"E se te lembras de min nunha lingua que non foi a miña, entón é que non te lembras de min", escribiu Nel Vidal, presidente da CTNL entre 2007 e 2016. Dende hai anos distintos colectivos veñen traballando pola promoción do uso do galego en lápidas e necrolóxicas, pola galeguización do transo da morte, un ámbito dominado de forma case completa polo castelán. Abonda con pasear por un cemiterio, como tanta xente fará este venres, para comprobar o escaso número de inscricións en galego nas lousas, ou con ler as necrolóxicas que se publican nos xornais impresos.
Foméntase a sinatura de "actas de derradeiras vontades" nas que a persoa expresa o seu desexo de que os actos fúnebres relacionados co seu pasamento se realicen en galego
Este xoves a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e o Concello de Paradela, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, celebrarán no cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño un acto para reafirmar o uso do idioma propio no único camposanto de Galicia que ten todas as súas lápidas en galego. Se isto é así é porque no ano 1997 a Dirección Xeral de Patrimonio decidiu levantar os enterramentos do adro da igrexa do século XII co gallo da súa restauración e trasladou os restos a un novo cemiterio, decidindo nese momento galeguizar as lápidas.
O acto, que se celebra no 'Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia' forma parte da iniciativa 'En galego agora e sempre', impulsada pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística en colaboración con distintas institucións. No marco desta campaña varios cemiterios de todo o país locen placas nas que se pode ler: “Na memoria de todas as persoas que aquí xacen, porque grazas a elas Galicia segue a ter lingua e cultura de seu". "Chamamos á cidadanía a restaurar a memoria lingüística de Galicia nos cemiterios, deixando constancia escrita nas súas lápidas os nosos afectos en lingua galega, que foi o idioma que falaron en vida", destaca neste a plataforma Galeguizar Galicia.
O cemiterio de Paradela é o único en todo o país no que todas as lápidas están en galego
A campaña veu fomentando, ademais, a sinatura de "actas de derradeiras vontades" nas que a persoa expresa o seu desexo de que os actos fúnebres relacionados co seu pasamento se realicen en galego. A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística promove así mesmo a realización de mandas testamentarias nas que se lles encomenda aos beneficiarios testamentais a defensa do patrimonio cultural e lingüístico galego.
Outras administracións locais traballan tamén no fomento do uso do galego nos cemiterios e tanatorios fornecendo de materiais e guías á cidadanía e ás empresas do sector para facilitar o uso da lingua propia do país. Nesta véspera do Día de Todos os Santos o Concello de Santiago presentou, como xa fixera hai anos o Concello de Ames, un 'Manual de recursos en lingua galega para actos funerarios', que inclúe o vocabulario básico en galego, modelos de lápidas e necrolóxicas, propostas de lemas para as tarxetas e fitas que acompañan ás flores ou exemplos de versos e textos para as propias cerimonias funerarias.
O Manual, segundo Sánchez Bugallo, pretende contribuír a "facer normal o que xa debería ser normal"
O obxectivo é que as empresas do sector teñan á man o manual "para ofrecer os servizos funerarios en galego", facilitando o uso correcto e normativo do idioma. No acto de presentación participaron a concelleira de Políticas Lingüísticas, Noa Díaz, e o propio alcalde Xosé Sánchez Bugallo, xunto con representantes de Albia Servizos Funerarios, Casablanca e Funeraria Apóstol, tres empresas locais do sector. Ademais de a todas as funerarias, o Manual enviarase a outras empresas e servizos relacionados con estes ritos.
O Manual, segundo Sánchez Bugallo, pretende contribuír a "facer normal o que xa debería ser normal". Pola súa banda, a concelleira Noa Díaz, agradeceu ao Concello de Ames a cesión da primeira edición do Manual e expresou a "anomalía" que supón que persoas que "se expresaron e viviron en galego sexan despedidas noutra lingua".
O Concello de Santiago súmase á proposta "de que o galego sexa a lingua por defecto dos actos, salvo indicación contraria por parte das familias, tendo en conta que é a maioritaria da poboación e que precisa aínda de impulso nos ámbitos máis formais"
No documento o Concello de Santiago súmase á proposta "de que o galego sexa a lingua por defecto dos actos, salvo indicación contraria por parte das familias, tendo en conta que é a maioritaria da poboación e que precisa aínda de impulso nos ámbitos máis formais". O Concello, "consciente de que as dúbidas sobre a corrección dos textos ou a falta de seguridade entorpecen o uso do galego", quere colaborar con este Manual "na superación deses atrancos con este repertorio de textos habituais".
Tralos modelos de necrolóxicas (católica ou laica), a guía ofrece exemplos de textos para a súa colocación nas lápidas, como "O teu recordo vive e vivirá sempre nos nosos corazóns. Querémoste", "Saíches desta vida, pero non dos nosos corazóns", ou "A luz do teu amor non morrerá mentres vivamos. Ela hanos alumar para aprendermos a camiñar sen ti".
O documento inclúe o vocabulario básico en galego, modelos de lápidas e necrolóxicas, propostas de lemas para as tarxetas e fitas que acompañan ás flores ou exemplos de versos e textos para as propias cerimonias
Hai tamén modelos e exemplos para as fitas e tarxetas que acompañan ás coroas de flores, dende "A túa familia non te esquece" ata "Co agarimo dos teus netos e netas". E, igualmente, textos que poden lerse ou interpretarse durante a cerimonia funeraria, tirados principalmente dos recollidos pola Comisión polo Pasamento Laico de Cangas. Inclúense, así mesmo, poemas en galego relacionados coa morte ou coa lembranza, de autores e autoras como Celso Emilio Ferreiro, Lois Pereiro, María Mariño, Bernardino Graña, Uxío Novoneyra, Marta Dacosta ou Claudio Rodríguez Fer.
O documento péchase cunha breve escolma de vocabulario galego (e as súas correspondencias en castelán) relacionado coa morte e cos ritos funerarios e, ademais, coas formas toponímicas correctas dos distintos lugares do Concello de Santiago.