O proceso de absorción de Bankia por Caixabank abriu a caixa de Pandora dos procesos de concentración bancaria no ámbito do Estado español. Metidos na lóxica de que o medre na dimensión empresarial é unha condición imprescindíbel para acadar as rendibilidades mínimas na actual conxuntura do negocio bancario, non cabe descartar que -nun horizonte temporal non lonxano- apareza unha eventual proposta de integración de ABANCA nun proxecto empresarial de maior envergadura.
Non cabe descartar que -nun horizonte temporal non lonxano- apareza unha eventual proposta de integración de ABANCA nun proxecto empresarial de maior envergadura
Se nos vindeiros meses ou anos, a entidade herdeira das Caixas de Aforro galegas ficase subsumida noutro conglomerado financeiro atrévome a postular que non sería tanto pola existencia de graves problemas estruturais que requirisen semellante estratexia senón polo atractivo que representa -para as empresas competidoras- a cota de mercado que posúe ABANCA no territorio galego. Polo demais, é ben sabido que, nos procesos de absorción, o mantemento da cultura organizacional vinculada ao capital humano existente resulta subordinada ao cálculo dos beneficios resultantes da operación planeada. Xa que logo, de ocorrer tal hipótese estariamos ante o epílogo descarnado da historia que comezou coa fusión de Caixagalicia e Caixanova, seguiu coa bancarización do que foi NovaCaixaGalicia e a posterior venta -por parte do FROB- de Novagalicia Banco ao grupo venezolano Banesco.
Coa melancolía que suscita a práctica dos contrafactuais históricos, poderiamos imaxinar que tería ocorrido se Novagalicia Banco sobrevivise como entidade pública controlada polo FROB. Mais alá da incidencia de factores esóxenos -sen dúbida relevantes no ámbito europeo e/ou mundial-, a especificidade desa natureza xurídica podería actuar como factor neutralizador da eventual perda da identidade territorial derivada dunha dinámica instalada en lóxicas de estrito beneficio privado.
O actual presidente da Xunta xogaríase, certamente, unha parte relevante da súa reputación na lexislatura que ven de comezar
A pesar da protección que proporciona a non presenza de ABANCA no mercado bursátil, non se pode asegurar cal sería a reacción dos seus propietarios ante unha substanciosa oferta de adquisición. En semellantes circunstancias, o actual presidente da Xunta xogaríase, certamente, unha parte relevante da súa reputación na lexislatura que ven de comezar. Despois de non ser quen de asegurar a continuidade das vellas Caixas reconvertidas en banco e de contemplar -sen reacción eficaz- a morte do Banco Pastor como referente histórico do poder financeiro galego, a desaparición do derradeiro vestixio dese poder representaría un grave e indiscutíbel fracaso político.