O delito de ser o indíxena Evo

'Manos del miedo', de Oswaldo Guayasamín Dominio Público

Ao diplomático estadounidense Philip Goldberg destinárono para Belgrado no comezo da guerra civil. Máis tarde foi para Bosina, no 94, antes do conflito, como asistente especial do embaixador Richard Holdbrooke, un dos enxeñeiros da desintegración iugoslava. En 2004 volveu á capital de Kosovo, algo antes da separación de Serbia e Montenegro.

En 2008 era embaixador en Bolivia, cando Evo Morales o expulsou do país. Auspiciaba movementos independentistas desde a omnipotente embaixada, para romper o estado, ao non ver outra maneira de acabar co movemento socialista, arribado ao poder cunha maioría de votos abraiante. A súa estratexia consistía en inflamar os territorios da chamada Media Luna, os orientais, os máis ricos, de dominio racial branco, onde se concentra a maior parte da riqueza. Goldberg reuníase cos seus gobernadores, que controlaban tamén aos grupos da extrema dereita, de ascendencia ideolóxica fascista e nazi. Houbo emigración desde Alemaña, tamén despois de 1945.

Bolivia parecíase moito á vella Sudáfrica. Nos anos cincuenta do século vinte os escravos estaban en venda e chamábanlles pongos. Un pongo é un orangután

Bolivia parecíase moito á vella Sudáfrica. Nos anos cincuenta do século vinte os escravos estaban en venda e chamábanlles pongos. Un pongo é un orangután. O tráfico foi legalmente prohibido en 1952, mais continuou o comercio. Os indios non tiveron dereito a voto até 1951. Nin tampouco a andar polos paseos, polas beirarrúas. En 2005, cando Evo chega ao goberno, seguía habendo escravos en facendas da zona oriental.

Até ese ano 2005 e desde sempre, a embaixada de EEUU posuía a prebenda de nomear os ministros de Defensa e de Goberno. Era unha tradición coñecida por todos os bolivianos, case aprendida nos libros de texto; formaba parte da idiosincrasia do semiestado boliviano. E loxicamente, os 189 golpes de estado que se produciron desde a independencia (se descontamos o período de Morales sae a máis de un por ano) tiñan que estar, como mínimo, consentidos pola embaixada, posto que a continuación se cumpría sempre coa antedita tradición de o gringo nomear os dous ministros decisivos.

Cento oitenta e nove golpes ou cento oitenta e oito, aínda non sabemos. Depende do que nos diga El País, que está desfollando delicadamente a margarida do último. O xornal acredor de Patricia Botín mantén a dúbida: Sería? Ou non sería? Ou sería rozadura? Faltando o perfumado veredicto, manteñámonos na indecisión. Esta vez, en troca de saír o exército, como sempre, asolaron as rúas os grupos fascistas, arrasando casas, locais opositores, torturando, violando e producindo algunhas mortes, instaurando o terror, mentres as forzas do estado ficaban acuarteladas. Esa é a novidade, a reformulación, o exquisito matiz, o novo estilo do golpe de estado, por se no futuro se estuda nas facultades de ciencias políticas e nas academias militares.

Pero nótaselle prudente a El País e abraiado co macho Camacho. Repsol parece que estaba contenta cos negocios alí, igual que o goberno boliviano tamén o estaba con Repsol. Á banca debe irlle tamén ben.

Ademais Josep Borrell quere formular unha política exterior europea independente da estadounidense, incluíndo América Latina. A embaixada de EEUU en Madrid, igual que as doutras capitais de Europa, causaran moita irritación o ano pasado, cando lles impuxeron aos estados respectivos o recoñecemento de Juan Guaidó, facéndolles seguir a política golpista de Trump con Venenzuela. Borrell era o ministro de exteriores. Esa circunstancia incide para reformular o cambio de política. Xa veremos nos próximos días.

É difícil chamarlle a Morales ditador, antidemocrático, populista, extremista e menos aínda violento. Toda a acusación posíbel é a de manobrar para repetir como presidente, pero a súa lexitimidade en Bolivia, o apoio que segue a recibir é infinitamente superior á de calquera mandatario occidental, aproximándose á metade dos votos nas últimas eleccións. E ese respaldo débese ás razóns seguintes:

Entre 2005 e 2019, en que dura o seu mandato, o PIB medrou o 327%, que se di pronto. Grazas á nacionalización do gas. Segundo o FMI en 2018 foi a economía de América Latina que máis medrou, ao 3,9%. Ten unhas reservas internacionais de 53.000 millóns de dólares, superiores ao propio PIB; por tanto non ten déficit e por tanto é difícil dicir que fai unha xestión económica populista. O ingreso anual per cápita pasou de 1.120 dólares a 3.130. A débeda externa de 52% para 24%. A pobreza extrema de 38 para 17. O desemprego de 8 para 4. O 62% da poboación ten arestora ingresos medios. Segundo a OMS aumentou o gasto sanitario en 173% até o 2014, con mil novos establecementos de saúde e 34 hospitais de segundo nivel. A esperanza de vida subiu de 64 para 71 anos; o salario mínimo de 440 bolivianos para 2.060.

