O comezo do posfranquismo na Galiza

Hai agora 50 anos, cando a morte biolóxica de Franco interrompeu a inercia colectiva que presidía a vida pública galega, o activismo opositor á ditadura estaba circunscrito, fundamentalmente, a tres universos políticos: os configurados arredor do Partido Comunista, das organizacións nacionalistas (principalmente a UPG e o PSG) e dos grupos de esquerda que se autodefinían como revolucionarios (LCR, MCG, ORT, PTE...). Os ámbitos sociais nos que estes continxentes organizados desenvolvían, primordialmente, o seu labor eran a clase obreira industrial localizada nos núcleos de Ferrol, Vigo e A Coruña; a Universidade de Compostela; sectores da poboación labrega e agrupacións veciñais existentes nas cidades de maior número de habitantes.

Nunca saberemos que tería ocorrido se, naqueles comicios, Xosé Manuel Beiras encabezara unha candidatura na que tamén figuraran os dirixentes do que era, entón, o BNPG

O común denominador da oposición ao franquismo non conseguiu agachar a existencia de diferenzas importantes entre os distintos grupos. A diverxencia principal residía no contido do cambio político que se postulaba: mentres nuns casos se defendía unha ruptura radical co réxime ditatorial, outras entidades eran menos esixentes na fondura e no ritmo das mudanzas reclamadas. Nos primeiros meses de 1976 tomaron corpo dúas plataformas que escenificaron ese disenso: o Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG) e a Táboa Democrática de Galicia. No Consello participaban PSG, UPG, MCG, PGSD e Partido Carlista. Na Táboa estaban presentes PCG, PSOE, PSP, ORT e PTE. Un dos aspectos programáticos mais relevantes que diferenciaban a estes organismos era o relativo á saída que se propuña a respecto do recoñecemento dos dereitos asociados á identidade nacional galega. A Táboa Democrática reivindicaba a restauración do Estatuto de Autonomía de 1936 como novo marco institucional do posfranquismo. O CFPG prantexaba unha alternativa -as chamadas Bases Constitucionais- que implicaba unha estruturación confederal para o Estado español e un forte status de soberanía para as futuras institucións galegas.

No mes de Xuño de 1977 -practicamente un ano despois do nacemento desas alianzas- tiveron lugar as primeiras eleccións ao Parlamento estatal e deuse a circunstancia paradoxal da non comparecencia unitaria das formacións integrantes das devanditas plataformas. No caso do CFPG existían dous argumentos que sustentaban solidamente a viabilidade dunha presenza conxunta: por unha banda a fondura do contido programático das propias "Bases Constitucionais" e pola outra o papel destacado que xogaban dous partidos -PSG e UPG- que non estaban condicionados por estratexias pensadas en chave estatal. Non foi asi e nunca saberemos que tería ocorrido se, naqueles comicios, Xosé Manuel Beiras encabezara unha candidatura na que tamén figuraran os dirixentes do que era, entón, o BNPG. Certamente, as cousas terían sido diferentes se Beiras saíra electo deputado nun Congreso no que houbo, finalmente, representantes nacionalistas de Euskadi e Cataluña. O debate sobre o texto constitucional e a posterior elaboración do Estatuto de Autonomía que se someteu a referendo no remate do ano 1980 poderían ter ofrecido mais oportunidades de acumulación de forzas para o nacionalismo galego xurdido nos últimos anos da ditadura.

A división e a posterior ruptura rexistrada na Asemblea de Amio celebrada no ano 2012, permite descreber, metaforicamente, a evolución do nacionalismo galego moderno mediante o uso de tres palabras: tecer e destecer. Construír e destruír

O posterior nacemento do BNG, no outono de 1982, supuxo a recuperación parcial do espírito unitario que propiciara a existencia do Consello de Forzas Políticas Galegas. E case unha década despois -a partir de 1992- completouse o reagrupamento de todas as correntes nacionalistas coa integración de PNG, Inzar e Unidade Galega na organización frontista creada en Riazor. Ao cabo, tiveron que transcorrer 20 anos para que retornara a esperanza daqueles primeiros meses de 1976. Asi comezou unha traxectoria que culminou coa chegada do BNG ao goberno da Xunta no ano 2005. A recente lembranza que un grupo de persoas vimos de celebrar estivo plenamente xustificada: a pesar das eivas propias e dos atrancos alleos, demostrouse que era posíbel construír outra Galiza. Que non estabamos condenados a ser gobernados por unha dereita herdeira das elites franquistas.

A división e a posterior ruptura rexistrada na Asemblea de Amio celebrada no ano 2012, permite descreber, metaforicamente, a evolución do nacionalismo galego moderno mediante o uso de tres palabras: tecer e destecer. Construír e destruír. Sen descartar, tamén, a eventual alusión á vixencia do mito de Sísifo: acometer a tarefa de subir a pedra caída dende o cimo da montaña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.