A polémica sobre a situación fiscal na Comunidade de Madrid podería inspirar a formulación dunha singular versión do “principio de Arquímedes”: todo problema mergullado na confrontación política convencional experimenta unha pulsión simplificadora e demagóxica proporcional ao volume de complexidade analítica que posúe.
Todo problema mergullado na confrontación política convencional experimenta unha pulsión simplificadora e demagóxica proporcional ao volume de complexidade analítica que posúe
Conviría partir dalgunhas realidades pouco discutíbeis:
1)O actual sistema de financiamento autonómico vixente no Estado español establece un determinado nivel de corresponsabilidade fiscal entre a Administración central e as institucións representativas das CC.AA. Algunhas figuras tributarias (IRPF, IVA, Imposto sobre o patrimonio, Imposto de sucesións e doazóns...) están transferidas total ou parcialmente ás Comunidades cun determinado nivel de capacidade normativa. Isto significa que os Parlamentos ou Asembleas lexislativas correspondentes poden decidir -entre outras cousas e de xeito significativo- sobre as tarifas impositivas que se aplican a quen perciben rendas ou teñen determinados niveis de riqueza patrimonial.
2)A constatábel desigualdade que se rexistra na distribución dos recursos dispoñíbeis entre as persoas e os territorios condiciona os efectos das medidas tributarias adoptadas polos responsábeis das distintas administracións. As autoridades dunha determinada Comunidade poden obter un volume semellante de ingresos fiscais aplicando unha presión mais “branda” que a que rexe noutros territorios por mor de que actúan sobre un universo de contribuíntes que posúen unha maior capacidade económica.
No actual Estado das Autonomías é compatíbel o mantemento -ou mesmo a ampliación- do poder fiscal propio das CC.AA. cun acordo harmonizador que minimice as distorsións asociadas ao exercicio de semellante poder
3)Estudos recentes no ámbito académico teñen confirmada a vixencia dun importante “efecto sede” na Comunidade de Madrid. Dispor da condición de capitalidade administrativa do Estado español ten actuado como relevante factor de centralización e acumulación de riqueza (persoal cualificado vinculado ás grandes empresas residenciadas nese territorio; funcionariado asociado aos distintos organismos públicos presentes nesa Comunidade; efectos derivados da estrutura radial das infraestruturas de comunicación...). Esta singularidade ten consecuencias obvias na aplicación das políticas fiscais, permitindo unha marxe de manobra notábel ás autoridades gobernantes nese ámbito territorial.
4)O volume dos ingresos acadados cos distintos impostos determina as posibilidades de gasto dunha determinada Administración pública. O alcance e a calidade das prestacións dun sistema de benestar (sanidade, ensino, atención á dependencia, servizos ás persoas maiores...) depende das opcións que se tomen en dous planos do eido fiscal: o nivel de esixencia aos contribuíntes con maior renda e riqueza e a capacidade do aparello administrativo para reducir ou eliminar as bolsas de fraude potencial ou real existentes.
A declaración formal dos grupos parlamentares do PSOE e de ERC no Congreso en favor dun futuro acordo de harmonización fiscal constitúe o comezo dun camiño que será longo e complicado
No actual Estado das Autonomías é compatíbel o mantemento -ou mesmo a ampliación- do poder fiscal propio das CC.AA. cun acordo harmonizador que minimice as distorsións asociadas ao exercicio de semellante poder. Se existe unha vontade cooperativa é posíbel evitar que as estruturas tarifarias do Imposto de Patrimonio ou do Imposto de Sucesións e Doazóns establezan unha práctica eliminación dos mesmos nalgúns territorios mentres seguen actuando noutros. A solución non debería consistir na eliminación da capacidade normativa porque, en tal caso, asistiriamos ao cumprimento da vella metáfora (“botar ao neno coa auga suxa”). Trataríase de atopar fórmulas que, sendo respectuosas coa autonomía fiscal, foran quen de atopar puntos intermedios satisfactorios para todas as partes.
A declaración formal dos grupos parlamentares do PSOE e de ERC no Congreso en favor dun futuro acordo de harmonización fiscal constitúe o comezo dun camiño que será longo e complicado. O sistema de financiamento autonómico está pendente dende hai anos (o PP coa maioría absoluta de Rajoy non foi capaz de promover a súa renovación) e require, sen dúbida, a participación activa do goberno da Generalitat que saia das vindeiras eleccións do 14 de Febreiro.