Con todas as eleccións gañadas limpamente e con este nivel de desenvolvemento, e ademais dimitindo para evitar que a violencia se apropiase do país, e chamando a que non se recorra a ela, non se pode cualificar de ditador ou populista ao presidente nin a ninguén sen perder os papeis e tamén as tintas das edicións.

Era o aliado incondicional de Venezuela na rexión, si, pero tamén un pragmático, que negociou coas multinacionais extractivas, un asistente á toma de posesión de Bolsonaro e un líder que se realista (os datos da economía así o indican) en proceso de aproximación intensa aos novos líderes da esquerda de América Latina, AMLO, Fernández e outra vez Lula, moito máis moderados que os da anterior onda, os Kirchner, Correa e outros.
 

Que pasou nas últimas eleccións?

Para saír elixido na primeira volta cómpre obter máis da metade dos votos, ou superar o corenta por cento cunha avantaxe de dez puntos porcentuais sobre o segundo. Carlos Mesa, o líder da oposición dereitista, calculaba que era posíbel ir á segunda volta; nese caso sería el o que conseguiría que as demais candidaturas o apoiasen, asegurando a súa elección. A embaixada e a dereita calcularon que por primeira vez non vencería con facilidade o MAS e aí se abriu a fenda. Cómpre saber que a Unión Civil Cruceñista e o macho Camacho, fascistas da Media Luna, xa dixeran durante a campaña electoral que non recoñecería en ningún caso a vitoria de Morales, se el gañar. Ao longo da campaña hostilizaron violentamente a xente do MAS.

E Carlos Mesa advertiu, tamén antes da elección, que se non gañaban sería porque habería pucheirazo. Calculaba que a diferenza sería mínima, e comezou así a presión para expulsar o presidente. Efectivamente, a diferenza era mínima e cambiou de tendencia, dándolle a vitoria ao MAS, cando chegaron os resultados das zonas máis pobres, menos desenvoltas e con maior dificultade para o reconto, cuxo apoio a Morales é moi maioritario, igual que o emigrante, loxicamente tamén de reconto máis tardío. Pero xa non era o reconto, senón ter creado o estado de opinión sobre a necesidade de que o “ditador” desaparecese, de que o cambio se tiña que producir, de que sobraba o “indio”.

Axitan as rúas, falan de fraude, con tal violencia que acaban recorrendo á Organización de Estados Americanos. As demais instancias supranacionais de América Latina, Unasur e outras foron esencialmente desmontadas polos novos gobernos de obediencia norteamericana, Brasil, Ecuador e outros. A OEA é unha organización con sede en Washington, sostida economicamente polos EEUU, ao seu servizo desde sempre, encargada de velar pola dependencia do sur americano.

Cando a OEA afirma que se deben repetir eleccións e Morales acepta, o macho Camacho, como lle chaman, eríxese en líder moral, así din, sen ser representante legal de nada, nin ter cargo electivo, sen preocupación ningunha por esas cuestións, pois el pretende instaurar de novo a cruz e a supremacía branca. Un animal que entra para o palacio de goberno cunha biblia na man, axeonllándose, lembrando a imaxe de Colón cando pousa por primeira vez a súa rótula na nova terra conquistada. Diríxese directamente a Deus e dille que volva para a casa de goberno, porque foi sacado de alí polo presidente indíxena.

Tal grao de barbarie engrandece a figura de Morales, un cocaleiro sen estudos, convertido nun xigante, pero parecese algo a Salvador Allende, a pesar de ter a vida salva

Tal grao de barbarie engrandece a figura de Morales, un cocaleiro sen estudos, convertido nun xigante, pero parecese algo a Salvador Allende, a pesar de ter a vida salva. E parécese porque se produce un retroceso cara os vellos métodos, o do golpe de estado puro e duro, ao non daren resultado os outros mecanismos ensaiados nestes anos, especialmente o law fare.

Cando estalou a revolta de Ecuador contra as durísimas medidas económicas de Lenin Moreno e despois a de Chile, cando trunfou Fernández na Arxentina e ficou Lula en liberdade, todo en tan poucos días, véuseme á cabeza a Primavera Árabe, que comezara tamén cun grande impulso libertario e rematou con tantas traxedias, ao activar medidas as embaixadas correspondentes e os servizos de intelixencia, naquel caso non só estadounidenses, aínda que sobre todo.

Silvio Rodríguez di que Evo é moi semellante ao pintor Guayasamín, porque ao mirar para calquera dos dous, os ollos abísmanse nas entrañas de América. Tan conectados están co telúrico americano.

Oswaldo Guayasamín, inmenso, recoñecido universalmente, pero mal coñecido por aquí e quizás conscientemente esquecido, ten unha exposición estes días na sede se A Fundación en Lugo e moitas obras no Museo do Gravado de Ribeira.


*Oswaldo Guayasamín 1919-1999. Dúas series. Dous aniversarios. Sede Afundación. Praza Maior.Lugo. Do 26 de setembro ao 11 de xaneiro de 2020. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.