O capitalismo castizo

O modelo económico da dereita española non foi nunca, nomeadamente, o do emprendemento, a eficiencia e a libre concorrencia. Máis ben o que o distinguiu ten sido a confusión entre Poder político e oligarquía económica. O que un bo amigo de meu chama “o capitalismo castizo de BOE”. Exemplos na historia témolos a eito, entre eles o monopolio de petróleos de Calvo Sotelo, ou  a privatización das empresas públicas do binomio Aznar- Rato nos anos 90 do século pasado. É ese capitalismo ineficiente que prioriza Rexistradores da Propiedade, basculeiros e listeiros a respecto dos investigadores, científicos e creativos. A mesma que historicamente cargaba as facturas co 13% de gastos xerais e 6% de beneficio industrial como si o BOE houbese definilos e na economía eficiente o prezo non fose produto dunha decisión de mercado e, dende logo, comprensivo dunha parte de custo e outra de beneficio.

É ese capitalismo ineficiente que prioriza Rexistradores da Propiedade, basculeiros e listeiros a respecto dos investigadores, científicos e creativos

O primeiro ano de Goberno Rajoy afondou nesta liña de distorsións á competencia e restricións á economía do coñecemento e da investigación. 34 Premios Nóbel veñen de lle dicir a Rajoy que os recortes á ciencia e á investigación botarán fóra á economía española dos círculos de progreso tecnolóxico e calidade. E que dicir do tarifazo do Ministro Soria? No canto de gravar o consumo excesivo de electricidade chega gravar a produción cargando os galegos cos custos fiscais á enerxía producida no noso país. Cando, en realidade, a nosa calidade de país produtor e os custos ecolóxicos que sufrimos xustificaría unha enerxía moito máis barata ca a de Madrid, que non produce nin o 10% da enerxía que consume.

No canto de gravar o consumo excesivo de electricidade chega gravar a produción cargando os galegos cos custos fiscais á enerxía producida no noso país. Cando, en realidade, a nosa calidade de país produtor e os custos ecolóxicos que sufrimos xustificaría unha enerxía moito máis barata ca a de Madrid

Mentres, o Ministro Soria segue coa súa política suicida, que teima tamén  no illamento do sistema enerxético español a respecto do europeo, ao Ministerio de Industria veñen de lle retirar dende a UE as competencias sobre emisións de CO2, como ao Ministerio de Economía lle retiraron no verán as súas competencias de control sobre o Banco de España. Agora ben, diminuíu o orzamento e o persoal destes Ministerios? Non, o problema seica son os gastos da Generalitat ou da Xunta de Galicia.

 

A arrincadeira: Rouco Varela pontifica

O exemplo de Cáritas e doutras ONG cristiás na loita contra a exclusión social nestes tempos contrasta co discurso de Rouco Varela, a quen semella só preocuparlle o ensino en castelán ou a unidade de España. Cuestións estas que non sei que conexión teñen coa mensaxe de Xesús de Nazaret.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.