A OMS alerta dos perigos de saír antes de tempo do confinamento. Hai que seguir a ser precavidos e se agora parece que é imperante ir traballar, hai que saír á rúa con moita precaución, respecto e responsabilidade
Hai un mes decatámonos que o novo coronavirus non era unha gripe. Semanas despois non falamos doutra cousa que non sexa do SARS-CoV-2 e sabemos aínda moi pouco coma enfrontarnos á enfermidade. Aínda que sendo primo doutros coronavirus, a sintomatoloxía ou a inmunidade do novo coronavirus é unha incógnita e mantennos alerta.
Pódese enfermar do coronavirus dúas veces? É unha das grandes preguntas de hoxe en día. Esperamos que o coronavirus produza inmunidade, pero en estudos chegados primeiro de China e logo de Corea do Sur, atoparon que persoas curadas volveron a dar positivo. Tamén chegan os argumentos que lles dan resposta a isto e que nos tranquilizan, non todas as probas detectan as partículas infecciosas do virus, e podemos estar a ver falsos positivos. Non sabemos se estas persoas que se recuperaron foron re-infectadas polo virus, se nunca se recuperaron completamente, ou que o virus se reactivou.
Sabemos que noutros tipos de infeccións virais os anticorpos producidos poden persistir na sangue durante anos e incluso décadas, e permiten que o sistema inmunitario responda rapidamente se o patóxeno se presenta de novo. No caso do novo coronavirus chégannos informes que nos indican a pouca cantidade de anticorpos producida despois da infección, ou en ocasións cantidades virais non detectables na xente curada. Pénsase na posibilidade que os infectados do coronavirus que presentan poucos síntomas, producen baixos niveis de anticorpos neutralizantes contra o coronavirus. Polo tanto, estes estudos suxiren que canto máis enfermos estañamos da covid-19, máis defensas crearemos no caso de recaída.
Aínda non temos moitos datos que expliquen unha posible baixa na produción de anticorpos. A inmunidade a curto ou largo prazo, e con ela a capacidade da xente recuperada da covid-19 para responder á re-infección, é unha das maiores incógnitas sen resposta neste momento. Anque por outra banda, un dos tratamentos experimentais máis efectivos ata o de agora nos doentes que foron ingresados en coidados intensivos, é o tratamento con plasma convalecente doado por persoas que tiveron covid-19 e se recuperaron. A posibilidade de abrir un carné de inmunidade que indique a cantidade de anticorpos que ten ou non contra o coronavirus cada cidadán, non é unha idea moi tola.
Non vai existir unha volta á rutina das nosas vidas de xaneiro/febreiro do 2020, estamos entrando nunha nova “normalidade” marcada polo camiño de aprender a confiar outra vez
Por mor da evolución da natureza da pandemia, o estoupido de información e de novos estudos chega a unha velocidade vertixinosa, e isto é importante nesta crise, pero tamén os seus resultados deben interpretarse con precaución e as conclusións poden evolucionar a medida que se dispoñan de máis datos. Chégannos os resultados clínicos e epidemiolóxicos dos múltiples tratamentos antivirais que se están administrando. Cal será o mellor? Nada ten unha sinxela resposta, pero a información é intensa, constante, sobe e baixa, e pouco tempo queda para unha análise concienciuda. Tamén temos o tema das máscaras, levalas ou non. O sentido común pode axudarnos aquí, obviamente mellor levar unha máscara feita na casa, que nada que nos protexa.
O meirande problema no presente, é a falta ou mala reacción fronte a esta crise, que pode saírnos cara. A Organización Mundial da saúde alerta dos perigos de saír antes de tempo do confinamento. Hai que seguir a ser precavidos e se agora parece que é imperante ir traballar, hai que saír á rúa con moita precaución, respecto e responsabilidade. Hai que protexerse e protexer ós demais, máscaras, luvas, gafas protectoras, evitar aglomeracións de xente, lavar vinte veces ó día as mans, todo é pouco para esquivarse da expansión do coronavirus outra vez e que todo empece de novo. Non queremos outra vez sobrecargar ós hospitais, deixar ós grupos máis vulnerables desprotexidos, ós anciáns morrer soíños nas residencias, e definitivamente non queremos que este pesadelo se repita.
Moita xente segue co discurso de “xa cho dixen que isto ía pasar”, e outros pensan “– que facemos agora e que faremos mañá?”. Eu estou cos segundos, co discurso construtivo e útil
O que está claro é que despois desta corentena, non vai existir unha volta á rutina das nosas vidas de xaneiro/febreiro do 2020, estamos entrando nunha nova “normalidade” marcada polo camiño de aprender a confiar outra vez. Asumindo os cerres dos negocios, os despidos, ou superando os danos da nosa saúde, tamén a mental. O mundo converteuse nun experimento en marcha co Homo Sapiens, e con desafíos imprevisibles. O día a día será facer a compra co móbil e recibir a entrega na casa, logo desinfectala, clases da universidade en liña, congresos por rede, videoconferencias cos avós, telemedicina para casos non graves e consultas, ou soñar que algún día irase vivir á aldea. Estes poden ser exemplos do que será a volta á nosa nova “normalidade”.
E así gobernará o virus as nosas vidas nos tempos de post-pandemia, coma quen se sobe nunha montaña rusa. A ciencia tampouco volverá á rutina de principios de ano, a perspectiva é distinta. A multitude de síntomas que provoca o coronavirus fai que toda a comunicade científica este alerta. Pero supoño que cada quen reacciona dun xeito particular ante as adversidades ou ós estados de alarma. Moita xente segue co discurso de “xa cho dixen que isto ía pasar”, e outros pensan “– que facemos agora e que faremos mañá?”. Eu estou cos segundos, co discurso construtivo e útil.
O coronavirus non vai baixar da montaña rusa ata dar con ela, coa vacina, para dar coa mellor hai que unir forzas, e cantas máis cabezas traballando, chegarase antes
Os nosos laboratorios tamén cumpren a corentena, ou mantémolos baixo mínimos, pero iso non quere dicir que deixamos de investigar máis intensamente ca nunca. Están a emerxer grupos da comunicade científica que traballan facendo redes e unindo forzas a nivel internacional. Formo parte dun deles dende fai un mes, porque creo que é o único xeito de ganar esta batalla é xuntándose e aportando coñecemento. Co emblema de Open Science queremos traballar xuntos e resolver este problema, compartindo resultados e sen individualismos. Cada día podería saír un gran titular falando da investigación dunha nova vacina ou novo tratamento, pero isto non é unha carreira, a solución está en traballar e colaborar xuntos ata dar ca vacina máis efectiva e segura canto antes, e logo producila a gran escala a nivel global. Ben sabemos que o coronavirus non vai baixar da montaña rusa ata dar con ela, coa vacina, para dar coa mellor hai que unir forzas, e cantas máis cabezas traballando, chegarase antes.