Robert Fishman é un prestixioso sociólogo e científico norteamericano, especialista en democracia. Estuda os procesos de transición para a democracia en Portugal e en España, compáraos e agora editou un libro sobre iso, segundo informa o diario Público de Lisboa.
Fishman sitúa a democracia portuguesa entre os máis avanzadas do mundo. Porque nace dunha revolución social que incorpora desde o comezo as clases populares, e iso determínao todo. A democratización afírmase desde abaixo, porque xorde de abaixo. Os xenerais, a xerarquía militar caeu e abriuse un capítulo totalmente renovado da historia de Portugal, acompañado dun cambio cultural profundo, sen servidumes co pasado.
A española é moi diferente, unha reforma apadriñada polo poder franquista, sen ruptura. Os xenerais non caeron, o principal representante simbólico da continuidade é o rei, e a vella cultura continuou segregando expresións, até hoxe.
A democracia en Portugal construíuse de abaixo para arriba e en España foi ao contrario, de arriba para abaixo.
Os gobernantes portugueses ven as manifestacións populares como algo natural, as reivindicacións e o pacto social están consubstancialmente ligados; en España os manifestantes son sospeitosos de subversión, como no 15 M, cando se lles parte literalmente a cara. A aproximación das manifestacións a calquera parlamento levanta suspicacias no poder político.
A festa do 25 de abril celébrase simultaneamente nas institucións e na rúa. A cultura política foi profundamente influenciada polo camiño que levou á democracia, os capitáns e o pobo tomando as prazas. Isto axuda a comprender a forza das institucións democráticas portuguesas neste momento, cando en todo o o mundo viven unha crise sen precedentes, di Fishman.
O libro titúlase Democratic Practice – Origins of the Iberian Divide in Political Inclusion, acaba de publicalo en Oxford e sería máis que interesante unha edición en lingua galega.