O delegado, o anatema e a leveza

Seguen a tomar corpo na democracia española as ideas máis opresivas de Rousseau – a quen Bakunin cualificaba como o verdadeiro creador da reacción moderna- que conferían a un Estado excesivamente abstracto unha autoridade ilimitada sobre os individuos coa coartada ética de supor que este encarna a súa noción de "vontade xeral". As inercias duran talvez tempo de máis e alargan o eido do impensábel neste país noso.

A explicación do Delegado do Goberno Español en Galiza, se cadra aínda máis as palabras que empregou, para xustificar a obertura de expediente ao portavoz do BNG Franciso Jorquera, son un sinal de vulnerabilidade e de precariedade extraordinarias

A explicación do Delegado do Goberno Español en Galiza, se cadra aínda máis as palabras que empregou, para xustificar a obertura de expediente ao portavoz do BNG Franciso Jorquera, son un sinal de vulnerabilidade e de precariedade extraordinarias. Ten uns costos brutais para á calidade da democracia galega e certifica o poder autoritario de quen representa. Este poder está a redeseñar unha nova orde interior que obedece á unha economía que tende a identificar sen matices lexitimidade e legalidade e a aceptar como “natural” o monopolio estatal da dominación contra as “acometidas de bárbaros” (sic), cando esa dominación non é máis do que dominación diferida do capitalismo baixo pose de paranoia institucionalizada. O estatuto de verdade e a presunción heurística amosada polo delegado Juarez lonxe de ser unha forma de convención, debulla que a “solución política” para a fase pos-terrorismo termina por “normalizar” algúns aspectos fundamentais da cultura da “excepción” mesmo sabendo que resulta absurdo pretender que a esquerda nacionalista galega, personificada neste caso en Jorquera, sexa insensíbel ao "terrorismo" cando sabemos que a esquerda maioritaria é mesmo convencional.

Eís a insistencia na vella retórica da simplificación, na persistencia no estado de ánimo nihilista que permitiu o suceso do fraguismo e do aznarismo

Eís a insistencia na vella retórica da simplificación, na persistencia no estado de ánimo nihilista que permitiu o suceso do fraguismo e do aznarismo. O numeriño de Juarez na entrevista de La Voz é unha negación de facto das institucións galegas. Infelizmente, desaproveita a oportunidade e teima en seguir a onda de moda para anatemizar e depreciar, abofé que o fai cunha simplicidade pouco finxida: seica a retórica do BNG é a de HB, madia leva! Como se fose doado tratar do mesmo xeito e so a mesma rúbrica pensamentos que foron reducidos coa fin desacreditalos mellor. Juarez clama pola claridade, por xuízos claros e distintos, aínda que o fai sen capacidade narrativa, sen capacidade para interpretar o que lle sucede e nula creatividade.

Mais non é iso o que se está a reclamar dende a delegación, estase a recrear a figura do político nacionalista galego polo procedemento de convertelo en elemento dun conxunto ben definido - que diría García Calvo- encerrado nun circuíto especial destinado a iso e que imos chamar “conxunto HB” - está nas raíces mesmas da constitución do Estado o xulgar, numerar, adxectivar e definir. Sospeitamos que ao definir a súa pertenza ao “conxunto HB” ou dos “bárbaros”, aspírase a que fiquen encerrados nese circuito especial: falar dos “bárbaros” ou dos “batasunos” configúraos como bárbaros ou como batasunos. Acho que o que se deduce é unha redución a un conxunto ben establecido, noutras palabras, non se quere que os políticos galegos saían á rúa do lado da cidadanía como xeito de poñelos en causa, sob sospeita.

Abonda reclamar a condena do "terrorismo" para facer da Constitución o único horizonte moralizador, falar de democracia cando non se fai máis ca apelar ao capitalismo financeiro e tirar do estigma calculado

Non hai confusión máis eficaz. É a chamada “cultura de goberno”, por outras palabras, o abandono da ética da convicción en proveito dunha ética da responsabilidade. Abonda reclamar a condena do "terrorismo" para facer da Constitución o único horizonte moralizador, falar de democracia cando non se fai máis ca apelar ao capitalismo financeiro e tirar do estigma calculado cando sirve para escarmentar e inducir o xermolo da confusión. A democracia enxergada como a competencia “interna” aplicada no mundo da empresa, o que o economista Robert Frank chama “recompensas nas que o gañador apáñao todo”. Na dramatización de Juarez o todo inclúe a rúa. E nela, o cidadán Jorquera é ofrecido en ofrenda, tratado como extranxeiro, é dicir, como bárbaro. A cidadanía despexada, desafiuzada, literalmente expulsada, é fácil presa do anatema.

A reactivación impúdida do anatema do “terrorismo” ten un tipo de coherencia sui generis propia das retóricas disciplinarias e as técnicas de autoridade. Reducida a democracia a procedemento (“cando goberna o PP hai partidos que intentan incendiar a rúa e gañar nela o que non gañaron nas urnas”), nos tempos do soberanismo como praxe política probábel e a violencia arquivada, o Estado teima en facer ciclicamente do "terrorismo" o leivmotiv da súa política interior en Galiza. Contra a esquerda nacionalista en calquera das súas expresións políticas, o exconselleiro de mediorural non dubida en demonizar a resistencia de quen ten renunciado á violencia. O permanente apelo á legalidade, á Xustiza e ao expediente sancionador non é máis do que unha mostra da deficiente saúde da democracia española ao non saber valerse da política. Que flagrante abuso de poder político puido cometer Jorquera? Facer da rúa a terceira cámara?

