Dende hai anos, distintos colectivos veñen traballando pola promoción do uso do galego en lápidas e necrolóxicas, pola galeguización do transo da morte, un ámbito dominado de forma case completa polo castelán. Tamén desde hai un tempo, a Xunta celebra o Día da resturación da memoria lingüística de Galicia en Paradela, onde o cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño é o único que ten todas as inscricións funerarias escritas na lingua propia do país.
Xunta e varios concellos celebran o Día da resturación da memoria lingüística de Galicia para impulsar a galeguización das lápidas
Co apoio de diferentes municipios -este ano uníronse outros como Ribadavia, Castro Caldelas, Quintela de Leirado, Parada de Sil, Redondela, Gondomar ou Tui- e da Xunta, a xornada reivindicativa celébrase na véspera das celebracións de Todos os Santos e de Defuntos grazas ao impulso da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, a mesma entidade que ofrece a concellos e familias unirse á iniciativa. A de propor a substitución das lápidas en castelán por unha en galego, así como incluír nos cemiterios unha placa conmemorativa que diga: "Na memoria de todas as persoas que aquí xacen, porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu".
O Concello de Lugo prevé destinar 10.000 euros en formas de axudas de 200 euros por lápida para poder poñer en galego as lápidas en castelán
Desde o Concello de Lugo, o tenente alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación, Cristina López, aceptaron a proposta e anunciaron que, de cara a 2022, o goberno municipal estuda “incorporar unha axuda a todas as persoas que desexen galeguizar as lápidas dos seus defuntos”.
Anunciárono durante unha visita ao cemiterio municipal, na que explicaron que a idea é que a administración local poña 10.000 euros a disposición das familias que o desexen, en formas de axudas de 200 euros por lápida. Unha partida que formará parte dos orzamentos de 2022 e que servirá para unha campaña que se "porá en marcha ao longo do vindeiro ano".
Arroxo explicou que a iniciativa forma parte das "distintas campañas para promocionar o uso da lingua galega" por parte do Concello de Lugo, que quere "garantir que todas as familias que o desexen poidan ter as lápidas dos seus defuntos en galego”.
"Desde o Concello de Lugo recollemos esta proposta, que xorde orixinalmente da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística", aclarou Arroxo, que asegura que a entidade colaborará coa administración local para levar adiante a campaña.