O Banco Central Europeo (BCE) e a Reserva Federal

CC-BY-SA Praza Pública

En economía, como practicamente en todo na vida, as cousas non suceden por casualidade senón que son froito de determinados feitos ou condutas. Así, por caso, si resulta que os Estados Unidos foron quen de saír da anterior recesión bastante antes i en mellores condicións (crecemento económico, emprego) que a Unión Europea moito tivo que veren a distinta política monetaria aplicada. Unha diverxencia que se fundamenta, por caso, na distinta concepción do papel do banco central na economía algo que se volve a poñer de manifesto agora co gallo da nova recesión económica derivada da pandemia.

A Reserva Federal (como así se denomina ao banco central dos Estados Unidos) volve a apostar polas medidas de estimulo e nunha dimensión que voces autorizadas consideran a mais potente dende a II guerra mundial. Medidas de estimulo que van dende baixar o tipo de xuro ao 0% hasta a compra masiva de débeda pública e de outros activos no que supón unha grande inxección de fondos nos sectores públicos e privados da economía estadounidense. Para comprender mellor a importancia, tanto cuantitativa como cualitativa, destas medidas hai que aclarar que a Reserva Federal (FED), a diferencia do BCE, é unha prestamista en primeira instancia o que, entre outras vantaxes, evita os ataques especulativos é abarata o financiamento. Outra diferencia, tamén fundamental, está nos obxectivos macroeconómicos prioritarios que para a FED son o crecemento económico e a creación de emprego. Obxectivos aos que quedan condicionados outros como, por caso, a inflación: así recentemente o presidente da FED ven de anunciar unha flexibilización da política respecto a inflación (un 2% a longo prazo) para potenciar o emprego. "No noso manexo da política monetaria, nos manteremos moi enfocados en fomentar un mercado laboral o mais forte posible para o beneficio de tódolos estadounidenses e buscaremos firmemente un índice de inflación do 2% a longo prazo" (J. Powell, presidente da FED). 

Pola súa parte o Banco Central Europeo (BCE) utiliza como principal arma monetaria contra a pandemia o chamado Programa de compras de emerxencia fronte a pandemia (PEPP) dotado con 1.350.000 millóns de euros. Tratase dun programa de compra de activos públicos e privados cuxa sistemática consiste na compra por parte do BCE de bonos a banca privada que así dispón de fondos para prestar aos gobernos, os propios bancos, as empresas e as familias. Con esta operativa o BCE actúa realmente, e a diferencia da Reserva Federal, como un prestamista en segunda instancia o que supón tanto un indiscutible encarecemento dos prestamos (polo diferencial que aplican os bancos) como unha posición de privilexio por parte da grande banca que remata sendo a grande beneficiaria de tales préstamos. "O noso obxectivo é axudar aos bancos solventes a solucionar problemas temporais, ofrecéndolles distintas posibilidades de financiamento inmediato a tipos favorables. Deste xeito, axudamos aos bancos para que sigan concedendo préstamos aos fogares e as empresas que os precisen" (C. Lagarde, presidenta do BCE). As diferencias nas políticas monetarias da Reserva Federal e o BCE aparecen así moi claras.

Que consecuencias prácticas teñen esta diferencias?. Hai dúas que resultan evidentes. A primeira que no caso de Europa sexan os grandes bancos e as grandes empresas quen maioritariamente acudan a esta fonte de financiamento. Asemade ao actuar o BCE como un prestamista en segunda instancia non garanta, de ningures, que esta liquidez chegue aos axentes que mais precisan de axudas (familias, pequenas e medianas empresas, comercio polo miúdo). O que nembargante si consegue o BCE é que a grande banca utilice esta liquidez para sanear os seus balances e os fondos os usen para especular. O BCE está así favorecendo que en Europa se incremente a desigualdade e se disparen as débedas públicas e privadas freando así o crecemento económico e a creación de emprego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.