Que flagrante abuso de poder político puido cometer Jorquera? Facer da rúa a terceira cámara?

Que indicios de delito se derivan de tentar parar un despexo cando os propios xuices están a informar dos lanzamentos e cando foi a propia Comisión Europea quen expresou as súas dúbidas sobre a compatibilidade das medidas que regulan os procesos de desafiuzamento do estado español coas normas europeas de protección dos consumidores ? Neste intre, cun discurso propio desacreditado, o estado español e os seus aliados aquí e acolá, privilexian a intervención mistificadora, fornecedora de temor e de fuxida individualista: é a própria lóxica do capital cando non se diferencia entre democracia e capitalismo, entre medios e fins. De quen mima as grandes empresas, reduce as pensións e lamina os servizos sociais, ao cabo, de quen estigmatiza a quen entenda, para dicilo como Alain Badiou, a política como unha "emancipación política" e xa non digamos como xogo e cuestionamento da linguaxe.

Por que se recae máis unha vez nunha incomprensión semellante, reducindo o debate político a un debate plantexado estritamente en termos de legalidade? A dereita española sofre un resentimento endémico a todo pensamento que debruce en categorías colectivas ou alicerzadas noutros espazos de decisión, a quen ritualice disposicións que priven ao estado do seu monopolio e da súa prosperidade clandestina. A enleada da crise, a corrupción, o conflito aberto con Catalunya e as encrucilladas da esquerda son para o PP unha oportunidade para o devalo e a reactivación das pulsións centralistas. Hai unha fonda ferida narcisista á que non queren pór remedio senón saneando as condicións de dominación.

Fraga coñecía moi ben a importancia do espazo. Certo é que a rúa xa non é o que era dende que Rouco, Rajoy e o seus lle viron utilidade. Velaí que a  irrupción do "discreto" Jorquera no espazo ritual dun despexo contribuía a reforzar o sentido de cidadanía e a restaurar o sentido de espazo

O efecto amplificador do novo espazo público denominado internet pode ter efectos atomizadores se perdemos de vista o campo das afinidades de veciñanza e dos vincallos físicos. Fraga coñecía moi ben a importancia do espazo. Certo é que a rúa xa non é o que era dende que Rouco, Rajoy e o seus lle viron utilidade. Velaí que a  irrupción do "discreto" Jorquera no espazo ritual dun despexo contribuía a reforzar o sentido de cidadanía e a restaurar o sentido de espazo. Esa representación visual de solidariedade (ética da convicción) perante o acto de forza dun despexo tivo como resposta política máis forza (ética da responsabilidade). Ás regras impartidas pola dominación do capital tíraselle proveito moralizando a dominación cando esta é a única que pode fornecer lexitimidade. Vemos que o falaz siloxismo do que se serviu o Delegado do Goberno para derivar da “algarada na rúa” (para deter o desafiuzamento que ía por na rúa unha señora de avanzada idade ) o compartir móbil co “terrorismo” é pornografía direccionada a un público pouco atento aos medios e aos fins, explicábel non só por un instintivo celo substancial, por unha subordinación e interinidade en relación ao universo institucional español, mais por un trunfo do pasado sobre o presente, inútil como vinganza aínda que con “valor de uso” en tempos de preaquecemento electoral europeo.

Se como di Michel Surya ninguén concorda coa dominación mais ninguén quere que a dominación o ignore até o punto de que esqueza xulgalo, a infracción de alguén sempre serve para afirmar que as normas ultrapasadas son xustas

Se como di Michel Surya ninguén concorda coa dominación mais ninguén quere que a dominación o ignore até o punto de que esqueza xulgalo, a infracción de alguén sempre serve para afirmar que as normas ultrapasadas son xustas. Un axir contraditorio que xa amosou a súa eficacia no pasado. A rápida fuga desde un caso de desobediencia cara o “prefiero una España roja antes que rota” non é máis ca outra cara dunha mesma obsesión, non se entende a organicidade da rúa e menos cando non responde á lóxica do bipartidismo. A autonomía está ben sempre que nos ceibemos dos excesos...

O déficit democrático ten o seu mellor aliado no temor, facilita a desmemoria histórica de xeito natural. Do que se deduce que a domesticación está a ser efectiva se todo iso non consegue irritarnos aínda que sexa un chisco

Levamos vivindo tanto tempo con esta retórica que á dereita parécelle evidente tirar dela cando mellor lle acae. É unha medida da relación de forza- que non da forza da razón- paralela ao que acontece co grao de explotación e abuso das cláusulas hipotecarias e das fraudulenta accións preferentes, sen esquecer a estigmatización do escrache. Nin máis nin menos. Individualización da punición e corresponsabilización colectiva dos costos da dominación. Optan pola desmotivación, recargan a dúbida mesmo sendo inverosímil, esixen garantías anticipadas que nunca antes esixiran á perpetuación do marco político vixente.

Precisamos unha páxina nova. O déficit democrático ten o seu mellor aliado no temor, facilita a desmemoria histórica de xeito natural. Do que se deduce que a domesticación está a ser efectiva se todo iso non consegue irritarnos aínda que sexa un chisco.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.