Rexistrouse unha combinación orixinal entre un novo movemento organizado -basicamente xuvenil- que ven reivindicando cambios substanciais nas políticas públicas de vivenda e unha ferramenta mobilizadora -a folga xeral- utilizada tradicionalmente para tratar de mudar determinadas políticas gobernamentais
A folga xeral convocada para o pasado día 11 tivo unha singularidade indiscutíbel. Por diversas circunstancias: foi a primeira ocasión na que a temática da vivenda ocupou un lugar sobranceiro nas reivindicacións asociadas a esa xornada; a propia xestación da mesma saíu de organizacións vinculadas á loita contra a realidade especulativa que caracteriza o mercado da vivenda; os sindicatos "tradicionais" apostaron por compartir semellante convocatoria; o actual goberno de coalición non confrontou co chamamento das organizacións convocantes e unha parte do mesmo apoiou explicitamente a materialización da mesma; PP e Vox desenvolveron unha grande belixerancia contra os promotores da xornada de folga e ameazaron con futuras medidas restritivas da acción sindical...
Certamente, rexistrouse unha combinación orixinal entre un novo movemento organizado -basicamente xuvenil- que ven reivindicando cambios substanciais nas políticas públicas de vivenda e unha ferramenta mobilizadora -a folga xeral- utilizada tradicionalmente para tratar de mudar determinadas políticas gobernamentais. Semellante opción tiña asociados algúns riscos derivados da carencia de experiencias anteriores e por mor da importante distancia temporal -14 anos- transcorrida dende a última convocatoria dunha xornada de folga que se puidera considerar mais ou menos homologábel a esta.
Pódese falar dun resultado relevante que non se compadece co fracaso que rapidamente proclamaron as elites empresariais, os partidos presididos por Feijoo e Abascal e as ben coñecidas afinidades mediáticas
Comprobado o acontecido no recente 11-N, pódese falar dun resultado relevante que non se compadece co fracaso que rapidamente proclamaron as elites empresariais, os partidos presididos por Feijoo e Abascal e as ben coñecidas afinidades mediáticas. A heteroxeneidade do apoio verificado nos centros de traballo foi compensada polas masivas participacións constatadas nos centros de ensino e, sobre todo, nas distintas manifestacións desenvolvidas nas cidades e nas vilas. Foi aí onde se visualizou a presenza de milleiros de persoas que, pola súa idade, nunca viviran unha experiencia de protesta compartida como a que estaban protagonizando. Tal e como xa se ten apuntado, representou o "bautismo mobilizador" dunha nova xeración.
Tal e como xa se ten apuntado, representou o "bautismo mobilizador" dunha nova xeración. Cabería establecer unha comparación entre o 15-M de 2011 e o 11-N de 2026? Estamos, sen dúbida, ante algunhas semellanzas significativas
Cabería establecer unha comparación entre o 15-M de 2011 e o 11-N de 2026? Estamos, sen dúbida, ante algunhas semellanzas significativas: o papel protagonista xogado pola xente moza; a presenza de novas formas de organización e protesta; a existencia -en ambos momentos históricos- dun goberno estatal de esquerdas (o que encabezaba Zapatero e o de coalición que preside Sánchez). Pero tamén hai diferenzas relevantes: no 2011 expresábase un cuestionamento do conxunto do sistema político (verbalizado naquel "non nos representan") e agora a demanda principal ficou concentrada na denuncia da desigualdade no acceso a unha vivenda digna; as acampadas do 15-M estiveron moito mais desconectadas do universo organizado da esquerda (sindicatos e forzas políticas).
O impacto daquel movemento social de 2011 no sistema político non se deu nos comicios locais celebrados un mes despois nin tampouco nos que tiveron lugar en Novembro dese ano e que proporcionou unha ampla maioría absoluta ao PP de M. Rajoy. Os efectos comezaron a aparecer expresamente no ano 2014 co xurdimento de Podemos e o seu resultado espectacular nas eleccións ao Parlamento europeo.
Cando se abran as urnas o vindeiro 29 de Novembro poderase medir con maior coñecemento a dimensión electoral da grande mobilización acontecida 15 días antes. En todo caso e polo visto nas rúas non é aventurado pensar que unha parte importante da mocidade non sintoniza tanto con Vox, como se afirmaba habitualmente en moitas análises. Veremos.