosaliano que tanto nos caracteriza. Os galegos e as galegas terán a oportunidade de expresar o seu apoio a unha opción política, Compromiso por Galicia, que ocupa un grande espazo baleiro no sistema político galego actual. Unha opción política que aposta porque os galegos decidan libremente e sen límites como queren gobernarse, mais partindo da experiencia actual do autogoberno e conscientes de que a soberanía non se pode concibir igual que vai cen anos, nin que podemos ser alleos ao proceso de construción europea, con tódalas súas eivas.

Unha opción política que aposta porque os galegos decidan libremente e sen límites como queren gobernarse, mais partindo da experiencia actual do autogoberno e conscientes de que a soberanía non se pode concibir igual que vai cen anos

Unha opción política que defende o carácter público e universal dos servizos básicos, así como a regulación do sistema económico, nomeadamente do mundo financeiro. É imprescindíbel mudar o desequilibrio existente entre o poder político e o poder económico en favor do primeiro, e nesa loita está Compromiso. Pero tamén toca crear as condicións para unha sociedade innovadora, creativa e sustentábel onde, en particular a xente nova, poida desenvolver os seus proxectos con máis garantías de futuro. Mérito, capacidade e igualdade de oportunidades deben ser elementos guía na Galicia do futuro. E, finalmente, Compromiso aposta por novas canles de participación pública –primarias abertas a cidadanía, democracia directa a nivel local- e, diante de todo, pola decencia na xestión da res pública. Están en cuestións os políticos profesionais e toca recuperar a cidadanía para a política, mais sería lamentábel e perigoso que se cuestionara  a propia práctica política, por iso debemos apartarnos do populismo fácil.

Temos que traballar daquí ao 21 de outubro para impulsar un cambio no País pero tamén para ir sentando as bases dunha Galicia mellor. Porque, non nos equivoquemos, o 22 de outubro o día abrirase en Galicia e, ao igual que hoxe, seguiremos a necesitar da enerxía e da forza dos que queren un país dono de si mesmo e aberto ao mundo, así como unha sociedade máis xusta. É unha misión de audaces, como din os Ataque Escampe. Aí estaremos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.