Noutros tempos, o nivel de consumo necesario para a supervivencia humana non afectaba de maneira tan evidente á sociedade, xa que o grao de contaminación e a porcentaxe de consumo efectivo non eran tan elevados, e por tanto eran relativamente sostibles. Porén, a partir da revolución industrial, a poboación comezou a medrar cada vez máis e, necesariamente, os recursos naturais dispoñibles a presentar niveis de escaseza cada vez máis altos e insostibles, situación que foi agravándose co tempo. Ademais, co aumento da contaminación pola inestabilidade atmosférica provocada polos gases tóxicos industriais e outros gases de efecto invernadoiro, a calidade de vida deteriorouse.
Para que o futuro da humanidade estea garantido, é necesario sensibilizar á poboación sobre a necesidade de cambiar o comportamento, é dicir, é necesario un compromiso individual e colectivo baseado na adopción de actitudes máis conscientes, responsables e sostibles.
Desde hai décadas a humanidade vive un estoupido nos niveis de consumo, mobilidade masiva, produción de bens a gran escala, xeración dunha morea de residuos e todo isto con consecuencias ambientais que non teñen equivalente na historia do ser humano.
O grao de degradación ambiental do planeta e a conciencia e aumento do coñecemento sobre as causas e efectos deste proceso asociado a un enorme desenvolvemento tecnolóxico, permiten sen embargo reducir os impactos ambientais, co establecemento de acordos internacionais e a definición de diversos marcos legais que regulamenten a produción, a publicidade, a recollida de residuos, ...
Ademais, actualmente existe un consenso sobre a necesidade de evolucionar e transformar profundamente o paradigma do estilo de vida cara a un arquetipo que incorpore comportamentos sostibles, caracterizados por un menor consumo de recursos e que teñan un impacto ambiental, económico e social que favoreza un desenvolvemento sostible.
Este cambio de paradigma implica un cambio nos comportamentos, mais tamén un cambio na cultura e os valores. Para promover este cambio de comportamento, é necesario coñecer os procesos psicosociais subxacentes aos comportamentos cotiáns, identificando os factores que facilitan, así como aqueles que dificultan comportamentos e estilos de vida sostibles.
Con este fin os concellos de todas as cidades e vilas de Galicia deberían crear concellarías e observatorios sobre o consumo consciente que terían como obxectivo a avaliación da evolución do consumo consciente, analizando actitudes e fomentando unha preocupación ambiental e social, un consumo responsable e condutas sostibles, ademais de fomentar unha mobilidade respectuosa co medioambiente.
A cidadanía galega é consciente da necesidade de reducir os niveis de consumo. Todas as persoas comezamos a comprender que debemos cambiar os nosos comportamentos, estilos e hábitos de vida, incorporado preocupacións ambientais, xa que os comportamentos de aforro de recursos e aumento da reutilización e a reciclaxe son moi necesarios, mais tamén a diminución do uso do automóbil privado e a procura de vías de mobilidade alternativa como o transporte urbano, a bicicleta, os patinetes ou os desprazamentos a pé.
Por tanto, podemos concluír que o estilo de consumo sostible é aínda incipiente, porén a xente cada vez máis consome alimentos orgánicos e producidos de maneira sostible e tamén cada vez máis xente súmase á reciclaxe e á reutilización de produtos.
Nun período de alta complexidade no que respecta ao consumo, derivado do proceso de transformación dixital ao que se enfrontan as marcas e os consumidores, tamén os temas da realidade aumentada e as novas tecnoloxías están presentes na nosa vida cotiá, e xa existen hábitos de consumo que están a acompañar a esta transformación.
Se queremos avanzar cara a un consumo sostible, debemos comezar por cambiar algunhas actitudes na nosa vida cotiá. Vexamos algunhas suxestións a continuación:
Antes de mercar debemos preguntarnos:
• Realmente necesito o produto que vou comprar?
• É de boa calidade? Como podo estar seguro disto?
• É posible reparalo, reutilizalo ou reciclalo?
• Podo compartilo con outros?
• Elixín o produto menos daniño para o medio ambiente?
No momento da compra, debemos comprobar que:
• Os produtos non danan o medio ambiente no seu proceso de fabricación (emisións e residuos contaminantes) e a súa eliminación unha vez finalizado o seu ciclo de vida.
• A información importante do produto especifícase nas etiquetas e corresponde á contido real do paquete.
• Comparar produtos do mesmo tipo, co fin de ter produtos de mellor calidade, máis duradeiros e que danan menos o medio ambiente.
Ademais, podemos:
• Fomentar a creación de instrumentos legais para previr a publicidade enganosa;
• Esixir ás axencias de publicidade que brinden información máis relevante sobre os produtos, como xeito de promover unha elección máis consciente por parte do consumidor e que a publicidade dirixida a nenas e mozas sexa o máis saudable posible
A responsabilidade social e o consumo responsable non é un fenómeno conxuntural e, afortunadamente, empeza a interiorizarse no comportamento das persoas e institucións. Por iso comeza a ser habitual que moitas persoas actúen en base ás seguintes pautas:
* Consomen desde unha perspectiva consciente, xa que o fan de maneira premeditada e antepoñen a libre elección á presión da publicidade e ás modas impostas.
* Consomen de maneira responsable e crítica xa que moitas persoas pregúntanse polas condicións sociais e ecolóxicas nas que foi elaborado un produto ou producido un servizo.
* Consomen cun posicionamento ético, que se basea en valores como a responsabilidade, a sustentabilidade como alternativa ao malgasto e ao consumismo, ou o respecto dos dereitos dos produtores e do medioambiente e a contorna natural.
* Consomen de modo ecolóxico ao previr o malgasto dos recursos naturais, xa que a produción masiva degrada o medioambiente.
* Buscan a soberanía alimentaria e impulsan comportamentos saudables porque fomentan un estilo de vida baseado en hábitos alimenticios sans e equilibrados e na compra de produtos de calidade e respectuosos coa contorna e respecto co medioambiente.
* Consomen de maneira sostible e buscan reducir o consumo innecesario para mellorar a calidade de vida do planeta e o equilibrio ambiental. Ademais fan todo o posible por xerar menos residuos.
* Son persoas solidarias con outros pobos e coas xeracións futuras, debido a que respectan os dereitos daqueles e asegúranse de preservar tamén os dereitos das persoas que aínda non naceron.
* Actúan de maneira socialmente xusta xa que apoian principios de non discriminación e non explotación.
A cidadanía ten un gran poder de transformación social. As persoas consumidoras temos o poder de transformar un mero acto de consumo nun verdadeiro acto revolucionario e transformador. Desta maneira, a través de xestos cotiáns, pódese contribuír a un cambio significativo nas regras e patróns de produción e consumo da sociedade.
Os poderes públicos teñen a responsabilidade de ditar normas para que a economía sexa sostible, solidaria e respectuosa cos dereitos humanos e o medioambiente, porén somos as persoas consumidoras a título individual as que optamos ou non por un modo responsable de consumir.