O día despois

Este programa deportivo que os luns na televisión reflectía dende un punto de vista diferente ao cotiá do acontecido na xornada de liga da fin de semana anterior pode servir como exemplo pertinente para explicar o acontecido na proceso de primarias de En Marea. A análise dos resultados, feita xa por sesudos analistas, que con maior ou menor acerto definiron ese evento, perde interese, polo tanto, son outras análises as suxestivas.

Da asamblea de Vigo do día 30 de xullo xorde un suxeito político novo que pretende aproveitar a sinerxia de distintos partidos políticos, movementos asociativos de distinto carácter, e grupos políticos de ámbito municipal. Pero esta sinerxia non foi tal, polas reticencias xa coñecidas dalgún grupo político ensimismado.

A reserva supuxo desconfianza nas partes e con estes alicerces sen fraguar, bota a andar un recén nado cun crédito dependente en boa medida de factores alleos. As vitaminas necesarias para un correcto crecemento foron inoculadas (no sentido perverso do palabra) pensando máis en  fortalecer cada órgano independentemente que na saúde global do meniño.

A primeira consecuencia foi o crecemento desigual deste corpo infantil coas deformidades propias deste tipo de tratamentos. Deformidades que supoñen, cunha sinxela observación, ver membros dese corpo que semellan pertencer a outro. O aspecto visual do neno dende calquera punto de vista non é nin agradable nin atractivo.

O cadro médico que trata o neonato, deberá esforzarse en propor un tratamento innovador que corrixa as deformidades observadas, no canto de ocultar con vendas ou emplastos o rapaz.

Outro tratamento será erróneo e suporá revivir a situación do seu irmán maior, enfermo terminal de imposible curación e pode tamén implicar que tanto os síntomas como a enfermidade se transmitan rápidamente a outros posibles neonatos, amputando á sociedade a posibilidade dunha xeración de nenos relumbrante.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.