Tiveron que pasar algún anos para que o primeiro de Maio se institucionalizase na maior parte dos países como o día no que os e as traballadoras reclaman os seus dereitos desde que se concordou marcar esa data no calendario no Congreso Obreiro Socialista da Segunda Internacional, celebrado en París en 1889. Unha xornada de reivindicación en lembranza e homenaxe aos Mártires de Chicago, sindicalistas anarquistas que impulsaran a greve do 1 de Maio de 1986 para a consecución da xornada laboral de oito horas.
Na Galiza, a convocatoria feita polo sindicato maioritario, a CIG, é unha data normalizada nos últimos 40 anos e que enche as prazas de norte a sul, como neste 2022, no que a clase traballadora saiu nas 7 cidades e en 9 das maiores vilas do país, entre elas, o Barco de Valdeorras.
Na vila oriental, como acontece en Ourense, xa é un clásico a ‘contraprogramación’ da festa tradicional dos Maios e o Primeiro de Maio
Na vila oriental, como acontece en Ourense, xa é un clásico a ‘contraprogramación’ da festa tradicional dos Maios e o Primeiro de Maio, que, aínda que debería ser compatíbel, sendo que Maios e loita polos dereitos laborais son manifestacións do mesmo pobo, xa ten dado algunha disputa entre administracións e sindicalistas.
A chamada da CIG Valdeorras, como é habitual, estaba prevista para as 12 da mañá na Praza do Concello. No mesmo lugar, media hora despois, o Concello tiña prevista a actuación dos Coribantes (de Ponte Caldelas) como parte do programa da festividade dos Maios, que se centraba na Praza do Príncipe, lindeira coa do Concello, coa abertura da Feira de Produtos Tradicionais ás 11.30 e o canto das coplas ás 13.30 horas.
O espazado dos actos dun lado e doutro e o tamaño de ámbalas duas prazas, facilitaría o convivio harmonioso de tamaña programación para unha mañá de domingo nunha vila de menos de 15.000 habitantes, e nin houbo extrañeza por parte dos músicos que estaban a facer probas de son cando as estreleiras comezaron a aparecer á frente do concello, nin os e as traballadoras parecían incomodadas pola melodía das gaitas.
Mais para sorpresa de todos, o alcalde do Barco, o socialista Alfredo García, irrumpiu en escena para convidar aos que ondeaban as bandeiras e portaban autocolantes da CIG a ir para a Praza Andrés de Prada, unha praza situada a uns poucos metros mais xa alonxada de todo o balbordo que se amoreaba en torno ao Consistorio. Unha praza que, contornada por edifícios, todo o que nela se faga queda oculto para quen pasa pola avenida principal e polo Malecón, as duas grandes avenidas que nesa hora dominical teñen unha grande afluencia de veciñanza.
Para sorpresa de todos, o alcalde do Barco, o socialista Alfredo García, irrumpiu en escena para convidar aos que ondeaban as bandeiras e portaban autocolantes da CIG a ir para a Praza Andrés de Prada, unha praza situada a uns poucos metros mais xa alonxada de todo o balbordo que se amoreaba en torno ao Consistorio.
O que fora presidente da FGAMP e un dos “varóns” dos que se vangloria o PSdG (tampouco é que anden tan sobrados) é alcalde do Barco desde o ano 1999, cargo ao que chegou por un acordo de goberno co BNG na primeira lexislatura. Un alcalde que pasará á historia por ser, como se lle nomea na xerga barquense, o Alcalde do Cemento.
Alfredo García preside a corporación municipal dun goberno unipersoal que non deixa despuntar a ningún dos e das concelleiras que o arrouparon durante estas máis de dúas décadas. Desde o seu despacho que proxectou el mesmo no edifício multiusos que alberga a venda de carnes frecas, os grelos e a alcaldía, traza as liñas dunha política que desdebuxa os límites entre a esquerda e a dereita, conciente de que a veciñanza que lle vota, confía na dereita nos comicios que non son municipais.
A mañá do primeiro de Maio, o alcalde que representa as siglas “socialistas”, aínda tentou xustificar que non se dera conta de que era o día da clase traballadora, na tentativa de xustificar a súa expulsión e que non parecese que o que quería era ter unha bonita estampa primaveral sen consignas. E xa de paso, sen estreleiras.
E a verdade ainda que sempre ten coincidido en tempo, nunca coincidira no lugar, xa que a festividade dos Maios sempre ocupou outras zonas da vila, mais Alfredo García decidiu recuperar a vella tradición franquista que misturou a tradición cos ritos eclesiásticos colocando os Maios á saída da misa na igrexa de Santa Rita co obxectivo de tirarlle o peso histórico da festa galega da primavera e achegala ás ofrendas florais no mes da Nosa Señora en xeral e da Santa Rita en particular, padroeira da vila que celebra a súa festa o 22 de Maio.
É posíbel que na decisión de expulsar á clase traballadora da Praza do Concello teña influido a presenza de representantes das traballadoras do servizo municipal de axuda a domicilio
É posíbel que na decisión de expulsar á clase traballadora da Praza do Concello teña influido a presenza de representantes das traballadoras do servizo municipal de axuda a domicilio, que levan desde 2020 reclamando, ante a pasividade de Alfredo García, que se cumpra o convenio dos e das traballadoras municipais que reduce a xornada a 35 horas semanais e que se aplica en todos os departamentos do Concello do Barco excepto coas coidadoras a domicilio, que sinten que é unha grave discriminación.
Mais os agravios non fican por aí. Unha vez comezada a leitura do manifesto por parte do sindicalista e concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, un dos axentes da policía municipal, cuxo xefe é o propio alcalde, procedeu a identificar ao responsábel comarcal da CIG, Francisco Moral, que leva no cargo 8 anos, e que nunha vila como o Barco, é de sobras coñecido, nunha performance exemplarizante que é de sobras coñecida polos que andamos en mil batallas e que consiste en apañar ao líder para amedrentar aos e ás arengadas.
Cabe destacar, adiantándome ás posíbeis reaccións, que a CIG Valdeorras non tiña informado ao Concello do Barco da ocupación do espazo público, algo que é habitual pois ata o propio García presume que no ‘seu’ concello non é preciso pedir permiso para a ocupación das rúas cun fin de defensa dos dereitos de todos e de todas.
Cando o cadeirón do poder xa ten a forma das cachas de quen ostenta o cargo, existe o risco que as prácticas que noutrora eran tímidas e dialogantes, viren cara métodos máis autoritarios. O problema é cando a oposición, a esquerda e, en definitiva o pobo, non reaxe ante iso.