Coñecín a Bernardo Penabade, profesor xubilado e colaborador do Consello da Cultura Galega, nunha visita guiada por Yoani Jartín en Meira, concello que, por certo, debe ser o único que se resiste a perder poboación entre os do rural da provincia de Lugo. Descubrín aquel día do verán do 2023 un home que leva dentro o saberse unha autoridade en sociolingüística, pero que por fóra se presenta cunha humildade natural e cunha imaxe que dista do que as modas mandan, por tanto, dono dunha personalidade forte, envolta nunha actitude amable e de escoita. Naceu na Silgada, unha aldea da parroquia das Grañas do Sor, un deses lugares nos que O recreo do monte, poema de Iria Fernández Crespo do libro Flores da Galvana, se materializa cada día, sen que pareza un milagre.
Pasadas unhas décadas, no ano 2008, salto necesario para dar cun novo milagre, conseguiu o apoio de toda a corporación municipal para o seu proxecto de intervención educativa Modelo Burela, destinado á transformación dos usos lingüísticos habituais tanto na comunidade escolar como no seu ambiente social máis inmediato. Entre as múltiples áreas de traballo do Modelo Burela (educación, cultura, sanidade, deporte, relixión, comercio, xustiza e notariado...) está o Proxecto Neo, a intervención destinada á incorporación á cultura galega de persoas que non tiveron a nosa como a súa primeira lingua (neofalantes). A partir de xaneiro de 2012 manteñen unha emisión radiofónica semanal na que dan a coñecer experiencias de neofalantes que poden servir de modelo para outras persoas que necesitan estímulo para iniciar ese proceso.
Na actualidade, e despois de xubilarse, coordina o proxecto Palabra e Memoria. Trátase dun estudo do patrimonio textual nos camposantos de Galicia, co obxectivo de chegar ás 3771 parroquias do país, grazas a unha importante rede de colaboradores. Os datos obtidos incorpóranse á Cartografía do uso do galego nos camposantos, que se pode consultar no seguinte enlace: https://datawrapper.dwcdn.net/4HeuT/57/
No mapa ofrécese información sobre a porcentaxe de uso do galego nos cemiterios dos diferentes concellos. A finalidade é promover a reflexión e o aumento das inscricións funerarias en galego. Con tal motivo organizan tamén exposicións de lápidas no noso idioma, a última delas no Museo do Pobo Galego, xa terminada, e que tivo arredor de 3000 visitantes. Ademais, contactan coas funerarias, actores principais nesta cuestión, co fin de obter datos sobre a porcentaxe de esquelas en galego e promover as boas prácticas, para que ofrezan aos familiares a oportunidade de escoller a opción lingüística que desexen.
Finalmente, e tras xuntar datos duns 50000 panteóns, podemos afirmar que a porcentaxe de familias que comunican en galego nos camposantos roza o 5 por cento. Este dato supón un avance moi importante, debido a que se parte do nada: só se encontraron 6 inscricións funerarias en galego que se correspondan co período franquista, e 1 anterior ao 36, en concreto do ano 1934, coa que deu a filóloga Tania Vázquez García, profesora do IES Val do Asma e colaboradora deste proxecto.
Sen dúbida, o primeiro paso está dado. Agora, depende de nosoutros, neste e noutros ámbitos, sumar a favor da lingua na que aprendemos a falar, ou na que aprenderon os nosos pais, e no seu defecto, os nosos avós, estraño é ter que ir máis atrás.
Nas Grañas do Sor continúa a milagre diaria da natureza, coma nos tesos cumes do Courel ou na inmensidade da chaira, os séculos e o traballo colectivo crearon as palabras para expresalo. Na perda dun ser querido, a forza dos sentimentos nace do interior, enxebre e propia, dun modo natural, coma o río Sor cando fina no mar, coma as palabras no adeus eterno