Unha vez máis volvemos a aquel edificio que ocupa o Ministerio de Fomento, unha vez máis subimos aquelas escaleiras de semicaracol até a primeira planta, unha vez máis tivemos que escoitar mentiras, moitas mentiras, iso si disfrazadas con ese ton paternalista e hipócrita que tenta convencerche de que che están facendo un favor.
"Nós somos novos", dixo o Ministro nun momento da conversa. E era verdade. Aquelas catro persoas que representaban ao Ministerio de Fomento, o propio Ministro, o seu xefe de gabinete, o Presidente de RENFE e o Presidente de ADIF, efectivamente eran novos, pero novos no cargo, non nos comportamentos. Niso eran como os de antes, como os de sempre, políticos de aluvión, que sempre están ao sol que máis quenta, esperando unha orde do Xefe, o que supón unha oportunidade para a súa carreira política e, consecuentemente, para o seu status económico.
Dispuxeron para a reunión unha pequena mesa redonda, habilitada para as seis persoas que a formabamos. Por parte das vítimas, o Presidente, Jesús Domínguez, e eu mesma, que estabamos fronte ao Ministro, representando a eses 81 falecidos e as súas familias e a esas case 150 persoas que xa non están como estaban, ningún de nós desgraciadamente volvemos ser os mesmos despois do accidente.
Sempre utilizan a mesma estratexia: unhas pinguiñas de compaixón, un vasiño de comprensión ante a nosa situación anímica, aderezados dun chisco de suposto apoio falso
É curioso, sempre utilizan a mesma estratexia: unhas pinguiñas de compaixón, un vasiño de comprensión ante a nosa situación anímica, aderezados dun chisco de suposto apoio falso e hipócrita ás vítimas, que non conseguimos saber nunca en que consiste. Un cóctel perfecto para parvos ou simples. Pero as vítimas do Alvia non somos nin o un nin o outro e, por tanto, deberían saber xa que esa estratexia non serve connosco. Deberíanllo contar aos seus múltiples asesores, pero se cadra non son o suficientemente talentosos para sabelo ou "os novos" para telo en conta.
Nun momento da reunión, pomos unha tablet coas palabras do Sr. De la Serna, cando era Alcalde no Concello de Santander e o Ministro, como é lóxico, sentiuse visiblemente molesto e fixo un ademán para que a apagásemos. É comprensible, pois a ninguén lle gusta verse e ouvirse dicindo tales mentiras, sobre todo ante un asunto tan grave como ese, no que tantas persoas perderon a vida e todos os ocupantes do tren resultamos afectados.
Foron realmente esperpénticas as escusas que deu o Sr. De la Serna para dicir que NON a todo o que fai só cinco meses dixera que SI. Respecto da Comisión de Investigación Parlamentaria, o Ministro díxonos que, cando era Alcalde non sabía que esa Comisión xa se pedira (cando o PP tiña maioría absoluta) e denegárase, por tanto xa estaba todo dito. Respecto da Comisión Técnica dixo que para iso xa estaba a CIAF e que a Axencia Ferroviaria Europea non ten competencias en España. Sorprendente, non? Este señor, ademais de ser un "europeísta convencido", non sabe que a democracia serve para cambiar a correlación de forzas no Parlamento e que en política, como en case todo na vida, rectificar é de sabios.
O máis tráxico de todo este lamentable asunto é utilizar a dor das vítimas para facerse unha campaña de mercadotecnia, con mentiras flagrantes, creando falsas esperanzas
O máis tráxico de todo este lamentable asunto é utilizar a dor das vítimas para facerse unha campaña de mercadotecnia, con mentiras flagrantes, creando falsas esperanzas onde soamente hai engano e hipocrisía.
Non quero terminar este escrito sen pedirlle un favor ao Sr. De la Serna no nome das vítimas do Alvia: non volva dicir xamais que apoia as vítimas do Alvia ou que ten algunha clase de vontade positiva cara a nós, porque nos fai sentirnos burlados, estafados e iso fainos dano. Non o faga xamais, por favor.
Pero non esqueza algo importante: vostede algún día, se cadra non moi afastado, deixará de ser Ministro, deixará de ter o poder que ten agora e, daquela, quizais nos volvamos atopar e a vostede non lle quedará máis remedio que agachar a cabeza e sentirse avergoñado de si mesmo.
Artigo redactado orixinalmente en castelán