O canón de González Laxe

Presentación da última entrega do informe do Foro © Foro Económico de Galicia

"A economía galega foi coma un canón", dicía o pasado venres 31 de marzo Fernando González Laxe na presentación dun informe do Foro Económico de Galiza. Estabase a referir ao crecemento do Produto Interior Bruto durante o primeiro semestre de 2022

"A economía galega foi coma un canón", dicía o pasado venres 31 de marzo Fernando González Laxe na presentación dun informe do Foro Económico de Galiza. Estabase a referir ao crecemento do Produto Interior Bruto durante o primeiro semestre de 2022, tendencia que se veu ralentizada no final do ano, para desacougo do economista e expresidente da Xunta. Inconscientemente, non podía ter escollido mellor símil para o comportamento dese índice macroeconómico que José Manuel Naredo, referente da economía ecolóxica española, ten cualificado de "invento perverso" e que debería ser máis correctamente denominado "Índice de Destrución Bruta". Que mellor imaxe cá dun canón para representar a destrución que implica o medre irrefrenado do consumo de recursos naturais, da enerxía fósil e da contaminación, nomeadamente das emisións causantes do caos climático cada día máis evidente e tráxico? Un canón que destrúe o presente e sobre todo o futuro das nosas fillas e netos.

Porque non cabe aquí engano nin trampas ao solitario: máis PIB significa máis consumo de enerxías fósiles, e xa que logo, máis emisións, máis eventos climáticos extremos, máis seca, máis incendios, máis dificultades para a agricultura, a gandeiría, a pesca, máis deterioro da saúde... máis morte en definitiva. Joan-Martínez Alier, outro dos referentes da economía crítica co PIB, sinálao con rotundidade: "poñer máis CO2 na atmosfera e destruír biodiversidade non é precisamente xerar riqueza". A que vén, entón, o entusiasmo verbal de tintes bélicos de González Laxe?

Non podía ter escollido mellor símil para o comportamento dese índice macroeconómico que José Manuel Naredo, referente da economía ecolóxica española, ten cualificado de "invento perverso" e que debería ser máis correctamente denominado "Índice de Destrución Bruta"

Poucos poderán dubidar que a redución destas emisións coas que a nosa especie se está a suicidar a paso acelerado só pode vir da man da redución da actividade económica, nomeadamente a industrial e o trasporte, despois de ver que por moita eólica e fotovoltaica coa que incemos os nosos montes e costas, unicamente a paralización obrigada pola pandemia de COVID19 foi quen de poñerlle freo durante un tempo. Nada medra de maneira perpetua, non hai proceso natural nin organismo cuxo crecemento non sexa só unha etapa temporal até alcanzar a estabilidade, a madurez... a non ser o cancro e as pragas. Imos montados a toda velocidade nun vehículo que non dispón de freo: o noso sistema económico non sabe parar de medrar, e estamos pagando as consecuencias esa doenza metabólica mortal, e seguiremos a facelo mentres non nos decatemos do que advertía Kenneth Boulding: "quen crea que se pode crecer de maneira infinita nun planeta finito ou é un tolo ou é un economista".

Cómpre deixarmos de perder o escaso tempo que nos queda antes de ter o 100% dos boletos para a extinción, con intentos inútiles de desatar o nó mediante capitalismos verdes, desacomplamentos fantasiosos, ou green new deals. 

Por suposto isto non quere dicir que unha redución do PIB sen máis, por si mesma e dentro do actual sistema socioeconómico, sexa o que precisamos. Sabemos as consecuencias que isto tería no marco actual, principalmente en termos de emprego. Mais como desfacermos o nó gordiano dunha economía que se funciona "coma un canón" destrúe as bases da vida, e se o canón non dispara destrúe as bases da sociedade? Coma fixo Alexandre Magno no dilema irresoluble formulado por Gordias só cabe unha opción: ir á raíz do conto e usar a espada. Cómpre deixarmos de perder o escaso tempo que nos queda antes de ter o 100% dos boletos para a extinción, con intentos inútiles de desatar o nó mediante capitalismos verdes, desacomplamentos fantasiosos, ou green new deals. Cómpre deixar de entusiarmarnos coa medida que ofrece o PIB dos avances bélicos das sociedades industrializadas na súa guerra contra o planeta. Debemos cortar polo san os lazos que nos atan a un modelo económico sen saída e comezar a aplicar o noso inxenio ao labor de inventar unhas novas economías non destrutivas máis alá do canón capitalista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.