O 4 de febreiro do ano 1865 Seoane comunicou a Murguía que aceptaba participar na súa Historia de Galicia. A decisión de Murguía de incluír a descrición dos seres naturais do país obedeceu a que os situaba como sinais da identidade nacional galega
O 4 de febreiro do ano 1865 Seoane comunicou a Murguía que aceptaba participar na súa Historia de Galicia, estaba disposto a redactar a parte correspondente á Historia Natural do país. Na carta onde lle trasladaba a decisión xa aludiu á dificultade do tema (“¿tu sabes lo que me pides?”), esaxerando o indiscutible valor da súa contribución (“me pides más de lo que tu mismo puedes hacer o vas a hacer”). Asemade, subliñou que accedía á petición por amizade e falou dunha cuestión que –como veremos– afectaría á relación entre ambos, as condicións para a colaboración: que a parte por el escrita aparecera co seu nome e que o historiador revisara a corrixira o manuscrito que redactara.
Uns vellos amigos
A decisión de Murguía de incluír na súa Historia de Galicia a descrición dos seres naturais do país obedeceu a que os situaba como sinais da identidade nacional galega. Iso e a feliz circunstancia de manter unha vella amizade coa persoa cualificada para o labor deberon ser motivos dabondo para o convite. Falamos de dúas persoas que xogarían un papel relevante na historia galega. Vítor López Seoane (Ferrol, 1832- A Coruña, 1900) salientaría como o naturalista galego máis importante do século XIX. Pola súa banda, Manuel Martínez Murguía (Arteixo, 1833- A Coruña, 1923) destacou como escritor, xornalista, historiador, folclorista e político (“construtor da nación”); dinamizador do Rexurdimento, compañeiro de Rosalía de Castro, fundou e presidiu a Real Academia Galega.
O ferrolán accedera ao Instituto de ensino secundario de Santiago a fins de 1847, Murguía estaba alí desde outubro de 1845; remataron o bacharelato en xullo 1851. A relación continuaría en Madrid, onde marcharon para realizar estudos universitarios, Medicina e Farmacia, porén o certo é que prestaron máis atención a outras actividades. No caso de Seoane desenvolveu a súa vocación naturalista tomando contacto con profesores e persoas interesadas polo tema. O seu compañeiro desconectou dos estudos de Farmacia e introduciuse no mundo cultural e xornalístico madrileño. En outono de 1857 Seoane deixou Madrid para seguir os seus estudos en Granada, Murguía casou en outubro de 1858 con Rosalía de Castro, quen levaba máis de dous anos na capital. Os dous amigos volveron pronto a Galicia. O naturalista en 1859 para rematar a carreira de Medicina en Santiago dous anos despois, marchando –ao remate– para Ferrol, onde exerceu como médico. A volta de Murguía tivo lugar en decembro de 1858, pasando por Santiago, A Coruña e Vigo, retorno a Madrid e volta definitiva a Galicia en 1861.
Subliñou que accedía á petición por amizade e falou dunha cuestión que –como veremos– afectaría á relación entre ambos, as condicións para a colaboración: que a parte por el escrita aparecera co seu nome e que o historiador revisara a corrixira o manuscrito que redactara
Murguía acadara un certo prestixio como escritor e xornalista en Madrid, alí podería ter desenvolto unha destacada carreira xornalística e mesmo política. Non obstante, decidiu volver ao país arriscando o seu futuro para xerar coñecemento e conciencia cultural cara á reivindicación política da identidade galega. En 1862 iniciaría a publicación do Diccionario de escritores gallegos. Sen abandonar ese proxecto, en 1865 comezou a publicar Historia de Galicia. Nos dous casos o método para asegurar o éxito do proxecto era o mesmo: vender entregas aos subscritores para sufragar as publicacións. Unha tarefa complicada para a que Murguía contou cunha rede informal de xente próxima que colaboraba de xeito altruísta, contribuíndo persoalmente e/ou facilitando o acceso ás axudas institucionais.
