O corno e a prensa, outra vaca no millo

Unha escena da película 'O Corno', de Jaione Camborda, protagonizada por Janet Novás © Amador Lorenzo

A reacción que suscita ao lela é a mesma que suscita a información política dese diario en relación coas culturas do estado español que non son a hexemónica castelá: diluír e rebaixar o carácter diferencial, que para a liña editorial de El País constitúe unha distorsión que se tolera pero non se comparte

Horas despois de que a película obtivese a Cuncha de Ouro no Festival de Donostia (felicitamos a todo o equipo e estamos desexando que se estree para gozar dela), escribe a crónica para El País Gregorio Belinchón. Tomamos esta crónica e non outras similares por tratarse do xornal máis representativo e seica tamén o máis respectuoso cunha idea aberta e progresista da cultura e as artes. A reacción que suscita ao lela é a mesma que suscita a información política dese diario en relación coas culturas do estado español que non son a hexemónica castelá: diluír e rebaixar o carácter diferencial, que para a liña editorial de El País constitúe unha distorsión que se tolera pero non se comparte. A manobra é tan evidente que parece mentira que non sexa deliberada. Por desgraza, é posíbel que non o sexa, que esa ignorancia activa do columnista reflicta o grao de consolidación estrutural espontánea da visión ayusista do Madrid cañí como España, e do resto como “as provincias”.

Jaione Camborda CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

Como vemos, non é unha película galega, simplemente está “rodada” en galego. A directora, dedúcese, elixíu a lingua como se fai o casting o se escollen as localizacións, o vestiario ou a iluminación

“O drama O corno” comeza Belinchón, “rodado en galego pola donostiarra Jaione Camborda, vén de gañar a Cuncha de Ouro á mellor película na 71ª edición do festival de San Sebastián.”

Como vemos, non é unha película galega, simplemente está “rodada” en galego. A directora, dedúcese, elixíu a lingua como se fai o casting ou se escollen as localizacións, o vestiario ou a iluminación. Dicir “rodada en galego” no canto de “en galego” equipara a lingua cunha característica técnica do proceso, coma dicir “en película Kodak de 35mm”. Ollo, temos que darnos cun canto nos dentes porque ABC, La Razón e El Mundo omiten o dato.

“Camborda” continúa o artigo, “de 40 anos, convírtese así na primeira española en lograr este trofeo”.

Clariño, clariño. Nin galega nin sequera basca, española. Os “trofeos”, para podermos celebralos, debe gañalos alguén seleccionábel na equipa rojigualda. 

“Malia que” hai lustros que vive e traballa en Compostela, iso non conta para nada e pode levar a engano, non vaiamos tomala por galega

“Até este sábado levárano 13 filmes españois... e cinco mulleres cineastas, pero Camborda reúne por primeira vez xénero e nacionalidade.

Si, si, españois! 13 filmes españois! Pensabades que o que determinaba a nacionalidade dunha película era a orixe da producción? Motivo polo cal “Un can andaluz” de Buñuel se considera francesa, “Campanadas a medianoite” de Orson Welles, española, ou os libros de Xerais galegos a pesar da presenza de Anaya. Pois non, filme español. “O corno” acumula rarezas e, de admitir algunha, a condición de muller da directora é máis transaccionábel para a liña editorial de El País, destaquémola.

“Ademáis”, prosegue a crónica, “Camborda xogaba na casa. Malia que hai lustros vive en Santiago de Compostela, a cineasta naceu e medrou en San Sebastián”.

“Malia que” hai lustros que vive e traballa en Compostela, iso non conta para nada e pode levar a engano, non vaiamos tomala por galega. Mais ollo, segue sen ser basca, nin sequera de Donostia, é simplemente de San Sebastián, balneario de Borbóns e raíñas rexentes.

Fotograma da película de Jaione Camborda 'O Corno', protagonizada por Janet Novás © Elastica Films

Tan fagocitada quedou a ópera prima que o propio xornalista omite o dato de que tamén aquela fora “rodada en galego”

“Máis aínda”, incide Belinchón, “as súas primeiras lembranzas fílmicas mesturan as películas que vía na antiga sala Astoria con sesións no festival de cinema no que acaba de consagrarse”.

“Máis aínda”. Por se todo o anterior fose pouco. Compre extirpar calquera asociación da directora con Galiza. Faise coa apelación á infancia, verdadeira patria da persoa, e achegando un detalle de sabor local, a sala Astoria.

O corno é a súa segunda película —a primeira, Arima, foi fagocitada pola pandemia—“

Tan fagocitada quedou a ópera prima que o propio xornalista omite o dato de que tamén aquela fora “rodada en galego”. Se se informase de que Camborda non se limitou a unha película senón que xa van dúas, poderíase pensar que non é casualidade, que igual a directora basca agocha unha teima separatista ou filoetarra, cando menos unha intención que complicaría a asimilación patriótica rojigualda.

Esta Janet Novás, será tamén donostiarra? Non, “procede da Galicia rural”. Ao mellor o que non se quere dicir é que fala galego e para unha película en galego non estaba demais que a protagonizase unha galego-falante

“(O corno) viaxa a 1971, aos últimos estertores do franquismo na Illa de Aurosa, na provincia de Pontevedra”.

A referencia crítica ao franquismo, sen problema, que se vexa que El País é un xornal comprometido coas causas nobres. Illa de Aurosa, tamén, case seguro que se refire á de Arousa porque a sitúa na provincia de Pontevedra e as provincias mandan. De Galiza, nin rastro.

“Camborda contratou para protagonizala a bailarina de contemporáneo Janet Novás, á quen a cineasta fichou polo seu absoluto control do seu corpo, e porque procedía da Galicia rural que se mostra en pantalla. Novás enche a pantalla cunha fisicidade impoñente”.

Esta Janet Novás, será tamén donostiarra? Non, “procede da Galicia rural”. Ao mellor o que non se quere dicir é que fala galego e para unha película en galego non estaba demais que a protagonizase unha galego-falante. Asóciase de paso a lingua galega co mundo rural. Liña! E o mundo rural e a muller coa fisicidade. Bingo!

Mi ma. Canto queda que arar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.