O efecto Puigdemont

Carles Puigdemont © Eldiario.es

Imos ver este luns 4-Ou o remate do affaire atinxente ao prendemento do president catalán no exilio, Carles Puigdemont. Neste día celébrase a vista para a súa extradición na Corte de Apelación sarda de Sassari, despois de que o Tribunal Supremo español lle maniféstase á devandita Corte a total vixencia da euroorde de prendemento decidida contra él e contra da consellera Ponsatí e do conseller Comín polo Tribunal Supremo (TS) español .

Este asunto xudicial non lles é máis ca unha total trapallada española. En marzo de 2021 o Parlamento europeo decidiu despoxar Puigdemont da súa inmunidade parlamentaria, executando unha decisión xudicial española. Recorreu o president perante a xustiza europea e ésta de xeito cautelarísimo outorgoulle inmunidade, da que lle privou o pasado 30 de xullo, ao coidar que era imposíbel que se dese un prendemento por parte de calquera tribunal de calquera Estado membro da UE, pois que a Avogacía do Estado do Reino de España manifestara que a euroorde do TS contra del perdera vixencia por mor da cuestión prexudicial remesada polo mesmo TS ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) para clarexar se a decisión da xustiza belga ao rexeitar a euroorde a respecto do conseller Lluis Puig era concorde coa normativa que regulaba os devanditos pedimentos de colaboración xudicial interestatal europea. 

Porén a euroorde do TS segue vixente e o Tribunal sardo ha considerala este luns 4-Ou, quer para admitila, quer para rexeitala. Mais a xustiza europea considerou ésta non vixente pola manifestación do representante proecsual do Estado español, que é vencellante para todos os Poderes do Estado, mesmo para o TS. E a propia xustiza europea sinalou que, de existir algún risco de prendemento para Puigdemont, outorgaría medidas cautelares de inmunidade. Velaí a solicitude que os avogados do president fixéronlle este venres 1-Ou ao Tribunal Xeral da Unión Europea, que habería ser resolvida de xeito favorábel, quer este mesmo luns 4-Ou, quer moi pouco tempo despois.

Xa que logo, a xustiza española vai perder si ou si. E Italia vai ser o cuarto Estado da UE (logo da Alemaña, Bélxica e Escocia antes do brexit), canda a neutral Suiza, en rexeitar unha extradición española que incumpre, ao xuizo dos Tribunais destes estados europeos, principios de dereitos fundamentais como o da dupla tipicidade (no acervo xurídico europeo non existe a sedición e a malversación impropia española non se corresponde coa corrupción prevista nas euroordes) ou o xuiz ordinario predeterminado pola lei (Puigdemont habería ser axuizado polo Tribunal Superior de Catalunya e non polo TS; ser xulgado polo TS faille perder o seu dereito fundamental ao recurso de apelación). 

 

A vixencia do efecto Puigdemont

Nestas datas nas que se cumpren catro anos do referéndum de autodeterminación catalán (1-Ou) e da folga de país contra da represión daquela data (3-Ou) a presenza europea do president Puigdemont reflicte diante da Europa e o mundo todos as deficiencias democráticas dos poderes xudicial e executivo españois e o grandísimo acerto estratéxico da vía do exilio e da reivindicación europea e internacional que comezou o xironés aquel luns 28-Ou de 2017 no que marchou de Catalunya. 

Velaí que, canda as lexítimas institucións autonómicas catalás (desgrazada e indisólubelmente vencelladas aos procesos electorais nados do 155, no 2017, e do inxusto cesamento xudicial do president Torra no 2019), o legado do 1-Ou habería ser gardado por institucións suprapartidarias (como o president Puigdemont ou o Consell per la República) que poidan trascender á división entre partidos e reconducir á unidade a estes e ás organizacións da sociedade civil, como a ANC ou Omnium.

En calquera caso, Carles Puigdemont constitúe un referente, non só para a ciadadanía de Catalunya, senón para unha Europa que quere vivir en democracia e liberdade refugando das correntes autoritarias e supremacistas que xurden decote no Vello Continente e, nomeadamente, xurdiron no Estado español dende e despois do outono catalán de 2017. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.