Seoane formou parte dese imprescindible grupo de apoio ao labor patriótico de Murguía. Ademais, tamén axudou ao historiador na difusión dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Sobre esa cuestión escribiulle en 1863 desde Ferrol: “mucho hablamos Gayoso [Justo Gayoso López] y yo para ver de colocar tus Cantares pero no hallamos medio; además, francamente, los pusistes caros por más que su mérito sea grande”.
Entrega do manuscrito
O proceso de edición da que sería a Reseña de Historia Natural incluía unha terceira persoa, o editor de Lugo Manuel Soto Freire. O 14 de abril de 1866, un ano e un par de meses despois do encargo, Seoane comunicou a Soto que rematara a parte xeolóxica da Reseña, tres días despois a Murguía: “Es necesario que tú des la última mano a mi trabajo: la parte científica está, falta el literato y esto sí a mí me sería necesario para armonizar con el lenguaje de la obra es imprescindible”. O 22 dese mes o naturalista xa tiña finalizado todo o manuscrito, que remitiu a Soto, 144 cuartiñas. Ao día seguinte informou a Murguía do envío e insistiu no da corrección “ya sabes que no me dotó Dios de cualidades literarias”; finalmente, o 8 de maio, mandoulle todo o material, cuxa extensión reduciu, de 144 a 106 cuartiñas simples. Nunca modesto, o ferrolán comentou: “Con este trabajo hay materia para muchos libros [aínda que] no digo cuanto sé”.
A Reseña de la Historia Natural de Galicia
A Reseña de Seoane apareceu publicada no segundo tomo da Historia de Galicia (1866). O texto ten un valor histórico indiscutible, pioneiro punto de referencia para posteriores achegamentos ao coñecemento dos seres naturais de Galicia
A Reseña de Seoane apareceu publicada no segundo tomo da Historia de Galicia (1866). O texto ten un valor histórico indiscutible, pioneiro punto de referencia para posteriores achegamentos ao coñecemento dos seres naturais de Galicia. Son 66 páxinas e comeza cunha Introdución na que, á vista da correspondencia do naturalista, Murguía tivo unha intervención substancial. Estas son as primeiras palabras: "Cuando se tiende la vista sobre el vario y fertilísimo suelo que forma el territorio gallego, no puede menos que admirarse su fecundidad y belleza".
A exposición segue a clásica ordenación dos tres “Reinos” da natureza: Xea, Flora e Fauna, coa intención de amosar de xeito resumido o “mosaico natural” galego. A parte xeolóxica é a máis frouxa, algo comprensible se atendemos ao escaso coñecemento dos minerais e rochas de Galicia nese tempo, limitado á publicación do alemán Guillermo Schulz, Descripción geognóstica del Reino de Galicia, 1835. Na “Reseña botánica” xa puido contar o ferrolán cos traballos previos de varios especialistas (Planellas, Pourret, Lange, etc.) e nela describiu a riqueza vexetal do territorio, unha relación sumaria. A parte de Zooloxía – que era a área de coñecemento de Seoane– destaca no conxunto, en extensión e contidos. O naturalista realizou a descrición dos animais por grupos taxonómicos, con indicacións concretas, referencias a colleitas, datos de autores e bibliografía. Salienta o listado máis completo ata ese momento dos insectos de Galicia.
Desacordo posterior. A reclamación de Seoane a Soto Freire
Un ano despois do envio do orixinal, Seoane escríbelle ao editor. Dille que acordaran facer contas cando lle entregara o seu manuscrito, polo que lle reclamaba o cumprimento. Esta carta bota luz sobre unha nova condición da publicación, o pago pola redacción da Reseña
Un ano despois do envio do orixinal, o 6 de maio de 1867 Seoane escríbelle ao editor. Dille que acordaran facer contas cando lle entregara o seu manuscrito, polo que lle reclamaba o cumprimento. Esta carta bota luz sobre unha nova condición da publicación, o pago pola redacción da Reseña. Un dato que non está presente nas cartas a Murguía e que non podemos confirmar por non dispoñer de toda a correspondencia de Seoane a Soto, só da que este remitía a Murguía. Alén desa cuestión, xurdiran outros temas polémicos, o naturalista solicitara 200 separatas do seu escrito que Soto lle cobrou e, ademais, houbo algún malentendido nun xornal. En xuño Seoane volveu a dirixirse ao editor, fíxoo nun ton máis esixente: “Uds son unos ingratos y que se lucran del trabajo ajeno sin agradecerlo”. Semella que Murguía cobrara pola parte que el elaborou; tamén alude a que lle debían dar gratis as separatas.
