O desencanto de don Claudio

CC-BY-SA HombreDHojalata

«Deluvei os ollos que me proían / do pesadelo estéril da noite sen camiños».  (Antón Tovar, do poema Deluvei os ollos, Calados esconxuros)
 

Don Claudio padecía insufríbeis doenzas nas queixadas de tanto rinchar os dentes, por non ser quen de atopar a pedra filosofal capaz de frear o declive do fervor piadoso dos desapegadizos fregueses. Fartábase de rifar dende o púlpito e responsabilizaba aos devotos incondicionais das alongadas ausencias dos «desertores da fe». 

Ao ver que a cousa ía de mal en peor, quixo poñerlle remedio a semellante desdén e, como un cadelo rabioso, remelouse contra a preguiza episcopal, erixíndose salvador da cristiandade e alquimista supremo dos asuntos divinos na parroquia. Esixiulle unha derrama aos fieis, mercou uns altofalantes, mandounos instalar no campanario da igrexa e erguíase tódolos días cando se deitaba a lúa, para inocularlle a michola da teoloxía dogmática polas físgoas da luídas conciencias, aos que el definía como «insolentes apóstatas, elixidos polo diaño para engrosar as filas do agnosticismo». 

CC-BY-NC Lusco fusco

Semellante ocorrencia –ou penitencia– no canto de recuperar as desleixadas ovellas que abandonaban o rabaño, aínda as axotaba máis cara a porta do inferno. Os almallos do Tito rubían polas paredes da corte e, se non se esmoucaban contra as trabes da casa, era porque non tiñan hastas. Cada madrugada, os maiores do lugar poñían contra as cordas a consistencia dos seus delicados carrelos, ao brincaren de súpeto da cama. Había nais que lle cubrían as orellas con cataplasmas aos nenos, por medo a que lle estoupasen os tímpanos. Os cans, adoecidos, ladraban sen parar. Todo por culpa daquel son trapelo, estridente e repugnante, capaz de espertar aos mortos, ao acoplarse a miúdo o micrófono clerical e os espantallos enganchados no campanario, que nunca paraban de barullar. Iso si, no tocante á oratoria do señor abade, todos se acollían á indulxencia do «predícame, cura, predícame, frade: por un oído me entra e por outro me sae».

Había que redimir aquela tétrica esquina do mundo de semellante penitencia. Así que, un día, mentres don Claudio oficiaba a misa, o Molina, escoltado por unha brigada de incondicionais, atravesou os cables dos altofalantes cun alfinete e recortoulle a parte saínte co alicate que levaba no peto. Despois dunha semana de meticulosa inspección, dous expertos na materia acabaron tirando a toalla e regresaron á capital sen resolver o enigma que avariara o cargoso dispositivo electrónico. 

Don Claudio, decepcionado polos de acá –e desautorizado polo máis alá– deixou coa boca aberta a todo cristo, ao decidir aforcar a indumentaria clerical e secularizarse. Agora non pisa a igrexa para nada e seica nunca reza; abriu un tenda de insecticidas e todos lle chaman Claudio a secas, agás o Molina, quen sempre lle pon o don diante do nome, malia ser o único que o trataba de tu cando andaba debaixo da sotana. 

[O meu tío Lisardo está aborrecido de cruzarse cada cando con ilustrados tocagüevos, que van pola vida reprochándolle, aos que viaxan canda eles, de seren os responsábeis de que haxa outros que lexitimamente discrepan dos seus pareceres]. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.