En política, os golpes máis duros adoitan chegar desde as propias filas. Desde hai anos vemos como a dereita mediática ataca sen tregua a certos perfís incómodos. Pero o que ocorre hoxe no panorama español cruzou un límite distinto: o linchamento e a cacería diaria contra Irene Montero proceden directamente da esquerda e dos seus altofalantes de referencia.
Só fai falta darse unha volta polas redes sociais ou ler os titulares de varios referentes do espazo progresista para comprobar o nivel de ensañamento. Xornalistas, tertulianos e influencers da esquerda mediática como Pedro Vallín, Alán Barroso, Ramón Espinar ou Antonio Maestre dedican gran parte do seu tempo para descalificala. Dedícanlle burlas e insultos, acúsana de egocentrismo ou cinismo e piden abertamente recortarlle o paso para que quede sen espazo político.
O discurso da unidade, tan repetido nos mitins, salta polo aire cando ves o que publican nas súas contas persoais. Non buscan un debate de ideas nin unha autocrítica franca. Buscan apartala e cancelar a quen non pasa polo aro. Resulta chocante ver a figuras que piden o voto útil para frear á extrema dereita investindo tantas enerxías en derrubar a quen foi outrora compañeira de viaxe.
Desde Ourense, este espectáculo de pelexas por postos e cotas de poder obsérvase con bastante distanciamento e cansazo. Mentres a xente lida co prezo da vivenda e do supermercado, a precariedade laboral ou o mal estado dos servizos públicos, o foco mediático da esquerda prefire centrarse en axustes de contas internos e en ridiculizar aos seus perfís máis molestos.
O acoso en redes non xorde da nada. Aliméntase de tuits con mala fe, titulares cortados para indignar e faladoiros pensados para o show. Cando o xornalismo progresista súmase a este tipo de dinámicas, termina destruíndo a credibilidade de todo o espazo que di defender. Se os que se din de esquerda perden o respecto polos seus e converten a discrepancia nunha cacería, terminarán desconectando do todo da rúa.