Dura resposta de Murguía a Seoane
Soto Freire enviou a Murguía a carta que lle remitirá Seoane. O historiador colleu a pluma a redactou un longo escrito, un texto especialmente duro co naturalista
Soto Freire enviou a Murguía a carta que lle remitirá Seoane. O historiador colleu a pluma a redactou un longo escrito, un texto especialmente duro co naturalista, que comezaba así: “Mucha calma necesito para leer cada carta que U. remite al Sr. Soto Freire”. Doído, botou man do sarcasmo e mesmo ridiculizou ao naturalista. Fronte a soberbia do ferrolán, Murguía opuxo unha descualificación inxusta: “saber Historia Natural, es saberla como ciertas autoridades, y saberla como D. Víctor, es saberla poco más o menos como Murguía, el día que este se le antoje”. Coñecedor da vida de Seoane aproveitou esa circunstancia para aludir aos intentos fracasados do naturalista por acadar unha cátedra de Historia Natural. Sobre o pago da contribución de Seoane, Murguía –que repite en varias ocasións a súa disposición a facelo efectivo– afirmou que naqueles tempos en España non se retribuían os escritos científicos, e pon como exemplo as publicacións previas do propio naturalista.
Por fin, despois de numerosas de acusacións, relatou o historiador a súa versión do proceso editorial. Polo que di semella que Soto lle pagaba o material entregado, á marxe da orixe. Sobre o tema das separatas solicitadas por Seoane, Murguía recoñeceu que lle prometera falar con Soto para que non as cobrara pero que se esqueceu. Rematou o escrito deste xeito: “Venga esa cuenta y sepamos lo que hemos de pagar al muy magnífico y espléndido y sapientísimo Sr. D. Víctor”.
Camiños e contactos posteriores
A fins de 1868 Murguía acadou o posto de director do importante arquivo de Simancas, do que foi cesado en outubro de 1870. Trasladouse para o do Reino de Galicia (A Coruña), mais un novo cese, en 1875, o levou a diversos destinos e ocupacións. Seoane seguiu a buscar futuro no ensino, no universitario e no secundario, mesmo barallou a posibilidade de obter unha praza no Museo de Ciencias Naturais de Madrid. Intentos fracasados, pero a súa vida –médico interino no hospital da Mariña de Ferrol– mudou radicalmente cando o 8 de outubro de 1869 casou cunha rica propietaria, Francisca Riobóo Álvarez.
O desacordo entre estes destacados personaxes, individuos de sobresaínte ego, afectou seriamente á súa relación, que non volveu a ser a mesma, se ben houbo contactos esporádicos
A colaboración entre o naturalista e o historiador arredor da publicación da Reseña tivo dúas consecuencias ben diferentes. Por unha banda, ofreceu ao país un valioso produto, polo seu contido e significado, pola outra –no plano persoal– o desacordo entre estes destacados personaxes, individuos de sobresaínte ego, afectou seriamente á súa relación, que non volveu a ser a mesma, se ben houbo contactos esporádicos. Por exemplo, cando Murguía xogaba un importante papel en La Ilustración Gallega y Asturiana se interesou polas publicacións de Seoane, de feito en 1881 aparecería un artigo nesa revista sobre un achádeo do naturalista. O último contacto escrito do que temos constancia tivo lugar en 1890. Catro anos máis tarde Murguía foi destinado ao arquivo de Facenda da Coruña. Na cidade herculina coincidiu residindo con Seoane ata a morte deste en 1900 mais a Reseña se levara por diante a vella amizade. Ás veces a boa saúde dunha relación demanda certa distancia e/ou non traballar xuntos.