O caso dos ERE: outro exemplo da externalización da política

 Só a condición de delincuente acreditada por un tribunal podía orixinar consecuencias políticas. Nun escenario con semellantes premisas, instaurouse, pola vía dos feitos, unha especie de goberno da maxistratura

Nos últimos anos, tres sentencias xudiciais condicionaron notabelmente o clima político e social existente no Estado español. Primeiro foi a relativa ao caso Gürtel -e que rematou provocando o inédito triunfo da moción de censura presentada polo Partido Socialista no Congreso-; máis tarde coñeceuse a decisión condenatoria do Tribunal Supremo contra diversos dirixentes do independentismo catalán e agora, recentemente, fíxose público o veredicto da Audiencia de Sevilla sobre o “caso” dos ERE desenvolvido no ámbito competencial da Junta de Andalucía.

A relevancia destas actuacións xudiciais non se pode entender se non se parte dunha característica singular do sistema democrático español realmente existente: a non asunción sistemática de responsabilidades políticas por parte dos dous partidos que hexemonizaron as institucións representativas nas tres últimas décadas e a consecuente tendencia a xudicializar os distintos conflitos políticos que se foron sucedendo nos últimos anos.

Nos casos de corrupción, o argumentario repetiuse unha e outra vez: tomando base no principio da presunción de inocencia, calquera decisión sobre dimisións ou peticións de desculpa debería ir precedida por unha sentenza xudicial condenatoria. A ética carecía dun espazo propio no exercicio da política. Só a condición de delincuente acreditada por un tribunal podía orixinar consecuencias políticas. Nun escenario con semellantes premisas, instaurouse, pola vía dos feitos, unha especie de goberno da maxistratura.

Os feitos xulgados nos sumarios da Gürtel e dos ERE retratan unhas prácticas levadas a cabo por dirixentes do PP e do PSOE nun contexto caracterizado por maiorías electorais moi sólidas

No asunto do “procés”, a lóxica aplicada foi análoga. Un problema de evidente natureza política foi externalizado ao territorio xudicial por unha suma de incapacidade e carencia de vontade para buscar unha canalización no seo das institucións democráticas. A procura da sanción penal como única estratexia para xestionar o conflito aberto, dende hai un tempo, no seo da sociedade catalá, supuxo unha seria devaluación na calidade do conxunto do sistema democrático.

Os feitos xulgados nos sumarios da Gürtel e dos ERE retratan unhas prácticas levadas a cabo por dirixentes do PP e do PSOE nun contexto caracterizado por maiorías electorais moi sólidas (de Aznar no período 2000-2004 e dos socialistas andaluces dende o nacemento desa Comunidade Autónoma) que favorecían a continuidade das irregularidades e alimentaban un clima de impunidade entre os autores destas.

O sucedido nos recentes comicios do 10 de novembro certificou que aquel bipartidismo imperfecto característico da vida política española xa non está operativo

Tal e como se dixo en moitas ocasións, a grave crise económica da primeira década deste século e a constatación de fenómenos xeneralizados de corrupción foron factores causais moi relevantes no cambio do mapa político ocorrido a partir do ano 2015. O sucedido nos recentes comicios do 10 de novembro certificou que aquel bipartidismo imperfecto característico da vida política española (dominio do PSOE e do PP, con CiU e PNV como bisagras) xa non está operativo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.