“O desastre de tudo quanto se sonhara, a vergonha de tudo quanto se conseguira, a miséria de viver sem vida digna que os outros pudessem ter conosco, a sem vida dos outros que pudéssemos dignamente ter”. (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).
Cara a final de mes, os alcaldes e alcaldesas dos concellos galegos vanse xuntar para elixir ao seu interlocutor diante doutras institucións e, para facer que fan, definir as reivindicacións do municipalismo galego nos vindeiros catro anos.
A asemblea da FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) vai ser un arremedo daqueloutra que celebraron o mes pasado os alcaldes do Estado español. Soubemos que foi elixido presidente o alcalde de Vigo, e que entrou no órgano executivo o presidente da deputación de Ourense. O demais foi pantomima. Unha boa mostra foi o documento, bautizado co nome de “declaración de Zaragoza”, axinado polo alcaldes da Coruña e Santiago, canda outros colegas do Estado, sen que ninguén nos explicase as razóns polas que meteron o Miño e o Ebro no mesmo saco, cando nin sequera hai semellanza no líquido que corre polas súas canles.
Hai uns anos, os alcaldes galegos (os do PP e os do PSOE, tamén) defendían con naturalidade a autonomía municipal, fixeron súas as propostas nacionalistas en materia de finanzamento, e estiveron a piques de conseguir que esa palabra que tanto lle enche a boca aos que falan dende Madrid –a solidariedade- entrase na saca dos fondos estatais dedicados aos concellos, a fin de mudar os vellos e inxustos criterios de reparto.
Todos tiñan claro que o asentamento e o envellecemento da poboación debía formar parte dos criterios de reparto dos fondos estatais. Sen esa condición previa, calquera reforma local que se pretenda de pouco lle valerá á cidadanía galega. Porque sempre será máis caro prestarlle servizos á veciñanza dun concello galego de 6.000 habitantes, con 90 entidades de poboación, ca prestárllelos á poboación dun de Segovia coa mesma poboación, asentada nun único núcleo. Porque, por cativa que sexa a incidencia de tales criterios, Galicia facilmente pasaría a recibir o dobre dos actuais 600 millóns de euros que entran nas súas contas. E, en fin, porque reivindicar diante do Estado, unha mínima autonomía municipal e xustiza para os seus representados, debería ser a primeira obriga de calquera alcalde que se prece como tal.
O meu tío Lisardo coida que ese amansamento dos alcaldes galegos -dalgúns que levan a chapa galeguista agochada detrás da solapa, tamén- comungando ou tolerando as actuais políticas recentralizadoras, en detrimento da autonomía política, sempre minguará o benestar e a xustiza social da veciñanza galega.
Ah! Velaquí outra razón máis para tratar de conformar unha candidatura unitaria nacional galega que chegue ás Cortes do Estado con voz propia.