Estamos ante unha pregunta clásica: canto pesan os sentimentos na decisión de voto? Ou dito doutro xeito: que compoñentes conforman o comportamento final do electorado?
Nestes días previos á cita electoral do 23 de Xullo, a case totalidade das análises recoñecen a transcendencia dos seus resultados na configuración da futura gobernabilidade do Estado español. O dilema está servido: ou a maioría parlamentaria da última lexislatura renova a súa hexemonía nas urnas ou asistiremos a unha importante involución política da man dun acordo entre o PP e Vox.
Na explicación habitual que se formula cando ten lugar un cambio nas maiorías de goberno outorgáselle unha importancia moi relevante aos erros ou ás deficiencias protagonizadas polo Executivo perdedor e non tanto ás virtualidades exhibidas por quen accede á xestión das institucións. Tratase dunha lóxica analítica na que se prioriza a enumeración dos elementos racionais por riba das consideracións a respecto do clima emocional creado antes dos comicios. Estamos ante unha pregunta clásica: canto pesan os sentimentos na decisión de voto? Ou dito doutro xeito: que compoñentes conforman o comportamento final do electorado?
Se manexamos códigos de análise racional teriamos que partir dun feito destacado que condicionou notabelmente o desenvolvemento da lexislatura que agora remata. O xurdimento dunha gravísima crise non prevista -a COVID e as súas consecuencias- puxo a proba a capacidade de reacción do goberno de coalición e dos seus apoios parlamentares. E a resposta rexistrada -concretada no conxunto de medidas adoptadas durante os anos 2020, 2021 e 2022- foi razoabelmente boa, mesmo na comparativa con outros Estados da contorna europea.
Se na grande maioría dos estudos de opinión realizados ate o momento aparece un apoio maioritario ás accións tomadas polo goberno do Estado para protexer aos sectores sociais afectados polas consecuencias da pandemia, como é posíbel que se teña instalado, entre sectores significativos do corpo social, un estado de opinión extremadamente belixerante contra Pedro Sánchez?
Velaquí un primeiro paradoxo: se na grande maioría dos estudos de opinión realizados ate o momento aparece un apoio maioritario ás accións tomadas polo goberno do Estado -algunhas delas, en colaboración coas CC.AA.- para protexer aos sectores sociais afectados polas consecuencias da pandemia -e despois polas derivadas da guerra de Ucraína-, como é posíbel que se teña instalado, entre sectores significativos do corpo social, un estado de opinión extremadamente belixerante contra Pedro Sánchez? Non hai respostas suficientemente contrastadas a este interrogante. Existe, sen dúbida, un factor estrutural: a dereita política e mediática do Estado español non aceita ficar desprazada do control das ferramentas de poder durante un período de tempo prolongado. Posúe unha concepción extremadamente patrimonialista a respecto das institucións políticas que lles leva a utilizar todo tipo de tácticas conducentes a viabilizar canto antes a recuperación do control perdido. Ademais desta liña de fondo, cabe pensar en dúas explicacións adicionais vinculadas ás situacións vividas dende o abandono de Mariano Rajoy da Moncloa. Por unha banda, as decisións adoptadas a respecto de Catalunya (creación dunha Comisión de diálogo, concesión de indultos, eliminación do delito de sedición...) destinadas a reducir o nivel de crispación acadado polo conflito desenvolvido a partir do ano 2015, seguramente orixinaron unha forte reacción naqueles sectores que sentiron cuestionado o seu xeito de entender a identidade nacional española Ao mesmo tempo, as importantes mobilizacións feministas acontecidas despois da violación da "manada" en Pamplona e as novas regulacións legais aprobadas nestes anos (singularmente a chamada "Lei trans" e a "Lei de só o si é si") excitaron as pulsións reactivas daqueles homes que viron nesas mudanzas unha seria ameaza para o mantemento do seu rol de dominio na relación coas mulleres.
Esta dupla corrente emocional asociada ao cuestionamento de dúas identidades moi consolidadas na estrutura social está actuando na xestación dos comportamentos electorais de cara ao vindeiro día 23. Tamén operan, loxicamente, movementos de resposta a semellantes expectativas involucionistas. Falta por coñecer a dimensión concreta dos impactos de ambos estados de opinión nos números que saian das urnas.
Nos meses que leva en Madrid e, sobre todo, nas semanas transcorridas de precampaña electoral, Feijoo certificou a vixencia de dúas características básicas que conforman a súa personalidade pública: carencia dunha bagaxe propia de ideas no ámbito do pensamento conservador e utilización sen escrúpulos de calquera medio para conquistar e manter o poder
Despois do 23-X podería ocorrer unha circunstancia singular. Se Núñez Feijoo acada a presidencia do goberno central estariamos ante un dirixente político que foi quen de gañar todas as confrontacións electorais que protagonizou dende o ano 2009. Por méritos propios ou por un sumatorio de erros dos seus adversarios e de acontecementos azarosos sucedidos neste período histórico? Para quen coñecemos a súa traxectoria política non podemos acreditar na veracidade das súas cualidades xestoras ou na excelencia demostrada no exercicio do seu liderado no PP. Nos meses que leva en Madrid e, sobre todo, nas semanas transcorridas de precampaña electoral, Feijoo certificou a vixencia de dúas características básicas que conforman a súa personalidade pública: carencia dunha bagaxe propia de ideas no ámbito do pensamento conservador (ficando, nese territorio, a moita distancia do seu predecesor Manuel Fraga) e utilización sen escrúpulos de calquera medio para conquistar e manter o poder. A última demostración da súa adhesión á máxima de que o fin xustifica os medios rexistrouse no debate con Pedro Sánchez: aludir a Miguel Ángel Blanco nese contexto significou asumir a miseria moral de que un militante do seu partido, vítima de ETA, pode ser instrumentalizado para unha hipotética obtención de réditos electorais.
Nesta campaña que agora remata, Alberto Núñez erosionou seriamente o mito de bo xestor e de político moderado construído a partir da súa andaina na Xunta. Cando algúns medios e/ou dirixentes partidarios descubriron o que había debaixo dese retrato propagandístico, xa non tiveron tempo para reaccionar adecuadamente. Así se escrebe a historia nalgunhas ocasións.