O Barrio do Cura para o 1%?

O 12 de abril do 2007 o concello aprobaba o Plan Especial de Protección e Reforma interior Casco Vello. O Barrio do Cura formaba parte do mesmo e era definido en dito documento como “unha peza emblemática da cidade de Vigo”, un “arrabalde histórico” onde “mellor que en ningunha outra parte se recoñece o espazo da Memoria” ou “un espazo senlleiro do barrio histórico”. Neste contexto o Plan especial distinguía “O Barrio do Cura – San Francisco pola súa morfoloxía e o seu carácter de baleiro cuase rural que demanda remodelación e revitalización urbana”. Deste xeito planeaba unha operación de reforma interior para o Barrio do Cura cuxo obxectivo principal era “a obtención de equipamentos e espazos públicos no interior do ámbito, a vez que rematar as partes inacabadas do tecido creado nos anos 60” propoñéndose no plan “un equipamento sociocultural”, a “dotación de novas prazas e un parque público”, a creación de “prazas miradoiro no Barrio do Cura e no Convento de San Francisco”; e a “apertura dunha vía rodada de servizo ao barrio”

Neste plan as edificación residenciais na área non superaban as 4 plantas con 18,50m de altura máxima, malia duplicar a edificabilidade existente (1).

Non obstante ter votado a favor da aprobación de dito Plan Especial en abril do 2007, once meses antes, o 19 de maio do 2006, a mesma corporación municipal votara a favor de aprobar inicialmente o Plan Xeral de Ordenación municipal. Este documento estimaba parcialmente a alegación realizada polas entidades Valery Karpin S.L. e Valery Karpin Asociados Inmobiliarios S.L. (alegación. nº 57.380); na cal propuñan a segregación do ámbito do Barrio do Cura do Plan Especial de Protección e Reforma interior Casco Vello e a delimitación dun novo ámbito de Solo Urbano non Consolidado chamado APR A-4-01 Barrio do Cura.

O Concello aprobou no 2007 a protección e reforma do Barrio do Cura, pero xa tiña proxectada a súa demolición en 2006

É dicir o concello por unha banda aprobaba no 2007 a protección e reforma do Barrio do Cura dentro do ámbito do Casco Vello, pero en realidade xa tiña proxectada a súa demolición no ano 2006, mediante a estimación parcial da alegación de Valery Karpin S.L. e Valery Karpin Asociados Inmobiliarios S.L.

Deste xeito, cando finalmente o 16 de maio do 2008 o concello aprobou o Plan Xeral de Ordenación Municipal, o Barrio do Cura deixou de ser para a corporación “un espazo senlleiro do barrio histórico”. Xa non apostaba pola recuperación dos seus valores históricos e por promover como principal obxectivo o obter “equipamentos e espazos públicos no interior do ámbito”.
A partir dese momento o Barrio do Cura deixaba de ser oficialmente parte do casco histórico e comezaba o proceso que pretende a súa demolición en beneficio dun lucrativo proxecto residencial. “La razón es simple, las reformas del barrio planteadas en el proyecto del ruso son totalmente incompatibles con la catalogación de Conjunto Histórico que tiene el Casco Vello. Así, para que el PXOM saliera adelante, había que sacarlo de allí.”(2)

Deste modo, no posterior documento aprobado ” por unanimidade da corporación municipal o 2 de xuño do 2014 e denominado “Plan Especial do Barrio do Cura” o antigo arrabalde do casco histórico xa era definido como unha “bolsa de suelo entre el casco vello y desarrollos de los años 70”, un ámbito que “carece de ningún espacio de calidad ni de interés” onde “no existen edificaciones características ni destacables” e onde se afirma que “el Barrio do Cura no participa en ninguno de los sentidos de la calidad urbana del Casco Vello”. Todo isto se afirma no documento, que en ningún momento sinala que o Barrio do Cura forma parte da declaración de BIC (Ben de Interese Cultural) do Casco Vello como “Área de respecto”.

O parque central proposto é un espazo residual baixo un viaduto e as históricas casas de pedra fican no interior dunha enorme área comercial

O desenvolvemento aprobado actualmente para dito ámbito contempla edificacións residenciais de ata 9 plantas e de ata 30 metros de altura, cun viaduto que lembra ao famoso “scalextric” derribado nos anos 80 na Gran Vía. De feito, o parque central proposto é un espazo residual baixo dito viaduto. Crea unha única dotación pública, de 65m2 de planta, e traslada a escola infantil existente. Así mesmo “integra” as históricas casas de pedra do Barrio do Cura no interior dunha enorme área comercial, abrindo unha vía entre o Olivo e Torrecedeira para o acceso ao mesmo que converterá o Paseo de Alfonso nun nó de tráfico e anulará de feito o mirador do Olivo.

Certamente, o cambio de criterio foi total, pero o feito mais salientable é que ámbolos dous criterios se estaban a tramitar ao mesmo tempo e que o concello votou a favor en ámbolos dous... Prima o interese da cidadanía nestas decisións ou solo o beneficio para o 1% da poboación?

É esta que contamos unha maneira obsoleta de construír a cidade que cómpre superar. Precisamos un urbanismo: + transparente e + participativo. Unha cidade para o 99%.

(1) El País. 30.04.2007Aprobado el plan del Casco Vello de Vigo tras seis años de trámites

(2)Xornal 20 minutos. 18.12.2006. “El PXOM saca al Barrio do Cura del Casco Vello”

(3) El País. 30.04.2007. “El plan del Casco Vello de Vigo prevé cegar una de las vistas clásicas de la ría”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.