O clan dos asesores

“Baltar es el PP”, soltou Mariano Rajoy nun mitin en O Pinto en 2009 mentres os asesores choraban no backstage a sabendas de que, co tempo, a realidade superaría ao trombón. Os asesores son figuras espectrais de confianza que teñen o deber de anticiparse ao político porque se non poden perder o choio. E cando o cliente é coma Rajoy, torpe e pouco aplicado en asuntos de imaxe, viven raiando o baipás vascular. Fijo. Non esquezamos que son persoal eventual; de confianza, si, pero os amigos non teñen políticos. É sabido.

Os asesores son figuras espectrais de confianza que teñen o deber de anticiparse ao político porque se non poden perder o choio. E cando o cliente é coma Rajoy, torpe e pouco aplicado en asuntos de imaxe, viven raiando o baipás vascular

Un cacique non gasta asesores. Un dos bos, non. Pode prevaricar contratando un feixe deles nese posto pero o que está claro e que ningún se atrevería a dicirlle nada. Quen lle  suxire a un carácter así? Lembren a Fraga nos minutos previos a aquela entrevista de Antena 3 na que, en off, un profesional do asunto, insistente, recomendáballe poñer dereita a chaqueta antes do directo: “Tóqueme usted las… narices”, retouno don Manuel sabéndose co poder de quen non cambiou de chaqueta dende a ditadura. Son mandatarios con carácter, dos que xa non se fabrican. Lembro –recoñezo que con agarimo- ao alcalde do meu pobo durante moitos anos, José Manuel Barros. No Porriño, por aquel tempo, rumoreouse que, logo dun excedente de latas de callos da festa gastronómica anual, Barros, nun ataque de solidariedade, quixo botar unha man para rematar coa fame negra nun país africano enviando callos para os nenos. Tivo que ser unha ONG a que freara a iniciativa por medo a que eses estómagos, desgrazadamente acostumados a estar baleiros, rebentaran por mor dunha enchenta de callos Louriña. As decisións tómanas eles sós e punto.

Feijóo, ao que dende Madrid defenden coma o gran xestor, usa unha manchea de asesores para gobernarnos. Nestes tempos da tan manida austeridade ese investimento cústanos moitos cartos

Obama pode fichar a Shakira para formar parte do seu comité asesor co cometido de mellorar o nivel educativo dos hispanos en EE.UU, pero Xosé Castro, aquel alcalde tan nostálxico de Ponteareas, aseguraba nunha entrevista a un xornal da zona –porque así o pensaba- que “las alcaldías deberían de ser hereditarias”.

Feijóo, ao que dende Madrid defenden coma o gran xestor, usa unha manchea de asesores para gobernarnos. Nestes tempos da tan manida austeridade ese investimento cústanos moitos cartos (segundo apuntou este xornal, un 4% máis que o bipartito, tampouco se pensen…). Á marxe do debate da contratación dos gabinetes, ante estas cifras tan disparatadas de gasto en asesoramento habería que comezar a preguntarse se ter moitos asesores equivale a un equipo de goberno ineficaz ou pouco resolutivo. Se un presidente da Xunta, ou un conselleiro, vai traer con el a catro persoas para que lle digan o que ten que facer, por lóxica matemática, se eliximos nas urnas a eses catro para que dirixan ese departamento, podemos prescindir do presidente e aforramos unha nómina. “Se os políticos non saben sacarnos da crise e os seus asesores tampouco, coido que é mellor que nos deixen os mandos a nós”, reflexionaba un rapaz ao remate dunha manifa en Vigo.

Faltan aqueles que prevaricaban por íntimo decreto. Os que botaban dos despachos aos consultores porque son xente aburrida

Falta carácter, decisión. Faltan aqueles que prevaricaban por íntimo decreto. Os que botaban dos despachos aos consultores porque son xente aburrida. Os de agora, rodeados de expertos en posturas, dicción ou incluso economía, son unha panda de pitiminís. Os caciques xa non son coma os de antes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.