"En galego, agora e sempre". A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística xuntou baixo este lema hai poucos días ao Goberno galego e ás principais organizacións políticas e sindicais do país. Reunidos en San Domingos de Bonaval, sede do Panteón de Galegos Ilustres, os representantes gobernamentais, políticos e sociais asumiron o compromiso de restaurar a "memoria lingüística" do país a través do que debería ser un dos seus trazos máis significativos: o idioma.
Poucos anos despois de que as iniciativas parlamentarias presentadas polo BNG neste ámbito fosen ridiculizadas en determinados eidos da política e dos medios a Xunta, todo o arco parlamentario e as centrais sindicais asumen que é "incomprensible" que "as parroquias dos mortos non falen a mesma lingua que as dos vivos", con "lápidas ou campas nos camposantos galegos que son expoñentes da renuncia" da poboación de Galicia "ao seu idioma". "Prefiren lembrar os defundos noutra lingua diferente á que falan no ámbito familiar", lamentan, na declaración conxunta asinada por todas as organizacións.
"Esta actitude puido ter xustificación noutras épocas polo comportamento lingüístico da Igrexa", admiten, se ben "no marco dun Estado democrático e do recoñecemento da autonomía político" o uso do galego tamén debera ser "normal nos actos e monumentos funerarios", algo que só practica "unha minoría consciente que exerce a galeguidade nese recuncho da vida familiar". A Asociación promotora do acordo subliña que "os datos son elocuentes": "só unha de cada mil lápidas están escritas en galego e un 2% das notas necrolóxicas, redactadas no noso idioma". "Para explicar esta situación adóitase recorrer á ocorrencia de que neses momentos tristes ninguén está para reparar no problema da lingua, pero ese argumento carece de fundamento lóxico", din.
Os participantes acordaron conmemorar o 23 de outubro como Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia
E, que se pode facer ante esta situación? As organizacións políticas e sindicais, ademais do Goberno, "conscientes da súa responsabilidade perante o pobo galego", asumen o "papel esencial" que deben xogar os concellos na galeguización dos actos fúnebres, tanto facilitando os trámites como mediante a "pedagoxía social". Nesta liña, comprométense a difundir por todo o país a "celebración do 23 de outubro como Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, programando e convocando actos de sensibilización para crear un estado de opinión favorable". Estes actos, din, incluirán a colocación de placas nos cemiterios ou a organización de actos musicais e literarios "ao pé dos camposantos".
A iniciativa, explican, completarase coa organización de actos públicos "de sinatura da acta de vontade" por parte dos veciños e veciñas que o desexen. Nesta acta, subscrita por parte dos participantes do acto de Bonaval, a persoa asinante indica o seu desexo de que "todos os actos relativos ao meu funeral e enterro se desenvolvan en lingua galega" e, "en caso de absoluta imposibilidade", que se realicen "en silencio". "Esta acta será asinada en acto público e solemne, presidido polo alcalde do Concello e outras persoas que actuarán de notarios", explican.