O pasado sábado, 31 de Agosto, celebrouse unha lembranza e homenaxe a Moncho Valcarce co gallo do vinte aniversario do seu pasamento. A pesar de que non tiven ocasión de tratalo persoalmente, coñecín directamente a súa intensa actividade a favor das loitas labregas e o seu xeneroso compromiso militante coa defensa dos dereitos da nación galega.
Aínda que no primeiro socialismo europeo –na metade inicial do século XIX- foi patente a inspiración cristiá, ao remate dese mesmo século fíxose hexemónico un socialismo non relixioso e decote antirrelixioso que borrou as pegadas daquela primeira influencia
A memoria de Moncho, un crego que non agachaba a súa condición, permite suscitar algunhas reflexións a respecto da relación que mantiveron –e aínda manteñen- os movementos populares da Europa moderna coa relixión. Aínda que no primeiro socialismo europeo –na metade inicial do século XIX- foi patente a inspiración cristiá, ao remate dese mesmo século fíxose hexemónico un socialismo non relixioso e decote antirrelixioso que borrou as pegadas daquela primeira influencia. Nese socialismo finisecular cobrou moita forza o obxectivo dun mundo sen relixións, feito que se supoñía habería de acadarse como consecuencia da transformación socialista da sociedade. A presenza de persoas cristiás nos partidos socialistas chegou a tolerarse aínda que con certas reservas, a condición de que soubesen encerrar a súa relixiosidade na esfera puramente privada.
Non se recoñeceron as achegas que os sectores con ideas relixiosas socialmente mais avanzadas podían facer aos movementos populares de orientación socialista
Esa fin de século inaugurou un longo período na historia da esquerda sobre o que gravitaron serios problemas no tratamento desta cuestión. Establecido o criterio de que as ideas relixiosas eran contrarias ao socialismo, non se recoñeceron as achegas que os sectores con ideas relixiosas socialmente mais avanzadas podían facer aos movementos populares de orientación socialista. En troques, foron vistos con receos, provocando a perda das forzas e dos valores que encarnaban eses segmentos sociais.
Ao fío desta análise, podemos pór enriba da mesa a cuestión do lugar que debe ocupar a relixión na sociedade. Ao meu ver, a resposta debe estar determinada por dous vectores basilares. O primeiro é a liberdade para se adheriren a unhas crenzas relixiosas ou outras, asociárense en diversas Igrexas, participaren no culto correspondente, expresaren publicamente as ideas relixiosas. Certamente, tamén son suxeitos deste dereito quen sosteñen concepcións non relixiosas, agnósticas ou ateas. A liberdade implica a non discriminación motivada polas conviccións, relixiosas ou non relixiosas, de cada persoa.
As declaracións e a traxectoria vital de Moncho Valcarce certifican expresamente a capacidade creativa que pode emerxer da simbiose entre as crenzas relixiosas e o compromiso cívico
O segundo principio é o da independencia das Igrexas a respecto do Estado e deste en relación con aquelas. Baixo esta perspectiva, se ben a historia das relixións debe formar parte da ensinanza da historia da cultura, a formación propiamente confesional debería ficar excluída do ensino público, do horario ordinario e do currículo. A non existencia de presións a favor dunha relixión e a negativa a calquera caste de proselitismo dentro dos centros educativos é unha condición necesaria para formar persoas que dispoñan dun criterio propio para poder elixir libremente.
As declaracións e a traxectoria vital de Moncho Valcarce certifican expresamente a capacidade creativa que pode emerxer da simbiose entre as crenzas relixiosas e o compromiso cívico. O crego das Encrobas forma parte do mellor da nosa historia e fica na memoria e no corazón de todas as persoas que o coñeceron.