O coronavirus é o único responsable da gran recesión?

Durante demasiado tempo tanto a maioría de analistas como a práctica totalidade dos/as políticos/as culparon en exclusiva a pandemia provocada polo COVID.19 da nova e grande recesión económica. Non parecera, xa que logo, que puidera haberen outros factores causantes, ou cando menos colaboradores, desta crise. Perdeuse con elo un tempo precioso para tomar as medidas que xa se vían como moi necesarias cando menos para paliar os primeiros efectos do impacto recesivo.

Si facemos memoria lembraremos como bastante antes de que estalara a pandemia xa apareceran sinais indiscutibles de que a economía occidental entraba en recesión. Tal e como sinalabamos nalgún artigo anterior neste mesmo medio (https://praza.gal/opinion/saben-que-estamos-as-portas-dunha-nova-crise) "estamos as portas dunha nova crise. Unha crise, nembargante, diferente a anterior por que agora, en termos macroeconómicos, estamos diante dunha crise de oferta, de ingreso que non de gasto". As sinais eran xa daquela moi claras polo que o coronavirus o que fixo foi ampliala e agrandala crise que agora afecta tanto a oferta como a demanda agregadas provocando unha grande recesión pola caída conxunta dos ingresos e os gastos. 

Unha grande recesión que agora as evidencias avalan con tal claridade que hasta o propio Banco de España o confirma aínda que, na miña opinión, presentando a situación ao revés e ignorando algunhas causas. "Empezamos como unha crise sanitaria e despois derivou nunha económica e temos que evitar a toda cosa que se converta nunha crise financeira" (P. Hernández de Cos, gobernador del Banco de España). Non, señor Hernández, tíñamos unhas crises financeira e económica as que se sumou posteriormente unha crise sanitaria desbocando nunha grande recesión. Non carguemos ao coronavirus con toda a responsabilidade, que xa ten bastante, pois así non adoptaremos as políticas oportunas e necesarias.

De algún modo sorprende esta reacción tardía do Banco de España e incluso o diagnóstico sobre a recesión económica. Hai algo que debera quedar claro: é difícil de aceptar que un simple virus provoque tales efectos económicos no sistema. En realidade o que está facendo a pandemia é agrandar e acelerar o que xa era unha crise sistémica. Unha crise que empezou sendo, como sinalaba, de oferta e que viña provocada tanto pola fráxil situación do sector financeiro (bastaba con observar o comportamento do Bolsa con alzas que non se correspondían coa marcha real da economía e con cantidade de produtos estruturados tóxicos e inflamables), a explosión das débedas públicas e privadas (no que o BCE ten unha grave responsabilidade) e o auxe continuo e crecente das actividades especulativas (coa intensa entrada dos fondos de inversión en empresas privadas) como pola crise de sobreprodución en sectores produtivos tan vitais como o automóbil, os equipos e os materiais. Una crise de oferta que se viña manifestando bastante antes de que estourara a pandemia. Unha crise que, posteriormente, a pandemia converteu en dobre: de oferta e de demanda.

Unha crise sistémica e multidimensional que, xa que logo, afecta tanto a produción, como ao sistema financeiro e as empresas non financeiras, as contas públicas e, por suposto, as familias. Unha crise sistémica que non se arranxa so coa superación da pandemia e, xa que logo, con medidas sanitarias, necesarias pero insuficientes. Si os gobernos e as autoridades monetarias non son conscientes desta realidade non serán quen de aplicar as medidas axeitadas. Que, por suposto, teñen que seren moi diferentes das que se viñeron aplicando nas últimas décadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.