O efecto boomerang do nacionalismo español

CC-BY-SA Praza Pública

Hai certo acordo en asignar ao PCE un papel ben relevante na construción do orde constitucional español trala morte do ditador. Á luz aínda do caso portugués, a súa legalización pechaba definitivamente a deriva revolucionaria e reforzaba a imaxe de “partido de orde”. O que é significativo e destacábel aquí é que este proceso se fixo mediante a asunción “de la bandera bicolor, la monarquía y la unidad de España”. Non o digo eu: explícao con detalle todo un Gregorio Morán no seu libro Miseria y grandeza del partido comunista en España (1939-1985). O PSOE experimentou un proceso semellante entre o Congreso de Suresnes (1974) e o Congreso extraordinario de setembro de 1979. 

Con Felipe González prodúcese unha reorientación do partido que pivotou, no ideolóxico, entorno á renuncia do socialismo marxista e das teses autodeterministas. Hai que lembrar, así mesmo, que en Suresnes se definiu, en conexión con propostas existentes na II República, un “dereito á autodeterminación das nacionalidades de España”. Esta reminiscencia do pasado republicano no que concirne á cuestión nacional non é allea ao PCE, polo menos até que entra no consenso do 78. Atópanse discursos e documentos que avalan isto. Como remarcou Dolores Ibárruti no setembro de 1970 ante o Comité Central do partido, “(...) los comunistas nos pronunciamos por el reconocimiento, sin ninguna limitación y con todas las consecuencias, del derecho de las nacionalidades a la autodeterminación”. Pero todo isto desapareceu das coordenadas políticas da chamada esquerda española, tanto da que se propulsa a partires do postfranquismo como da nova esquerda parlamentaria que xurde coa crise de 2008.

A cuestión nacional deixa de ser abordada dende o “dereito á autodeterminación das nacionalidades” de xeito definitivo e nunca máis se volveu atrás nisto. O peor de todo é que este terreo baleiro pasa a ser ocupado por unha nova forma de nacionalismo español que se amosa como inocuo, a miúdo coma simple constitucionalismo. Trátase dun nacionalismo que non se admite con facilidade polos mesmos que o protagonizan, e que se adoita naturalizar até facerse invisible, segundo dixo algunha vez Nuñes Seixas. Porén, pode que haxa un certo progresismo español que o viva con contrariedade, por que en ocasións houberon trazos vagos e difusos de ideas federalizantes nas súas propostas. O concepto de “España plural” que proxectou Zapatero viu a ser, seguramente, unha das últimas veleidades ao respecto. Sexa coma sexa, xamais foi máis alá da retórica.

O que é tan verídico como punzante son os feitos. Lémbrense da LOAPA, daquel pacto da UCD co PSOE que non deixaba de ser unha intromisión aos autogobernos autonómicos e ao proceso de transferencia de competencias. Lémbrense tamén da guerra bruta contra ETA: a vergoña que representa empregar recursos e medios do estado para cometer crimes. Felipe González era Presidente do Goberno español e Barrionuevo era Ministro de Interior. Nada disto é comprensible se non é a razón de que no Estado español se gobernou e se goberna cunha visión militante ou nacionalista. Incluso nas pequeneces está o xesto nacionalista. Adoptouse como festa nacional española, no ano 1987 e da man do PSOE, o día 12 de outubro en vez do día 6 de decembro. É dicir, optouse pola conmemoración da hispanidade en lugar do “día da constitución democrática”, como se acostumou facer na maioría de estados democráticos europeos.

Dicíamos que a derradeira foi a “España plural” de Zapatero. Pois esta, vexámola coma impostura ou como pretensión real, non só atopou, xa de inicio, o muro de contención do PP, senón que tamén fixo colisión cos espadachíns do mesmo PSOE: cos varóns territoriais máis reaccionarios e cos Felipe González, Alfonso Guerra, Solana, entre outros. As formas federalizantes, simuladas ou reais, insisto, duraron ben pouco. Dinamitouse dende a oposición política e fixo implosión polo nacionalismo rampante no seno do PSOE. E daquela retórica federalizante so quedou vivo un proceso de descentralización que en Catalunya coñecemos sobradamente e que colleu forma coa reforma do Estatuto de autonomía no 2006. 

Dende entón, é público e notorio o desenvolvemento dos acontecementos. Recortouse en dúas ocasión o Estatuto de autonomía, unha cos Pactos da Moncloa entre Mas e Zapatero, e a outra coa sentencia do TC en xuño de 2010. Aínda recordo a Alfonso Guerra en rolda de prensa, fanfurriñando, “nos cepillamos el Estatut de Catalunya (...)”. Ao final, no setembro de 2011, e en sede parlamentaria, Zapatero volveu a poñer de relevo cal é a súa visión territorial sobre o Estado español e xa se apreciaba unha diferencia de peso en relación á retórica que empregaba antes: “España plural, pero España”, dixo. Mensaxe recibida. Será isto, España, ao fin e ao cabo. Como se se tratara do mito de Sísifo, todo acaba retornando, no fundamental, á idea dominante de nación española. A decimonónica, a que foi forxada á forza, a que mira altiva e se expón unívoca e inalterable. A que non acepta validación democrática algunha. 

Isto, amigos e amigas das periferias, é o que está detrás das bambolinas e que se expresa con toda crueldade co silencio e a complicidade do progresismo español diante as aberracións cometidas en nome da unidade de España. Golpeáronnos o día do referendo, cesaron o Goberno catalán coa aplicación do artigo 155 CE, destituíron a traballadores/as da Generalitat, impuxeron unhas eleccións ad hoc, xulgan líderes sociais e representantes electos, impiden o retorno dos exiliados/as. Menten, censuran, prohiben e difaman até o infinito e máis alá. Esta é a mesma España á que se aliñou Pedro Sánchez, e é a mesma que o fulminou, impertérrita, a unhas escasas 24 horas de marxe tras pronunciar a palabra “relator”. Éche o que hai. Cando entras no xogo do nacionalismo español, hai que seren moi ultra, por que corres o risco de que che de na cara co efecto boomerang

*Agradezo, dende a amizade, os suxerimentos que me fixo Roger Fusté arredor do artigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.