As conclusións dos Encontros para a normalización lingüística destacan que grazas ao impulso de diversas iniciativas “a presenza do galego nos cemiterios chegou a acadar un 20% nalgúns concellos”
En tempos de devalo para a lingua galega, semella que hai un ámbito no que o seu uso está a aumentar: os cemiterios. O galego segue a ser minoritario nas exequias, lápidas e necrolóxicas, pero os XXVI Encontros para a normalización lingüística celebrados o pasado mes de outubro apuntan a un progresivo incremento. A cita organizada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega destaca nas súas conclusións que grazas ao impulso de diversas iniciativas “a presenza do galego nos cemiterio chegou a acadar un 20% nalgúns concellos”.
Nas súas conclusións, publicadas esta semana, saliéntase a progresiva normalización do uso da lingua, partindo dunha situación previa de case total ausencia. "Durante cinco séculos, entre o final da Idade Media e o comezo do XXI, os cemiterios dos territorios de cultura galega foron campos vedados para a expresión escrita da lingua común ás persoas defuntas e ás súas familias", destácase no documento, que engade que "tradicionalmente nos cemiterios a lingua galega só tiña presenza nas inscricións de recordo a autoridades da política ou da literatura, promovidas por entidades académicas".
Nas necrolóxicas "tamén se nota o avance, de xeito que non é infrecuente visualizalas nos xornais diarios ou escoitalas nas emisoras na nosa lingua (entre o 5 e o 10%)", sinálase
Porén, destácase, nas últimas dúas décadas rachou estre tabú e mentres que antes do ano 2000 "era difícil visualizar palabras galegas na fitas de ramos ou coroas, nas mensaxes de pésame, nas necrolóxicas ou nas lápidas", nos últimos anos "a nosa lingua vai gañando terreo, de xeito que agora os cemiterios onde non entrou o galego escrito son excepcionais".
Así, as conclusións das xornadas salientan que o uso do galego nos cemiterios do país oscila entre o 0% e o 20%, dependendo do lugar. Sublíñase, ademais, que nas necrolóxicas "tamén se nota o avance, de xeito que non é infrecuente visualizalas nos xornais diarios ou escoitalas nas emisoras na nosa lingua (entre o 5 e o 10%)". A situación comezou a mellorar grazas ao éxito de iniciativas sociais que se puxeron en marcha nos anos 90 do pasado século, como o Bienio Irmandiño, Galegos de por vida ou En galego agora e sempre, da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia.
A situación comezou a mellorar grazas ao éxito de iniciativas sociais que se puxeron en marcha nos anos 90 do pasado século, como o Bienio Irmandiño, Galegos de por vida ou En galego agora e sempre, da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia
Os catro factores fundamentais deste incremento do uso son: a toma de consciencia das familias, a maior profesionalidade das empresas funerarias, a divulgación realizada nas escolas e a mellor disposición do clero. En relación con isto, constátase un incremento do número de empresas funerarias que inclúen o galego na súa oferta e a existencia de modelos de boas prácticas na totalidade do territorio. Actualmente o idioma está presente en todas as actividades funerarias (liturxia, cerimonias civís, necrolóxicas, lápidas, bandas florais...) e en toda a xeografía galega (urbana e rural), "aínda que se bota en falta unha planificación da súa introdución por parte das diferentes confesións relixiosas", destaca o documento.
Accións de futuro
Constátase un incremento do número de empresas funerarias que inclúen o galego na súa oferta e a existencia de modelos de boas prácticas na totalidade do territorio.
As conclusións dos encontros pecháronse coa redacción dunha serie de recomendacións para unha completa normalización do uso da lingua neste ámbito. Entre outros aspectos, faise un chamamento a "planificar cursos de formación en lingua galega para os oficiantes (curas, pastores, imáns...) que proceden de fóra, como unha vía de facilitar a súa integración na comunidade". Tamén se suxire "establecer convenios con outras confesións relixiosas para a incorporación paulatina da lingua galega nas súas prácticas".
Os catro factores fundamentais deste incremento do uso son: a toma de consciencia das familias, a maior profesionalidade das empresas funerarias, a divulgación realizada nas escolas e a mellor disposición do clero
En canto ás empresas funerarias, sinálase que "hai que procurar asociar o uso da lingua a unha maior calidade do servizo, para que non recorran ao uso do galego como algo secundario, senón como unha oferta polo menos ao mesmo nivel ca outras, e mesmo como primeira opción, dado que non se detecta ningún tipo de rexeitamento nestes casos". Así, mesmo recoméndase "empregar recursos atractivos para as persoas destinatarias, por exemplo de tipo audiovisual, e difundilos a través das redes sociais, nun intento de conectar coas novas xeracións".
"Hai que procurar asociar o uso da lingua a unha maior calidade do servizo, para que non recorran ao uso do galego como algo secundario, senón como unha oferta polo menos ao mesmo nivel ca outras, e mesmo como primeira opción"
Finalmente, proponse unha campaña publicitaria de concienciación do uso do galego neste ámbito, aproveitando, por exemplo, o momento radiofónico das necrolóxicas, que é un dos de máxima audiencia, así como empregar publicidade indirecta, a través de entrevistas ou reportaxes que dean a coñecer as boas prácticas.
O Consello da Cultura Galega publicou tamén esta peza audiovisual, que compila epitafios e mandas testamentarias recollidos de fontes históricas, literarias, redes sociais e proxectos dinamizadores. De maneira especial, de En galego, agora e sempre, da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia.