O dogma das rendas

CC-BY-SA Praza Pública

Resulta moi lamentable observar como, a pesares das incontables evidencias, as elites políticas e económicas seguen aínda hoxe en día defendendo a aplicación da ortodoxia nas políticas de rendas. Unha posición que lles leva a tomar malas decisións tal que impiden un crecemento económico san e robusto.

Unhas ideas, un dogma, que se apoian na tese de que é o incremento nas ganancias das rendas de capital quen garanta o crecemento económico e a creación de emprego. Paralelamente as citadas elites defenden, de novo sen ter en conta as evidencias, que para mellorala competitividade das empresas e favorecela expansión das ventas, que impulsarían o crecemento económico e a creación de emprego, a mellor e mais eficaz solución é conxelar, incluso mellor reducir, o peso dos salarios para así non danar a produtividade e a competitividade das empresas ao tempo que se evita que se dispare a inflación. Unhas teses que indirectamente defenden a desigualdade como motor do crecemento económico e o benestar.

Unhas ideas que, como demostra a historia das últimas décadas, están profundamente equivocadas. Sí volvemos a vista atrás e miramos o comportamento das rendas en Europa durante a chamada idade de ouro do capitalismo -período histórico que iría dende o final da II guerra mundial en 1945 deica a crise do petróleo de 1.973- observamos como se combinaron altas taxas de crecemento económico con elevados niveis de emprego e un crecente peso das rendas de traballo na riqueza nacional (1). Por si esta evidencia non fora suficiente sólida por si mesma temos o exemplo europeo onde sucede que os estados con maiores salarios medios son tamén os que teñen maiores niveis de ocupación e menores niveis de desigualdade (2). Unhas desigualdades nas rendas e no emprego que supoñen tamén grandes desigualdades a nivel territorial como, por caso, sucede en España onde as comunidades con maior riqueza son tamén as que teñen mellores salarios e maiores índices de ocupación. Noutro extremo as comunidades, como por caso Galicia, con salarios mais baixos e menores niveis de ocupación son tamén as de menor nivel de riqueza (3)

O dogma das rendas non resiste o contraste coas evidencias empíricas. Resulta facilmente demostrable que na asunción deste dogma polos gobernos está unha das explicacións ás sucesivas crises sistémicas que nas últimas cinco décadas ven atravesando o sistema capitalista. Porque o crecemento das desigualdades viu da man dunha enorme concentración de riqueza no extremo superior das rendas de capital que coinciden maiormente coas rendas do capital financeiro e especulativo. Este brutal crecemento do capital financeiro, nun marco de liberalización e desregulación do mesmo, foi unha das causas fundamentais das últimas crises no capitalismo mundial (4). 

Por todas estas evidencias se pode afirmar que, por caso, a negativa tanto do empresariado español (CEOE) e galego (CEG), como das elites galegas (Xunta de Galicia) e dunha parte do goberno español (Ministerio de Economía), a unha modestísima suba do SMI, argumentando que afectaría ao emprego e a rendibilidade das empresas, é unha posición equivocada. Este tipo argumentos incorren en erros por que están baseados no dogma das rendas que ignora que en último término os empregos sempre dependen da demanda efectiva quen a súa vez, como sucede igualmente coa competitividade, depende de moitos factores distintos das rendas como, por caso, a produtividade quen depende mais dos custos laborais unitarios que da moderación salarial.

Non está demais o subliñar que dende que se aprobara a anterior suba do SMI a evolución do emprego en España e en Galicia non dou sinais de que se resentiría por tal suba senón todo o contrario incluso coa pandemia enriba (5).

 

Nota

(1): Thomas Piketty: "El capital en el siglo XXI"

"Capital e ideología"

(2): EUROSTAT: estadisticas europeas. (https://ec.europa.eu

(3): INE: estadísticas territoriales. (https:/www.ine.es)

(4): Vicenc Navarro: "Ataque a la democracia y al bienestar".

(5): INE: mercado laboral (https://www.ine.es)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.