O 26M e o futuro de Núñez Feijóo

Alberto Núñez Feijóo © Ana Varela

A pesar de non ser candidato nas eleccións do 26 de Maio, o resultado desa cita coas urnas vai ter moita importancia no futuro político de Núñez Feijoo. Por razóns directas e indirectas.

O test principal para medir o éxito ou o fracaso do PPdG vai estar situado nas cidades e nas Deputacións

O test principal para medir o éxito ou o fracaso do PPdG vai estar situado nas cidades e nas Deputacións. Xa sabemos que esta forza política vai ocupar o primeiro posto no ranking das concellerías e das alcaldías obtidas. A utilización desa contabilidade parcial vai ser o refuxio dos voceiros na noite electoral para agachar a dimensión real do eventual fracaso. O que haberá que mirar é se o partido de Feijoo conserva a alcaldía de Ourense e/ou acada algunha mais nas outras seis cidades. Tamén será pertinente comprobar cantas deputacións vai controlar a partir dese momento. A posibilidade de que a súa hexemonía fique reducida ás vilas medianas e cativas -complementada cunha confirmación do virreinato de Baltar- cuestionaría seriamente a viabilidade da repetición da maioría absoluta existente no Pazo do Hórreo.

Se o PP perde o control sobre as Comunidades que hoxe administra e non é quen de recuperar o dominio sobre os grandes concellos, Pablo Casado terá que considerar a posibilidade de dimitir

O destino do presidente da Xunta tamén se xoga alén do Padornelo. Se o PP perde o control sobre as Comunidades Autónomas que hoxe administra e non é quen de recuperar o dominio sobre os grandes concellos que perdeu no ano 2015, Pablo Casado terá que considerar a posibilidade de conxugar o verbo dimitir. Se tal cousa ocorrera, o político dos Peares recibiría unha presión moi forte para asumir a presidencia estatal e dirixir a travesía do deserto desta formación nos vindeiros catro anos. Podería respostar cunha negativa semellante á que formulou no mes de xuño do ano pasado? Nesta ocasión sería moi complicado repetir aquelas argumentacións a menos que Núñez Feijoo teña pensado retirarse da primeira liña política cando remate o seu mandato en San Caetano ou ben -circunstancia certamente inimaxinábel- manexe o proxecto de reconverter o PPdG nunha sorte de forza rexionalista (como pode ser, na actualidade, a UPN).

A política galega pode vivir un punto de inflexión a partir do vindeiro 26 de Maio. Un motivo adicional para agardar, con expectación, as cifras que proporcionen as urnas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.