Un cheo a rebentar non se daba en Balaídos dende xa non sei cando. Pero é que o desta vez non é un derbi máis para o celtismo e se cadra
tampouco para o deportivismo. O de menos é que ambos os dous vivan este ano conxuntamente na segunda división, o que lle dá vidiña é convivir os dous aí enriba, no poleiro da clasificación. Non importa a categoría. Importa o achegamento na táboa. Isto amosa que a rivalidade é máis apaixonante cando os dous grandes de Galicia perseguen obxectivos comúns.
A satisfacción dun celtista este ano pasa por ascender e a felicidade pasa por facelo superando na clasificación ao Depor. E o mesmo acontece cos veciños do norte. De aí que non entenda que haxa seareiros que desexen o ascenso do seu equipo do mesmo xeito que desexan que o rival non acade ese premio. ¿De seguro que non prefiren volver vivir estas sensacións o ano que vén? As rivalidades aliméntanse se os equipos comparten o camiño que deben percorrer do mesmo xeito que se disipan cando non se atopan para poder medirse e amosarlle ao outro que é o mellor.
Desexo unha vitoria do Celta pero, iso si, que o Depor sexa o segundo clasificado e os dous celebremos o ascenso
Por iso para mañá desexo unha vitoria do Celta, do mesmo xeito que desexo que ao final da tempada ascendamos, e se pode ser que o fagamos como campión da categoría pero, iso si, que o Depor sexa o segundo clasificado. Ou que remate como remate o campionato, ambas as dúas parroquias poidamos celebrar un ascenso. Porque sensacións como as de esta semana previa ao derbi non quero deixar de vivilas o ano que vén se conquerimos estar na primeira división.
Porque a miña felicidade como celtista non pasa pola desgraza do Deportivo máis alá dos días nos que nos teñamos que enfrontar. Porque se o deporte galego é nova a nivel nacional ao longo de este fin de semana débese a que este derbi é de primeira categoría aínda que se xogue na segunda división.
Incluso os que senten a maior das xenreiras polo inimigo deberían sentir ledicia de poder atopalo cada ano
Incluso os que senten a maior das xenreiras polo eterno inimigo deberían sentir ledicia de poder atopalo cada ano un par de veces e poderlle dar unha malleira; pero ao mellor para darse conta disto hai que ter un nivel de intelixencia tal que descartaría a posibilidade de sentir xenreira por un equipo do teu país.